O Libro de Xonás é un breve libro da Biblia que relata as andanzas e predicacións de Xonás, encargado por Iavé de chamar á conversión aos habitantes de Nínive. O ton anecdótico e case humorístico do libro garda unha mensaxe universalista e unha imaxe dun Iavé clemente, que o converten en case unha excepción no conxunto da Biblia.
Contido
O libro céntrase na relación entre Xonás, o profeta, e o seu deus, Iavé. Este chama a Xonás para que predique a conversión aos habitantes de Nínive, capital do Imperio Asirio. Xonás resístese e intenta fuxir, pero Deus, por medios milagreiros, obrígao a cumprir coa súa misión.
O libro remata co perdón a Nínive e co enfado de Xonás por ser Deus demasiado misericordioso.
Autor
A tradición atribúe este libro a Xonás, profeta xudeu do tempo do rei Xeroboam II, cando a cidade de Nínive estaba no cume do seu poder.
Aínda así, a linguaxe e o contido universalista do libro fan pensar nun autor moi posterior, que fixo protagonista a Xonás dunha narración que pouco tiña que ver coa personaxe histórica.
Xénero literario
Colocado entre os profetas menores, os estudosos actuais tenden a consideralo un libro de xénero didáctico, un pequeno relato cunha ensinanza moral que habería que considerar como un máis dos libros sapienciais:
O libro enteiro está ocupado pola narración das andanzas de Xonás. A predicación limítase a unha frase: "Dentro de corenta días, Nínive será destruída".
O ton popular, anecdótico e cheo de humor do libro miran cara a unha narración que se contaba de pais a fillos, non ao discurso dun predicador ou a unha reflexión teolóxica recollida por escrito.