O amor é un concepto universal relativo á afinidade entre seres, definido de diversos xeitos segundo as diferentes ideoloxías e puntos de vista (artístico, científico, filosófico, relixioso). A miúdo, e fundamentalmente en Occidente, interprétase como un sentimento relacionado co afecto e o agarimo, e resultante e produtor dunha serie de actitudes, emocións e experiencias. No contexto filosófico, o amor é unha virtude que representa todo o afecto, a bondade e a compaixón do ser humano. Tamén se pode describir como accións dirixidas cara a outros e baseadas na compaixón, ou ben como accións dirixidas cara a outros (ou cara a un mesmo) e baseadas no afecto.[1]
En galego, a verba amor (do latín, amor, -ōris) abrangue unha gran cantidade de sentimentos diferentes, dende o desexo pasional e de intimidade do amor romántico, proximidade emocional asexual do amor familiar e o amor platónico,[2] até a profunda devoción ou unidade do amor relixioso.[3] Neste último terreo, transcende do sentimento e pasa a considerarse a manifestación dun estado da alma ou da mente, identificada nalgunhas relixións con Deus mesmo ou coa forza que mantén unido o universo.
As emocións asociadas ó amor poden ser extremadamente poderosas, chegando acotío a ser irresistibles. O amor nas súas diversas formas actúa como importante facilitador das relacións interpersonais e, debido á súa importancia psicolóxica central, é un dos temas máis frecuentes nas artes creativas (cine, literatura, música).
Dende o punto de vista da ciencia, o que se coñece como amor semella ser un estado evolucionado do primitivo instinto de supervivencia, que mantiña ós seres humanos unidos e heroicos ante as ameazas e facía máis doado a continuación da especie mediante a reprodución.[4]
A diversidade de usos e significados e a complexidade dos sentimentos que abarca fan que o amor sexa especialmente difícil de definir dun modo consistente, aínda que, basicamente, o amor é interpretado de dúas formas: baixo unha concepción altruísta, baseada na compaixón e a colaboración, e baixo outra egoísta, baseada no interese individual e a rivalidade. O egoísmo adoita estar relacionado co corpo e o mundo material; o altruísmo, coa alma e o mundo espiritual. Ambos son, segundo a ciencia actual, expresións de procesos cerebrais que a evolución proporcionou ao ser humano; a idea da alma, ou de algo parecido á alma, probablemente apareceu fai entre un millón e varios centos de miles de anos.[5]
A miúdo, sucede que individuos, grupos humanos ou empresas disfrazan o seu comportamento egoísta de altruísmo; é o que coñecemos como hipocrisía, e atopamos numerosos exemplos do devandito comportamento na publicidade. Reciprocamente, tamén pode ocorrer que, nun ambiente egoísta, un comportamento altruísta se disfrace de egoísmo: Oskar Schindler proporcionou un bo exemplo.
Os seres humanos podemos desenvolver en esencia dous tipos de actitudes: baixo unha delas somos altruístas e colaboradores, e baixo a outra somos egoístas e competidores. Existen persoas totalmente polarizadas cara a unha das dúas actitudes por vontade propia; por exemplo, os monxes budistas están totalmente envorcados cara ao altruísmo, e os practicantes do obxectivismo, cara ao egoísmo. E tamén existen persoas que combinan ambas as formas de ser, comportándose, unhas veces, de forma altruísta e colaboradora, outras, de forma egoísta e competitiva, e outras, de forma parcialmente altruísta e competitiva. Nalgunhas partes do mundo predomina o altruísmo (Tíbet), de modo que o egoísmo vese en xeral como algo negativo. E existen grupos humanos onde sucede o contrario. Todas as guerras da historia naceron do egoísmo por parte de, polo menos, un dos dous bandos; todas as situacións conflitivas do ser humano proceden do egoísmo.
Enfoque científico do egoísmo e o altruísmo
Richard Dawkins interpreta ambas as actitudes como as expresións do instinto de conservación do individuo (egoísmo) e da especie (altruísmo). Explica que, segundo unha teoría aceptada por algúns biólogos, herdamos os xenes responsables de tales actitudes de especies antecesoras, e que, antes da nosa chegada, a evolución biolóxica estivo probablemente controlada por un mecanismo denominado «selección de grupos»; en virtude deste mecanismo, os grupos de individuos nos que houbese máis membros dispostos a sacrificar a súa vida polo resto terían maior probabilidade de sobrevivir que os que estaban compostos por individuos egoístas; isto daría como resultado que o mundo terminase poboado por individuos altruístas. É unha teoría que, aínda que proporciona unha explicación para o feito de que actualmente o altruísmo predomine no mundo, xera gran controversia no mundo científico por contradicir directamente a teoría darwinista; por iso, a explicación persoal do autor acerca da supervivencia do altruísmo no marco darwinista do egoísmo individual é que a unidade de supervivencia non é o individuo, senón o xene; é dicir, baixo este punto de vista, os seres humanos e os grupos de seres humanos somos «máquinas de supervivencia» «creadas» polos xenes no seu propio beneficio.[6]
En calquera caso, argumenta Dawkins, polo feito de ser a primeira especie racional, tamén somos a primeira especie na historia da evolución quen de elixir entre ambos os tipos de comportamento de forma voluntaria, actuando polo tanto de forma «independente» a nosa propia programación xenética.[6]
A evolución parece producirse mediante procesos solapados entre si e progresivamente refinados. A un nivel inmediato, funciona mediante un simple, xigantesco e irracional proceso de ensaio e erro; os éxitos de determinado estado de organización facilitan a súa continuación. Con todo, a medida que a organización se vai desenvolvendo cada vez máis, aparecen de forma espontánea métodos de predición estratéxica, que elixen camiños indirectos que, a curto prazo, mesmo poden parecer un erro, pero que, considerados en conxunto, constitúen un acerto; este tipo de «condutas» puideron observarse en modelos virtuais de evolución programados nunha computadora; a conduta agresiva e egoísta constitúe un primeiro nivel de superorganización, en virtude da cal o individuo «comprende» que para a súa supervivencia debe «atacar» aos seus rivais antes de acudir directamente á recompensa, e a conduta altruísta é un segundo nivel que xorde no momento en que os individuos desenvolven a capacidade de comunicarse entre si; en modelos computacionais observouse o desenvolvemento completamente espontáneo de combinacións de ambos os mecanismos, de tal modo que un individuo comunícase con outros varios e «mente» ao resto en beneficio do grupo. O egoísmo, deste xeito, aparece desde a perspectiva do grupo como un comportamento táctico, e o altruísmo como un comportamento estratéxico.
A intelixencia constitúese como un nivel adicional de superorganización que permite a análise da situación global e a predición do mellor camiño a seguir mediante a substitución en boa medida do método físico do ensaio e erro por un proceso paralelo e «virtual», tamén suxeito a evolución, que se desenvolve integramente no cerebro dos individuos e que se transmite de forma igualmente «virtual» ás xeracións seguintes mediante a educación. Segundo a teoría da singularidade tecnolóxica en conxunción co concepto de transhumanismo, suxírese que pronto teremos a posibilidade de programar de forma «artificial» nosa propia evolución da forma máis beneficiosa para todos,[7] aínda que, con todo, existen críticas respecto diso.[8][9]
Concepción altruísta
O altruísmo pode entenderse como altruísmo puro, onde non existen apego nin desexo, como no caso do budismo, ou ben como «egoísmo altruísta», como no caso do cristianismo, onde existen apego a un ser superior e o desexo de obter a salvación. Na práctica, en ambas as relixións existen apego e desexo, e no budismo existe unha última etapa previa á iluminación que consiste na renunciación a todos os logros conseguidos a cambio de nada, co obxectivo de destruír o ego completamente. Para o chamado «altruísmo puro», non existe posibilidade de negociación; as relacións non son competitivas, senón colaborativas: un procura o benestar dos demais sen esperar nada a cambio, e os demais procuran o benestar dun.
O budismo sitúa ao apego e ao desexo como emocións negativas que tamén producen ira e, en definitiva, sufrimento. Apego, desexo, ira, medo e ignorancia (por exemplo, falta de comprensión do sufrimento alleo) contribúen a reforzar o ego. Na filosofía budista, o amor real é o amor compasivo, e o amor e o ego son incompatibles.[10] Recentes estudos científicos demostraron que a meditación produce un incremento da actividade nas zonas cerebrais relacionadas coas emocións positivas e unha diminución da actividade nas zonas relacionadas coa ira e a depresión.[11][12]
O «egoísmo altruísta» é a filosofía das relacións humanas predicada por Xesucristo («ama a Deus sobre todas as cousas e ao próximo como a ti mesmo»).
O altruísmo é a forma de entender o amor para Leibniz, quen cre que, se un realmente entende e busca o amor, sempre obterá pracer na felicidade doutro.[13]
Amar verdadeiramente, e dun modo desinteresado, non é outra cousa que atopar pracer nas perfeccións ou na felicidade do obxecto.[14]
Matthieu Ricard, doutor en bioquímica e monxe budista, pon como exemplo os comportamentos altruístas que existiron entre xudeus descoñecidos entre si durante a ocupación nazi para ilustrar o feito de que os seres humanos somos altruístas por natureza. «Como cabe pensar que actuasen por egoísmo nesa situación?», argumenta.
O amor compasivo desde o punto de vista científico
Matthieu Ricard someteuse a un exhaustivo estudo mediante escáneres cerebrais baixo un estado especial de meditación no que se xera un estado de amor e compaixón puros e non enfocados cara a nada nin ninguén en particular. Os resultados mostraron un aumento sen precedentes na actividade do córtex prefrontal esquerdo do cerebro, relacionado coas emocións positivas, mentres que a actividade na zona do lóbulo dereito relacionada coa depresión diminuía, coma se a compaixón fose un bo antídoto contra a depresión. E tamén diminuía a actividade da amígdala, relacionada co medo e a ira. Doutra banda, un grupo de empregados dunha empresa realizaron 30 minutos diarios de meditación durante 3 meses. Ao longo do estudo, reportaron un descenso nos seus niveis de ansiedade, e púidose ver que tamén se incrementaba a actividade da súa córtex prefrontal esquerdo.[11][12]
Concepción egoísta
A concepción anterior é diametralmente oposta á do capitalismo, que promove o chamado «egoísmo inherente ao ser humano», e sobre o cal se basea.[17]Ayn Rand defende que o egoísmo é en esencia un sentimento nobre, e que cada persoa é responsable da súa propia felicidade e non da dos demais. Este pensamento está intimamente ligado ao capitalismo puro.[18]
Xuro, pola miña vida e polo meu amor por ela, que nunca vivirei polo ben doutro home, nin pedirei a outro home que viva polo meu.[19]
O amor sexual, en calquera das súas variantes, constitúe así mesmo un amor marcadamente egoísta; o que se manifesta como un altruísmo cara á parella constitúe unha manifestación de puro egoísmo respecto ao resto da sociedade; o propio acto sexual desenvólvese baixo un estado de egoísmo persoal no que o individuo busca o seu propio pracer, xa sexa de forma directa ou pola gratificación que lle produce o pracer da súa parella. Na mesma liña, Sigmund Freud consideraba que todas as motivacións humanas tiñan uns antecedentes libidinosos, e, polo tanto, egoístas. Ao considerar o amor compasivo sublimado, describe o amor como un comportamento exclusivamente narcisista; para el as persoas só aman o que foron, o que son, ou o que ambicionan ser; distingue, mesmo, entre graos saudables e patolóxicos de narcisismo. Escribiu, entre outras cousas, que o amor incondicional dunha nai leva a unha perpetua insatisfacción: «Cando un foi incontestablemente o fillo favorito da súa nai, mantén durante toda a súa vida ese sentimento de vencedor, mantén o sentimento de seguridade no éxito, que en realidade raramente satisfaise». É unha forma de entender as relacións humanas que se estendeu durante o século XX desde os Estados Unidos a outros países occidentais, e actualmente existe unha dura pugna entre os seus defensores e detractores. Francia e a Arxentina son os dous países que máis se resisten a abandonar a cultura do psicanálise. En España, máis do 9% dos psicólogos seguen xa este paradigma.[20][21]
O amor na sociedade capitalista
O capitalismo sitúa á sociedade dentro do marco dun proceso de produción. Con este marco, o amor convértese nun elemento máis do devandito proceso. As empresas analizan ao ser humano e buscan a forma de extraer del a maior cantidade de consumo, non dubidando en utilizar o amor e o sexo como reclamo dun modo desnaturalizado e grotesco: a empresa evoca nos consumidor sentimentos amorosos e de desexo, pero o seu fin último non é buscar o amor nin o sexo por parte do consumidor, senón o seu diñeiro e o seu traballo. Como consecuencia, prodúcese deshumanización ao identificarse o amor a outro ser humano co amor a un produto, xa que dita asociación trae, inevitablemente, a asociación do propio ser humano cun produto. Gilles Deleuze e Félix Guattari consideran que o capitalismo produce unha perversión do concepto natural do amor, situando ao ser humano como parte dunha máquina produtora e destruíndo o concepto do corpo e a alma.[22] Escriben, en Anti-Edipo: «o capitalismo recolle e posúe a potencia absurda e non posuída da máquina. [...] en verdade, non é para el nin para os seus fillos que o capitalista traballa, senón para a inmortalidade do sistema. Violencia sen finalidade, alegría, pura alegría de sentirse nunha engrenaxe da máquina, atravesado polos fluxos, cortado polas esquizias.»[23]Michel Foucault, referíndose á sociedade capitalista, insiste no seu prefacio de 1977 para a edición inglesa de Introdución ao esquizoanálisis que se opón «non só ao fascismo histórico, senón tamén ao fascismo que hai en todos nós, nas nosas cabezas e no noso comportamento diario, o fascismo que nos fai amar o poder, desexar esa mesma cousa que nos domina e explota».[24] Podemos atopar unha aberta declaración de moitos dos actualmente tácitos valores do capitalismo agresivo no Manifesto futurista, escrito por Filippo Tommaso Marinetti, en 1909.[25]
Dentro da cadea produtiva, ou, como se coñece no mundo anglosaxón, «cadea de comodidade», a mentira tamén é un elemento válido; de feito, é un elemento recorrente e necesario para que o sistema non sucumba. É, literalmente, o que en política coñécese por demagoxia; méntese ao consumidor con propósitos egoístas, e iso leva, segundo os autores anteriormente citados, a unha «esquizofrenia» das relacións humanas a todos os niveis, facendo imposible o amor real.[22]
Werner Sombart consideraba a desnaturalización do amor na sociedade como unha última etapa dun proceso destrutivo de evolución que non é privativo da cultura occidental: En primeiro lugar, o amor perdeu a súa individualidade co cristianismo, que o unificou e teocratizou: ningún amor era xenuíno se non proviña de Deus, se non era aprobado pola Igrexa. Seguiulle un período de «emancipación da carne», que comezou con tímidas tentativas e que se continuou, cos trobadores, cun período de sensualidade máis acentuada, de desenvolvemento pleno do amor libre e inxenuo. Por último, apareceron unha etapa de gran refinamento e, como colofón, a relaxación moral e a perversión.[26]
Consideracións con respecto ao amor
Nas relacións do ser humano co seu medio, o amor pode significar unha ou máis dunha das seguintes manifestacións do termo "amor":
Amor entre familiares: nace dun sentimento profundo de gratitude e recoñecemento de que somos o que somos grazas a parte da nosa familia.
Amor polos amigos: nace da necesidade do ser humano de socializarse.
Amor romántico: nace na expectativa de atopar a alguén que nos proporcione satisfacción e produza verdadeira felicidade. Este sentimento idealiza en certo grao á persoa obxecto da nosa expectativa, definida na nosa psique.
Amor confluente: Amor entre persoas capaces de establecer relacións de parella, definido a mediados do século XX. Aparece por oposición ao amor romántico: non ten que ser único, non ten que ser para sempre, non supón unha entrega incondicional etc.[27]
Amor polo próximo: nace do uso da facultade da mente de empatizar.
Amor polos animais: nace na necesidade que todos temos de sentirnos protectores de alguén máis indefenso que nós.
Amor por algo abstracto ou inanimado: unha idea, unha meta, unha lingua, á patria (patriotismo) ou ao lugar de nacemento, á honra e á independencia (integridade).
Amor por un deus ou unha deidade (devoción): nace na educación que desde pequenos se recibe. O anhelo que de adultos se sente polo sentimento infantil de sentirse protexidos produce apego á esa figura abstracta.
Amor propio. Nun sentido arcaico, é o amor no que non se ten en conta máis que a un a mesmo, egoistamente; egoísmo. Nun sentido usual actual é o sentimento da valía persoal e da propia dignidade.
Definicións segundo os filósofos
Platón: "Todo desexo das cousas boas e de ser feliz é amor".
Descartes: "O amor é unha emoción da alma causada polo movemento dos espíritos que incita a unirse de vontade aos obxectos que parecen ser convenientes"
Spinoza: "O Amor non é outra cousa ca un gozo acompañado da idea dunha causa exterior, [..] o que ama esforzarase necesariamente en ter presente e en conservar a cousa que ama."
Hegel: "Amor significa conciencia da miña unidade con outro, de tal maneira que non estou para min illado, senón que consigo a miña autoconciencia ao abandonar o ser para si e saberme como unidade do outro comigo."
Unamuno: "Non hai verdadeiro amor senón na dor, e neste mundo hai que escoller entre o amor, que é a dor, ou a dita."
Amor platónico
Amor platónico é unha expresión que, no seu uso común, pretende referirse á visión filosófica que tivo Platón sobre o amor, aínda que a malinterpreta por completo[28]. Esta denominación popular ten como significado o amor non correspondido ou imposible que, por iso, persiste como un ideal, inalcanzable. Isto é radicalmente diferente da concepción platónica de eros ou amor, e constitúe unha vulgarización inaceptable da súa teoría.
Propiamente dito, e segundo a filosofía de Platón, tal como el se expresa na obra O banquete, o amor é a motivación, o impulso que leva ao coñecemento da Idea de Beleza, así como á contemplación da mesma. Esta orientación prodúcese nun proceso gradual que comeza coa apreciación da aparencia da beleza nunha persoa (a beleza puramente física), continúa coa beleza física en xeral, e logo avanza cara a apreciación da beleza espiritual (a do carácter, a da alma), a da beleza das leis e os costumes na sociedade, a que se atopa nas artes e nas ciencias etc. Todos estes pasos deben finalmente superarse ata alcanzar o punto cume do proceso: o coñecemento apaixonado, puro e desinteresado, da esencia da Beleza en si, que se mantén incorruptible e sempre igual a si mesma. O coñecemento da Idea da Beleza é o único que é fermoso en si mesmo e por si mesmo, en cuanto aquilo que é causa de que todo o fermoso sexa fermoso. Nisto consiste a "idealidade" do amor platónico: non en ter un amor inalcanzable, senón en amar as Formas ou Ideas eternas, intelixibles, e perfectas. No hai en absoluto elementos sexuais, sinxelamente porque o auténtico amor para Platón no é o que se dirixe a unha persoa senón o que se orienta cara á esencia transcendente da Beleza en si.
O concepto moderno do amor platónico foi desenvolvido nas investigacións que Marsilio Ficino levou a cabo ao sintetizar o platonismo na época Renacentista, por orde de Cósimo de Médici, gobernante de Florencia. «O seu 'neoplatonismo' baseouse en dúas ideas fundamentais: a xerarquía neoplatónica das substancias e a teoría do amor espiritual. A primeira postulaba a idea dunha xerarquía das substancias, ou dunha gran cadea de seres, desde a forma máis baixa da materia física (as plantas), ata o máis puro espírito (Demiúrgo, o deus de Platón), na cal os humanos ocupaban unha posición central, ou intermedia. Eran o vínculo entre o mundo material e o mundo espiritual, e o seu supremo deber era ascender cara a unión co Demiúrgo, a cal, constituía o verdadeiro fin da existencia humana. A teoría de Ficino respecto ao amor platónico, ou espiritual, afirmaba que, ao igual que a xente está unida na súa común humanidade grazas ao amor, desa mesma forma todas as partes do universo mantéñense unidas polos lazos do amor compasivo»[29].
Mitoloxía
As diferentes culturas identificaron o amor con deidades, comunmente tanto na forma masculina como na feminina.