Fillo dun enxeñeiro de Camiños, comezou a deseñar aos trece anos as primeiras litografías. Un ano despois, publicouse o seu primeiro álbum: Les travaux d'Hercule (Os traballos de Hércules). Aos quince anos, Gustave Doré é enrolado como caricaturista no Journal pour rire (Xornal para rir) de Charles Philipon. No mesmo ano, en 1848, estréase no famoso Salón con dous deseños á pluma. En 1849, no pasamento do pai, xa é moi coñecido con tan só dezaseis anos. Vive entón preto da mai. A partir de 1851, ao tempo que expón os seus lenzos, realiza tamén algunha escultura de tema relixioso e colabora con diversas revistas como o Journal pour tous (Xornal para todos). En 1854, o editor Joseph Bry publica unha edición das obras de François Rabelais, ilustrada cunha centena das súas gravuras. Entre 1861 e 1868, ilustra A Divina Comedia de Dante.
De cada máis recoñecido, ao tempo autodidacta e exuberante, Gustave Doré ilustrará entre 1852 e 1883 máis de cento e vinte volumes que non só aparecerían en Francia, senón tamén en Inglaterra, na Alemaña e Rusia. Gustave Doré influirá en numerosos ilustradores.