Casiopea, presumindo de ser tan bela como as Nereidas, provocou a furia de Poseidón, quen enviou unha inundación sobre a terra e un monstro mariño, Ceto, para que acabase con homes e gando. Sabendo polo oráculo de Amón que non poderían atopar unha solución ata casar a súa filla Andrómeda co monstro, o rei Cefeo deixouna encadeada a unha rocha, espida e con xoias.
Perseo, cabalgando polo aire co seu cabalo alado Pegaso de volta tras matar a Gorgona, viu a Andrómeda e namorou dela. Baixou á praia a falar con Cefeo e Casiopea para pedir a súa man se a libraba do monstro mariño. Os pais aceptaron de mala gana. Perseo con Pegaso loitou co monstro mariño, matouno e usou a cabeza da Medusa (que convertía en pedra a quen a miraba e que conseguira cortar Perseo anteriormente) para petrificar o animal e convertelo en coral. Despois desatou a Andrómeda e, cando querían casar, Casiopea negouse porque xa lle prometera a man de Andrómeda ao príncipe Agenor. Perseo loitou contra Agenor e o seu séquito e logo de matar a moitos viuse obrigado a usar a cabeza da Medusa e petrificou os que quedaban. Andrómeda casou felizmente con Perseo.
Tras a súa morte, Andrómeda foi situada por Atenea entre as constelacións do ceo do norte, preto de Perseo e Casiopea. Sófocles e Eurípides (e en época máis recente Pierre Corneille) escribiron varias traxedias a partir da historia, e os seus incidentes foron representados en numerosas obras de arte antigas.
Este mito foi representado nunha versión modificada da película de 1981Furia de titáns.
Representacións
A figura de Andrómeda encadeada á rocha representa o aspecto feble da muller arquetípica que atopa no home o seu defensor natural. Esta visión inspirou moitas obras de arte clásicas. A estrutura do mito repítese en moitos filmes, nos que o heroe rescata a muller indefensa.