Golfo de San Lourenzo

Modelo:Xeografía físicaGolfo de San Lourenzo
(en) Gulf of Saint Lawrence
(fr) golfe du Saint-Laurent Editar o valor en Wikidata
Imaxe
TipoGolfo Editar o valor en Wikidata
EpónimoBaie Saint-Laurent (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Parte deocéano Atlántico Norte Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaTerra Nova e Labrador, Canadá, Nova Escocia, Canadá, Illa do Príncipe Eduardo, Canadá, Nova Brunswick, Canadá e Quebec, Canadá Editar o valor en Wikidata
Mapa
 48°36′N 61°24′O / 48.6, -61.4
Composto por
Conca hidrográficaGulf of St. Lawrence Basin (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Características
Profundidade530 m Editar o valor en Wikidata
Superficie226.000 km² Editar o valor en Wikidata
Superficie da cunca hidrográfica1.600.000 km² Editar o valor en Wikidata
Medicións
Volume físico34.500 km³ Editar o valor en Wikidata
BNE: XX5168340
Mapa batimétrico do golfo de San Lourenzo

O golfo de San Lourenzo (en francés, golfe du Saint-Laurent; en inglés, Gulf of Saint Lawrence) é un vasto golfo do leste do Canadá que comunica co océano Atlántico. Este golfo drena unha gran conca fluvial que comprende os Grandes Lagos norteamericanos. O río San Lourenzo aflúe neste golfo, a través do estuario máis grande do mundo.

Xeografía

O golfo de San Lourenzo está delimitado ao norte pola península do Labrador, ao leste por Terra Nova, ao sur por Nova Escocia (sobre todo a illa de Cabo Bretón) e ao oeste por Gaspesia e Novo Brunswick.

Desemboca no Atlántico a través de dous pasos: o estreito de Belle Isle entre Terra Nova e Labrador e o estreito de Cabot entre Terra Nova e a illa de Cabo Bretón. Unha terceira desembocadura, o estreito de Canso entre a illa de Cabo Bretón e a Nova Escocia continental, foi pechada pola construción do dique de Canso en 1955.

O golfo posúe varios brazos de mar entre os que se atopan a Baie des Chaleurs, o estuario do río Miramichi, a baía de San Xurxo e o estreito de Northumberland.

Ten escasa profundidade (inferior aos 200 metros) e escasa salinidade, con valores en torno ao 30%, debido ás achegas incesantes do río San Lourenzo.[1]

Tributarios

O estuario do río San Lourenzo aflúe no golfo a través de dous estreitos dunha parte a outra da illa de Anticosti: o estreito de Jacques-Cartier ao norte, entre a illa e a Côte-Nord, e o estreito de Honguedo ao sur, entre a illa e Gaspesia.

Ademais do río San Lourenzo, o golfo ten como tributarios os ríos Miramichi, Natashquan, Matapédia, Margaree e o río Humber.

Illas

O golfo comprende varias illas extensas, entre as que se atopan a illa de Anticosti, a illa do Príncipe Eduardo e as illas da Madalena.

A illa de Saint-Paul, á altura da illa de Cabo Bretón, é coñecida como o cemiterio do golfo, como recordo dos numerosos naufraxios que se produciron alí.

A illa Bonaventure preto de Gaspesia así como a illa Brion e as rochas dos paxaros no nordeste das illas da Magdalena son refuxios importantes de aves migratorias mantidos polo Servizo Canadense da Fauna.

Estuario de San Lourenzo

A auga salgada do golfo, proveniente do océano Atlántico, remonta o río San Lourenzo ata a illa de Orleáns, preto da cidade do Quebec.

Historia

O primeiro intercambio suficientemente ben documentado entre europeos e amerindios na rexión do golfo efectuouse en Novo Brunswick o 7 de xullo de 1534, baixo a dirección de Jacques Cartier, enviado oficial do rei Francisco I de Francia. Os pescadores europeos (vascos, bretóns, normandos...) precederan a este último, porque frecuentaban as costas do golfo (e os seus ocupantes) cada verán, desde había un século. Isto, non soamente sobre os bancos de Terra Nova (a plataforma continental desta grande illa á saída do golfo), senón por todas partes onde abundaba especialmente o bacallau.

Posto que pasaban moito tempo secando as súas capturas ao sol e ao vento, sobre vigneaux (enrexados horizontais sobrealzados) instalados sobre a area, os pescadores vían inevitablemente aos indíxenas aproximarse, cos que intercambiaban produtos metálicos europeos (coitelos, anzois, caldeiros...) ou bacallaus... por produtos locais (millo, carnes de caza, salmóns, pequenos froitos, peles...).

O San Lourenzo orixe do topónimo é Lourenzo de Roma, diácono martirizado nos primeiros séculos da cristiandade.

Parques nacionais

A rexión do golfo comprende varios parques nacionais canadenses: Parque Nacional Forillon, Parque Nacional Illa do Príncipe Eduardo, Parque Nacional Kouchibouguac, Parque Nacional Cape Breton Highlands, Parque Nacional Gros Morne e o Parque Nacional do Arquipélago de Mingan.

Notas

  1. Enciclopedia GER: Río y golfo de San Lorenzo[Ligazón morta] (en castelán)

Véxase tamén

Ligazóns externas