A Pobra de San Xiao é unha estación de ferrocarril de Adif situada na parroquia de Moscán, no concello do Páramo, provincia de Lugo. Non ten servizos de viaxeiros.[1][2]
Substitúe dende 2018 a antiga estación situada na vila da Pobra de San Xiao, no concello de Láncara. O treito de vía no que se atopaba a estación foi desmantelado tras a inauguración da variante da localidade.[1]
A antiga estación foi aberta ao tráfico o 2 de agosto de 1878 coa posta en marcha do tramo Sarria-Lugo da liña que pretendía unir Palencia coa Coruña por parte do Estado.[3] Atopábase no punto quilométrico 410,5 da liña férrea de ancho ibérico que une León e A Coruña.[4] O tramo era de vía única e estaba sen electrificar.
O edificio para viaxeiros da estación é de base rectangular e tres alturas. A estación dispoñía de dúas vías coas súas respectivas plataformas laterais, sendo a do lado do edificio a que tiña maior largo. Os cambios de plataforma realizábanse a nivel.
En 2002 deixou de ter servizos de pasaxeiros, como outras estacións da provincia, debido á baixa demanda.[5]
Construción da variante
En 2006 o Ministerio de Fomento adxudicou as obras de construción dunha variante ferroviaria que evitara o paso polo casco urbano da Pobra de San Xiao e suprimira un total de 16 pasos a nivel, incluída no proxecto que pretendía levar a alta velocidade a Lugo. As obras duraron máis de once anos.[6]
O 23 de abril de 2018 entrou en servizo a nova variante, deixando sen servizo a vía orixinal.[7] En devandita variante atópase a nova estación que leva o mesmo nome malia que se atopa na parroquia de Moscán, no concello do Páramo. Non ten servizos de viaxeiros.[2]
A estación
A estación está formada por un edificio de base rectangular e planta baixa. Ten dúas vías e unha única plataforma.
Atópase a menos de 1 km de Moscán e a 2 km da Pobra de San Xiao. Accédese a ela dende a estrada LU-P-4304 que une A Pobra e O Páramo por unha estrada de dous carrís, un por sentido, que remata nunha rotonda xunta a estación. Ten un aparcadoiro con 19 prazas, 2 delas para taxis e outra para discapacitados.