O arquipélago está formado por tres illas principais: a illa de Monteagudo (ou illa do Norte), a illa do Faro (ou illa do Medio) e a illa de San Martiño (ou illa do Sur), xunto a pequenos illotes como Boeiro ou Agoeiro, Viños, Carabelos e o Ruzo.[13][10] As illas de Monteagudo e do Faro están unidas polo chamado Lago dos nenos e a praia de Rodas[14].
O arquipélago ten unha superficie total de 433 hectáreas. A illa de San Martiño ten unha extensión total de 146 hectáreas, cunha lonxitude de norte a sur de 2,3 km e unha anchura aproximada dun quilómetro.[15]
Administración e xurisdición eclesiástica
As illas forman parte do concello de Vigo. A pesar de que non aparecen no Nomenclátor de Galicia[16], ao igual que acontece co núcleo da cidade de Vigo, si que aparece no Nomenclátor estatístico de Galicia do IGE. Nel consta que en 2022 vivían na illa 4 persoas, unha muller e tres homes[17].
Con todo, eclesiasticamente pertencen á parroquia de "Santiago de Cangas e Illas Cíes de Cangas". Por iso o encargado de oficiar misa nas Cíes é o párroco de Santiago de Cangas e Illas Cíes. Isto foi ratificado en Santiago o 23 de xullo de 1985 mediante o seguinte texto:
"En vista dos antecedentes que existen nesta secretaría (de Cámara e Comercio do Arcebispado de Santiago) relativos á xurisdición nas illas Cíes ou de Baiona... tívose a ben dar o seguinte decreto:... Santiago, a 23 de xullo de 1985. En vista dos antecedentes e do que manifesta o Señor Bispo de Tui, consideramos os habitantes das Illas Cíes como fregueses da parroquia de Santiago da vila de Cangas. Polo tanto ordenamos ao Sr. Cura párroco que hoxe e polo tempo que for da mesma que se encargue do pasto espiritual de devanditos habitantes, lles administre os santos sacramentos e demais auxilios cando os precisen e exerza con eles todas as funcións propias de párroco".[18]
A última voda celebrada nas Cíes data do 23 de setembro do ano 1984.[7]
Historia
Tense constancia da existencia dun poboado castrexo na aba do monte Faro, datado nos inicios da Idade de Ferro. Tamén se detecta a presenza romana, debido á aparición de cerámicas e as tégulas nun asentamento.
Na idade media, existiu na illa do Norte o mosteiro de Santo Estevo e na illa do Sur o de San Martiño.
No século XVI desembarcan nas Cíes o corsario inglés Francis Drake e piratas berberiscos. As continúas invasións provocan o abandono das illas dende o 1700 ata o século XIX, cando se construíu o primeiro faro.
Na segunda década do século XX foron sede dunha factoría baleeira norueguesa. Foi unha zona fortemente afectada polo desastre do afundimento do petroleiro Prestige.
Actualmente, só os gardas forestais e un nativo permanecen na illa durante todo o ano.[Cómpre referencia]
En 1961 erixiuse na illa un monólito como homenaxe da provincia de Pontevedra a Francisco Franco no 25 aniversario do seu alzamento nacional. Este monólito intentouse demoler ás 20:25 horas do 30 de xuño de 2008, pero os operarios da empresa Tragsa usaron pouca dinamita e a demolición foi un fracaso, quedando o monólito inclinado e a demolición postergada para outra ocasión. Finalmente, ás 7:40 do día seguinte, logrou derrubarse.[Cómpre referencia] Os restos do monólito, que estaba ancorado á superficie con raís de ferrocarril, serán levados da illa nun buque especial para evitar danar as dunas. Este intento de demolición levouse a cabo de modo apresurado, pois o día 30 de xuño de 2008 remataba a propiedade estatal da illa, ó ser transferida xunto ó resto das illas do Parque nacional das Illas Atlánticas á Xunta de Galicia.[Cómpre referencia]
O bosque é o que sufriu as maiores alteracións, xa que desapareceron especies autóctonas como a figueira e outras como o cerquiño quedaron reducidas a áreas case testemuñais, ao repoboarse as illas con piñeiros e eucaliptos case nunha cuarta parte da superficie. Os ventos fortes con alto contido en sales dificultan, á súa vez, o desenvolvemento das árbores.
Nas dunas, praias e cantís mantéñense especies, algunhas delas endémicas do litoral galaico-portugués, propias destes medios, cunhas condicións físicas e climatolóxicas moi extremas. Destaca a presenza da herba de namorar (Armeria pungens) e (Armeria maritima), e da camariña (Corema album) en perigo de extinción.
Na zona da lagoa atópase vexetación típica de marismas, como os xuncos.
A flora das Illas Cíes conta cun total de 602 especies vexetais catalogadas, entre elas 415 espontáneas, 44 plantas subespontáneas ou naturalizadas e 143 cultivadas, das cales 15 son híbridas.[19]
Tamén hai poboacións salientábeis de esponxas vermellas, laranxas, moradas, brancas e incluso amarelas, coma as do xénero Cliona. E diversas especies de corais, tanto duros coma brandos. Destes últimos citar as mans de morto (Alcyonium digitatum).[14]
A protección destas illas atlánticas galegas comezou coa súa declaración como parque natural en 1980, empregando o título de "Parque Natural das Illas Cíes".[20] En 1999 comezouse a ampliación deste parque considerando tamén, primeiro, ás Ons e a Sálvora e, finalmente, á de Cortegada. Iso lexislouse en 2002 cando se declarou o "Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia" por parte do goberno estatal, logo da proposta do parlamento galego de novembro de 2000.[8][21] Dende o xullo de 2008 a xestión e planificación do parque, incluídas as Cíes, compételle en exclusividade ao goberno autonómico galego.[22]
As Cíes tamén está dentro dos inventarios españois de aves da SEO/BirdLife (IBA).[8] Ademais forman parte do espazo "Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia" da convención OSPAR.[8]
Aos poucos días do afundimento do petroleiro Prestige, o director de Parques Nacionais recoñeceu que, nunha primeira onda, o 85%[Cómpre referencia] do parque nacional resultou afectado. Con posteriores ondas, a cifra chegou ao 90%. As Cíes víronse afectadas nun 30%. As illas que forman o parque foron a barreira natural que freou a entrada do fuel nas Rías Baixas.
O impacto non só afectou o ecosistema, senón que tivo importantes consecuencias económicas e sociais. Isto xerou a maior resposta social ao afundimento dun petroleiro en Galiza.
Hai que diferenciar entre o impacto visual e o impacto ambiental. As imaxes máis espectaculares foron as dos cantís e as aves afectadas, pero tamén se viron afectados os mamíferos mariños e toda a cadea trófica mariña, desde o plancto, que morrerá pola ausencia de luz ou envelenado, até o resto da pirámide, que padecerá os efectos directos do fuel e a falta de alimento.
As tarefas de limpeza tamén supuxeron un atentado ao medio natural pola forma desaxeitada no que se realizaron, arrastrando todo ser vivo que quedaba nas rochas, as crías de moluscos nos areais e invadindo os lugares de nidificación e alimentación das aves.
Aos 6 meses do desastre, o Ministerio de Medio Ambiente recoñecía que o 52%[Cómpre referencia] das praias do parque natural seguían afectadas por capas enterradas de fuel. Un ano despois seguían afectados os fondos mariños coa desaparición de importantes bosques de algas, praias, dunas e cantís, cualificándose de "grave" a situación.[Cómpre referencia]
Calcúlase en décadas o tempo para que os ecosistemas costeiros e marítimos poidan recuperarse.[Cómpre referencia]
Industria turística
En setembro de 2017 Medio Ambiente da Xunta multou con 930 mil euros ás navieiras que fan a ruta a Cíes por sobrevenda de billetes. Mar de Ons foi multada con 600 mil euros, Illa de Ons (Nabia) con 250 mil euros, Tour Rías Baixas con 40.000 euros e Cruceiro Rías Baixas outros 40.000 euros.[28]
Turismo
Pódese facer unha visita dun día en barco mercando o billete de ida e volta no peirao de Vigo ou Cangas, hai que facer reserva previa, son varias as navieiras que fan a ruta ata o embarcadoiro na praia de Rodas. Tamén se poden pasar varios días no cámping da illa.[29] O número de visitantes diarios está limitado a 2200 e 800 campistas.[30]
No ano 2007 o xornal británico The Guardian elixiu a praia de Rodas, na illa de Monteagudo, como a "praia máis fermosa do mundo".[31] Amais das praias o seu grande atractivo son os seus cantís e os denominados niños de abellas e as cacholas (cavidades redondeadas producidas na superficie das rochas que acaban fusionándose dando lugar a ocos maiores).
↑ 8,08,18,28,3Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia (eds.). "ZEC ES0000001 Cíes". Consultado o 30/9/2020.
↑ 9,09,1Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galici (eds.). "Arquipélago de Cíes". Arquivado dende o orixinal o 08/09/2019. Consultado o 30/9/2020.
↑ 10,010,110,2Ana Vilas paz (Medio marino); Beatriz Gamallo Liste (Vegetación); Jesús Framil Barreiro (Fauna); José Antonio Fernández Bouzas (Gestión); Katya Sanz Ochoa (UP y Visita al PN; El entorno del PN); Marta Lois Silva (Aproximación al PN, Medio Físico); Mónica Toubes Porto (Historia y etnografía); Vicente Piorno González (Gestión) (2015). Guía de visita: Parque Nacional Marítimo-Terrestre de las Islas Atlánticas de Galicia(PDF)(en castelán). ISBN978-84-8014-867-2. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 19 de xaneiro de 2022. Consultado o 13 de outubro de 2020.
↑Vilas Paz, A. (medio mariño), Gamallo Liste, B. (vexetación), Framil Barreiro, J. (fauna), Fernández Bouzas JA. (xestión), Sanz Ochoa, K. (UP y Visita al PN; El entorno del PN), Lois Silva, M. (aproximación ao PN, medio físico), Toubes Porto, M. (historia e etnografía), Piorno González, V. (Gestión). Organismo Autónomo Parques Nacionales - Catálogo de publicaciones de la Administración General del Estado (en: publicacionesoficiales.boe.es), eds. Guía de visita - Parque Nacional Marítimo-Terrestre de las Islas Atlánticas de Galicia(PDF). ISBN978-84-8014-867-2. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 19 de xaneiro de 2022. Consultado o 13 de outubro de 2020.
↑ 12,012,1Axencia Ambiental Europea - Unión Europea (eds.). "ES0000001 Cíes". Consultado o 30/9/2020.
↑Orixinal en castelán: "En vista de los antecedentes que existen en esta secretaría (de Cámara y Comercio del Arzobispado de Santiago ) relativos a la jurisdicción en las Islas Cíes o de Bayona...se ha tenido a bien dar el siguiente decreto:... Santiago, a 23 de julio de 1985. En vista de los antecedentes y de lo que manifiesta el Señor Obispo de Tuy, consideramos a los habitantes de las Islas Cíes como feligreses de la parroquia de Santiago de la villa de Cangas. Por tanto ordenamos al Sr. Cura párroco que hoy y por tiempo que fuere de la misma que se encargue del pasto espiritual de dichos habitantes, les administre los santos sacramentos y demás auxilios cuando los necesiten y ejerza con ellos todas las funciones propias de párroco".
Mosquera, Javier; Franco, Fernando (2002). Guía cidadá de Vigo y su área metropolitana(en castelán). Fundación Caixa Galicia, Faro de Vigo. pp. 417–432.