Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Celeiro.
Un celeiro é unha construción no rural onde os agricultores almacenan o gran, os produtos da colleita e o alimento para os animais.
Ás veces por extensión chámase celeiro a calquera edificio agrícola utilizado para almacenamento, corte, equipamentos agrícolas, vehículos e como lugar de traballo cuberto (alpendre ou alboio). Tamén ten a acepción de hucha, caixa onde se garda o cereal (arca, tulla, barra).
Nos celeiros primitivos, a olaría era o xeito máis común de almacenaxe nestas construcións. Moitas veces os celeiros constrúense a certa altura do chan para manter a colleita lonxe de roedores ou da humidade en zonas chuviosas. O hórreo é un tipo de celeiro en altura. En Galicia (tamén chamado canastro) e no norte de Portugal (chamado espigueiro), acostuma ser o celeiro-secadoiro por excelencia. O hórreo asturiano só serve, porén, para almacenaxe.
Etimoloxía
A palabra galega e portuguesa celeiro vén do latín: cellarium. Tamén existen as variedades dialectais: cileiro e zuleiro.[Cómpre referencia]
Tamén é un apelido galego e un topónimo frecuente en Galicia e Portugal.
Orixes
Dende a antigüidade o gran sempre se gardou en grandes cantidades. Os celeiros máis antigos que se teñen atopado datan do décimo milenio antes de Cristo, localizados no val do río Xordán. Atopábanse entre outros edificios. Porén contra o noveno milenio antes de cristo, a colleita comeza a se almacenar no interior das vivendas e/ou en pequenas salas. Os primeiros celeiros medían 3 x 3 m e xa contaban cun sobrado afastado do chan para illar o gran de roedores, insectos e favorecer a circulación do ar.
A estes celeiros séguenlles os de Mehrgarh, no val do río Indo contra o 6000 a. C. Os antigos exipcios conseguiron conservar o gran durante moito tempo para asegurar xeiras de fame e escaseza. O clima de Exipto, xa que é seco, permitía o almacén do gran en buracos durante logos períodos sen que este perdese a súa calidade. Este xeito de almacenaxe en buracos-silos foi o favorito para a almacenaxe das colleitas dende tempos inmemoriais en Oriente. En Turquía e Persia, os usureiros acostumaban a mercar o trigo ou o orxo cando era máis barato, e gardábano en pozos agochados para paliar as épocas de escaseza ou os prezos saltos. En Malta atopouse un almacén de considerábeis dimensións con trigo almacenado nun cento de pozos (silos) escavados na rocha. Un só silo tiña a capacidade de almacenar dunhas 60 a 80 toneladas de trigo, e de conservar as súas propiedades polo menos por catro anos.
Leste asiático
Celeiros simples sostidos sobre catro ou máis esteos apareceron na cultura de Yangshao, na China e tamén na zona do nacemento da agricultura intensiva na península de Corea durante o período da olaría Mumun (1000 a. C.) así mesmo no arquipélago xaponés durante o final do período Jōmon e principios doYayoi (800 a. C.).
Gallaecia
Sábese que xa na época dos castros, antes da chegada dos romanos, os galaicos tiñan celeiros elevados ventilados a xeito de hórreos primitivos; pero as escasas referencias literarias que existen non permiten establecer unha relación formal co actual tipo. Marco Terencio Varrón, que no século I a. C. percorreu a Hispania con Pompeio, falaba ambiguamente duns celeiros sobre a terra empregados polos galaicos, supra terra granaria in agro quidam sublimia faciunt ut in Hispania Citeriore et in Apulia, ita ut non solum a lateribus per fenestras, sed etiam subtus a solo ventus regirare possit. Na mesma época Xulio César, en De bello civili, fala da súa erección: locis certis horrea constituit vecturasque frumenti. Plinio o Vello, xa no século I, di na súa Naturalis Historia que na Hispania Citerior alibi, contra, suspendunt granaria lignea columnis et perflari undique malunt atque etiam a fundo, referíndose por vez primeira a celeiros aéreos sobre espeques. O agrónomo Columela, no século I d.C., en Liber de arboribus, insiste nese aspecto dos pensile horreum, quo imponantur fructus. Porro horrea pensilia dicuntur, quae non in plano posita sunt sed tignis suspensa, quo sicciora sint, preferíbel para as rexións húmidas.
Época moderna
Na Gran Bretaña o celeiro tradicional non deixa de ser un hórreo, moi semellante ao galego e asturiano. Os pés dos hórreos (esteos e tornarratos) son chamados en inglésmushroom stones (pedras cogomelos) ou staddle stones. Estes hórreos tiñan caixa de madeira e adoitaban ter cuberta a catro augas de lousa ou colmo.
Coa Revolución Industrial moitos destes antigos celeiros comezan a desaparecer nas zonas atlánticas que medran economicamente como Gran Bretaña ou o País Vasco. Contra o século XIX, novos almacéns terreos especialmente deseñados para a almacenaxe de gran comezan a se multiplicar na Gran Bretaña, pero Norte América é o lugar onde se desenvolven os grandes celeiros, máis ben silos, coñecidos como elevadores de grans. Existen dificultades climáticas no xeito de almacenar o gran a grande escala en zonas como Galicia ou a Gran Bretaña, mais estas dificultades foron superadas cos novos silos. Normalmente antigamente asollábase e despois aireábase o gran no canastro. Cómpre illar o máximo posíbel o gran da humidade e a calor. O gran dunha nova colleita, cando se leva ao almacén, tende a ceibar humidade. As bacterias son máis activas nestas condición e poden quecer o gran, podendo diminuír a calidade do mesmo. Un remedio efectivo é pór o gran en capas, non moi grosas, virándoas de cando en vez para favorecer a aeración.
O gran pode ademais acondicionarse para ser almacenado nos silos.