Cándido Fernández Mazas, coñecido como Dichi,[1] nado en Ourense o 18 de decembro de 1902 e finado en Pedrouzos (Castro Caldelas) o 15 de novembro de 1942, foi un pintor, debuxante, ilustrador, humorista gráfico e escritor galego.[2] Está encadrado dentro do grupo d'"Os Novos", xunto con Maruxa Mallo, Arturo Souto, Manuel Colmeiro Guimarás, Carlos Maside e Manuel Torres. A súa pintura caracterizouse pola bimensionalidade.[3] Foi bolseiro da Deputación de Ourense en París, onde bebeu de Henri Matisse, Pablo Picasso e Paul Cézanne. No ano 2020 a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) dedicáronlle o Día da Ilustración.[4]
Traxectoria
Fillo de Nicanor Fernández Rodríguez, militar, e Remedios González Mazas,[5] desde moi novo distinguiuse polos seus dotes de debuxante. Ós doce anos abandonou os estudos para pasar por sucesivos obradoiros de pintura. Entrou en contacto con intelectuais e artistas locais a quen foi retratando. En 1922 comezou a colaborar co diario Galicia. Diario de Vigo, facendo ilustracións, e na revista Alfar ata 1923, ano en que ilustrou Kindergarten, libro de poemas de Paco Luis Bernárdez. En 1924 comezou a colaborar con artigos e debuxos en El Pueblo Gallego e en 1925 como linoelista no diario La Zarpa. Coa axuda da Deputación de Ourense trasladouse a París para completar a súa formación pictórica.[1] Alí asistiu ao faladoiro de Miguel de Unamuno e frecuentou personaxes da vangarda francesa,[6] para volver catro meses máis tarde. En 1926 fundou, con Augusto María Casas, a revista Galaxia.
En 1927 volveu a Francia de novo como bolseiro da Deputación e achegouse ao surrealismo. Empezou entón a ter problemas de manía persecutoria ata a súa morte.[7] En 1929 dirixiu a parte artística da revista Gaceta de Galicia. Posteriormente trasladouse a Madrid e colaborou en distintas publicacións e actos culturais, á vez que enviou colaboración gráfica e literaria á revista Escuela del Trabajo, de Ourense. Fixo o cartel e os monicreques, pintou os decorados e participou nas actividades culturais das Misións Pedagóxicas dirixidas por Rafael Dieste,[8] en 1933 por Galicia e Castropol e en 1934 nas localidades segovianas de Turégano e Cantalejo, onde deixou o documento gráfico do cartel do Retablo de fantoches. Namorouse platonicamente da actriz Margarida Xirgu.[9]
O comezo da Guerra civil española sorprendeuno no gabinete de prensa de Gobernación en Madrid. En 1937 desprazouse a Valencia, onde colaborou na revista El Combatiente Rojo, do Partido Obrero de Unificación Marxista, e en Umbral. Desertou na Fronte de Teruel e agochouse. Foi detido polo exército sublevado en Xàbia cando pretendía pasar a Alacant.[10] Estivo preso na cadea de Valencia cinco meses ata ser liberado por influencia de seu pai, capitán do exército franquista, e de Sebastián Martínez-Risco, xuíz.[9] Volveu a Penedo en (Castro Caldelas), en moi mal estado mental e físico, e abandonou toda actividade plástica e intelectual.
A súa obra artística atópase dispersa. Ademais dos debuxos de diferentes publicacións, pintou numerosos cadros, entre eles Ventana al campo, Rapaza, Rumba, Ángel de la paz, un retrato de Luís Seoane e retratos de Sebastián Martínez-Risco.
Como escritor, ademais de artigos xornalísticos, publicou Santa Margorí (Madrid, Alcor Galaico, 1930) unha parábola en tres escenarios en prosa galega e unha farsa en sete momentos titulada Los cuernos disparatados (1932).[a] Tamén deixou preparado un libro de versos, Aleteia.
Teñen obra súa o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside e a Colección Afundación.[9]
En 2002 o Círculo de Belas Artes de Madrid dedicoulle unha exposición antolóxica.[12]
Unha rúa da cidade de Ourense leva o seu nome.
Galería de imaxes
Notas
- Referencias
Véxase tamén
Bibliografía
- "Fernández Mazas, Cándido". Enciclopedia Galega Universal 9. Ir Indo. 1999-2002. pp. 91–92. ISBN 84-7680-288-9.
- "Fernández Mazas, Cándido". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo. 2010-2011. p. 75-76.
- "Fernández Mazas, Cándido". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 894. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Fernández Mazas, Cándido". Diccionario enciclopédico galego universal 27. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 76. ISBN 84-7680-429-6.
- Bangueses Vázquez, Mercedes (2010). Ilustradores galegos de preguerra (1880-1936). IEV. pp. 154–165. ISBN 978-84-89599-44-4.
- Barreiro; Longueira; López; Monterroso. Do primitivo na arte galega ata Luis Seoane (+1CD) (en bilingüe). Fundación. ISBN 978-84-611-4636-9.
- Bouzas Novoa, José Manuel; et al. (2002). Cándido Fernández Mazas: Vangarda, militancia e esquecemento. Fundación Caixa Galicia. ISBN 84-95491-44-3.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 146. ISBN 84-7492-465-0.
- Fernández Mazas, Armando (1990). Vida y obra del pintor Fernández Mazas (en castelán). Ourense: Editorial Andoriña. ISBN 84-404-7673-6.
- Gamonal, M. Ángel (nov. 2004). "Un libro de dibujos de Cándido Fernández Mazas". Cuadernos de arte (en castelán) (UGR) (35): 149–161. ISSN 0210-962X.
- Gurméndez, Carlos (1981). Fernández Mazas. O movemento renovador de arte galega. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-078-7.
- López Bernárdez, C. (2005). Breve historia da arte galega - Breve historia del arte gallego (en bilingüe). Nigra Trea. ISBN 84-95364-33-6.
- López Vázquez, José Manuel (1993). Tomo XV: Arte Contemporánea. Proxecto Galicia. Hércules. pp. 267–268. ISBN 84-89468-11-7.
- Marín, Xaquín. "Cándido Fernández Mazas". Diccionario Biográfico electrónico (en castelán). Real Academia de la Historia.
- M. Vilanova, F. (1998). A pintura galega (1850-1950). Escola, Contextualización e Modernidade. Xerais. ISBN 978-84-8302-271-9.
- Pablos, Francisco (1981). Plástica Gallega (en castelán). Caja de Ahorros Municipal de Vigo. pp. 168–169. ISBN 84-7231-603-3.
- ———————— (2003). A pintura en Galicia - La pintura en Galicia (bilingüe). Nigra Trea. pp. 118–119. ISBN 84-95364-15-8.
- Pascual Carballo, Alberto (2009). Humor gráfico galego: da transición ao século XXI. Ir Indo. ISBN 978-84-7680-648-7.
- Pulido, Antón (dir.) (1998). Artistas galegos. Tomo VI. Pintores. Vangarda histórica. Nova Galicia Edicións. ISBN 84-87755-33-X.
- Rozas, Ramón (2005). "Fernández Mazas, Cándido". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Vázquez; García; Rosende; Ortega; Sobrino (1982). Historia del Arte Gallego (en castelán). Madrid: Alhambra. ISBN 84-205-0913-2.
Outros artigos
Ligazóns externas