Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Aturuxo.
Un aturuxo,[1]agrúo, aturulo, grixido ou ufido é un berro agudo e prolongado característico do folclore galego.
Consérvase na actualidade como un berro de alegría emitido polo público, ou os intérpretes, no decurso dunha peza musical. É moi típico de seráns, romarías, foliadas, e prolifera o seu uso a medida que se quenta o ambiente, podéndose tomar a súa frecuencia e intensidade como indicador do espírito festeiro dos presentes.
Antigamente, dependendo dos lugares e momentos, podía empregarse tamén para dar avisos, facer chamadas, ou como provocación. Un exemplo deste último tipo existiu na Ribeira Sacra até comezos do século XX. Alí era habitual que durante a vendima os veciños das dúas beiras do Miño, papeiros (cristiáns) de Chantada e rabudos (xudeus) do Saviñao, se intercambiasen aturuxos de desafío.[2][3]
O aturuxo é común a outras culturas do norte peninsular como a asturiana, onde se denomina ixuxú, ou a vasca onde se coñece como irrintzi[4].