Miño ou Minho aparece documentado na antigüidade como Minius ou Mineus. Segundo Edelmiro Bascuas, é unha forma galaica de orixe paleoeuropea (seguramente celta), derivada da raíz indoeuropea*mei- 'camiñar, ir'.[5] Tamén aparece referenciado como Baenis.
Comparte etimoloxía cos polacos Minia, Mnina e Mień, co alemán Main, co irlandés Maoin, co lituano Minija e co toscano Mignone.[6]
Malia parecer a orixe celta a máis acertada, outras teorías dan como étimo o latín minium (vermello, cinabrio, minio), pola semellanza co nome Minius que o pobo romanos lle daba ao río. Con todo, na Gallaecia non se atopaba este mineral.[7]
Máis adiante acrecenta o seu caudal na lagoa de Fomiñá, na parroquia de Fomiñá, A Pastoriza (Lugo), a uns 50 km curso arriba ao norte da capital de provincia.
Curso medio
Atravesa Lugo e Ourense. Neste curso o seu leito está encaixoado en moitos lugares. Presenta varios encoros: Belesar (o maior do río), Os Peares, Velle, Castrelo de Miño e A Frieira, por orde de descenso). Nos Peares recibe o seu principal afluente, o Sil, pola esquerda, e o Búbal pola dereita.
Curso baixo e desembocadura
A última parte do seu curso ten unha baixa pendente e ladeiras máis amplas, aínda que segue a presentar montañas a ambas beiras en case todo o percorrido.
Despois de recibir o Sil, flúe cara ao suroeste. Dende o encoro de Frieira ata a desembocadura, o Miño constitúe unha fronteira natural entre Galicia e Portugal. Na comarca do Ribeiro, ás súas beiras, prodúcese o viño do mesmo nome. Fai de fronteira uns 80 km, nun val de intensa produción agrícola, con millo, patacas ou forraxe para o gando. No tramo final tamén está bordeado por viñas de albariño.
Flora e fauna
Flora
Na bacía alta do Miño existen diversos tipos de ecosistemas acuáticos, característicos da rexión bioclimática atlántica. Afluentes como o Parga, o Ladra e o Támoga integran un característico complexo húmido. Está formado por unha extensa rede de canles, lagoas e terreos inundados, aos que se asocian pasteiros, zonas agrícolas, bosques de ribeira, turbeiras ombotróficas, breixeiras e carballeiras. Esta grande diversidade acolle numerosas especies de aves durante o período invernal.[10]
No tramo alto abundan os bosques aluviais de amieiros (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus escelsior), así como carballeiras (Quercus robur e Quercus pyrenaica) e uceiras húmidas atlánticas (Erica cillaris e Erica tetralix). O tramo do baixo Miño remata nun esteiro estreito e con ínsuas, a Zona especial de conservación Baixo Miño.
No río Miño atópase a única poboación no Estado español do nenúfar Nympoides peltata.[11] Conta con 18 poboacións en dúas áreas: 16 na bacía alta e 2 na baixa. Malia que esta especie está considerada como estable a nivel mundial segundo a IUCN[12], aparece como especie en perigo no Estado español[11] e Galegas[13]
Fauna
O Miño é habitado por numerosos anátidos (Anas platyrhynchos, Anas clypeata), así como un pequeno núcleo de sisón (Tetrax tetrax). Como especies piscícolas atópanse poboacións de ciprínidos como o cacho (Lenciscus carditerti), a reñosa (Rutilus arcani) e a boga (Choridostona polylepis duriensis), e gasterosteidos como o espiñeiro europeo (Gasterosteus aculeatus). En todo o curso do río viven peixes como a troita (Salmo trutta) e a anguía (Anguilla anguilla), e mamíferos como o aguaneiro (Galemys pyrenaicus) e a lontra (Lutra, lutra).
O curso baixo do Miño alberga no inverno gran número de aves acuáticas, como o parrulo cristado (Aythya fuligula), a píllara dourada (Pluvialis apricaria), a píllara cincenta (Pluvialis squatarola) e a avefría (Vanellus vanellus). Conta cunha notable diversidade de peixes, entre eles o salmón, que presenta neste río o linde de distribución máis meridional de toda Europa. Tamén se dá a lamprea (Petromyzon marinus), pescada tradicionalmente nestas augas con diques de feitura peculiar, as pesqueiras. Outras especies piscícolas deste tramo son a zamborca (Alosa alosa), a sabela (Alosa fallax), a carpa vermella (Carassius auratus), a perca americana (Micropterus salmoides) e a solla (Platichthys flesus).
Os últimos 40 km do río Miño están colonizados pola ameixa asiática (Corbicula fluminea). Esta especia adaptouse ás condicións e practicamente eliminou outras especies. A ameixa asiática foi detectada por vez primeira no río Miño en 1989. Antes xa chegara ao río Texo, talvez en navíos de transporte.
Impacto humano
Amais dos encoros, das construcións das marxes (coma o paseo e o parque da Canuda en Salvaterra de Miño) e da polución que sofre no último treito (especialmente dende que recibe as augas do río Tea), un dos principais problemas son as especies invasoras.
No esteiro do Miño, os problemas de conservación da zona radican na alta presión urbanística, cinexética e pesqueira, ademais da contaminación producida polos residuos urbanos.
Aproveitamento
O Miño é o río máis caudaloso de Galicia tras o seu encontro co Sil, que achega máis auga que o tramo alto do Miño. No anuario hidrolóxico da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o encoro de San Pedro no río Sil a poucos quilómetros da xuntanza co Miño, rexistra moito máis paso de auga que o encoro dos Peares, o último do río Miño antes do encontro (5492 hm3 fronte a 2762,9 hm3 de media anual).[14]
Canto ós seus encoros, os tres primeiros sitúanse entre Lugo e Ourense, e os dous últimos, entre Galicia e Portugal:
É navegábel de xeito transversal, e de xeito lonxitudinal en pequenos tramos e na desembocadura. No século XVIII, o ilustrado Pedro Antonio Sánchez presentoulle a Carlos III unha proposta para facer o río navegable ata a cidade de Ourense. Pretendía seguir a tendencia europea de crear canles de navegación, en auxe naquela época, e así aumentar as exportacións, principalmente de viño de Ribeiro. Porén, o proxecto non chegou a levarse a cabo.[15]
Insuas
Existen 14 insuas ou illas fluviais no treito entre Portugal e Galicia. Catro delas son consideradas internacionais: Morraceira de Seixas, Morraceira de João de Sá e Varandas, máis próximas á freguesía portuguesa de Lanhelas (Caminha), e a Morraceira, máis próxima á costa galega.
Atribúense a Galicia as insuas Canosa, Morraceira do Grilo, Morraceira das Varandas, Vacariza e A Fillaboa. Esta última, con 110 000 metros cadrados, adquirida polo concello de Salvaterra de Miño a privados, porá un barco á insua en canto constrúe unha pasarela e habilita un centro de interpretación.[16]
Son consideradas portuguesas as insuas dos Amores, Boega e Lenta, en Vila Nova de Cerveira, e as de São Pedro e Conguedo, en Valença.[17]
Cultura
O río Miño era o viveiro máis importante na cría de peixes da Península Ibérica até a metade do século XX. Estragado por represamentos e pola polución das augas, ficou convertido nunha sucesión de presas hidroeléctricas. A riqueza natural daba emprego a uns tres mil pescadores.[18]
A variedade de peixes era grande, entre outros, salmóns, peixe sabre, lampreas, anguías, sollas, bogas ou escalos. Empregábanse diferentes modos de pesca, como pesqueiras, con voitirón e cabaceira, alén de alxerife en arrastre, estacadas, trasmallo, redes dun pano, chumbeira, nasas, palangres e canas. Amais do consumo local, tamén se destinaban á exportación, que chegou ao Brasil a finais do século XIX. A pesca tamén se realizaba desde embarcacións, como o carocho e a maseira ou gamela. Tamén navegaron polo río Miño barcazas de carga, vapores entre Valença e Caminha na metade do século XIX, e baixeis, pinazas, navíos e naos na Idade Media, en tempos dos activos portos de Tui e Valença.
Afluentes
Afluentes do río Miño por orde, dende o nacemento ata a desembocadura: