Santa Isabel de Camposancos, ou A Visitación de Santa María de Camposancos,[2] é unha parroquia que se localiza no concello da Guarda. É unha das 9 entidades locais menores de Galicia. Segundo o padrón municipal de 2020, ten 1.073 habitantes distribuídos en 9 entidades de poboación. En 2014 tiña 1.088 (567 mulleres e 521 homes), en 2004 contaba con 987 habitantes, e en 1999, con 913. Está situada na beira dereita da foz do río Miño, polo que tamén dá ao océano Atlántico. Pertence á diocese de Tui-Vigo, na que está incluída o arciprestado da Guarda-Tebra.
Historia
Etimoloxicamente, o topónimo Camposancos é de orixe latina e equivale a "campos en ángulo"[3].
Sábese que no lugar existiu un mosteirotemplario do cal non quedan restos agás as columnas aparecidas nunhas reformas. En 1798 Camposancos erixiuse en parroquia independente ao separarse da de Salcidos. A igrexa parroquial de Santa Isabel comezou a construírse en 1816 e non se rematou ata 1856.
Camposancos ten a consideración de entidade local menor desde o 23 de maio de 1925, o que lle permitiu ter o seu propio alcalde e un edificio oficial. Para levar a cabo calquera actuación en Camposancos, o concello da Guarda debía por lei informar á entidade local de tal actuación, aínda que esta non tivese o poder de cancelala. A metade dos impostos que recadaba a localidade pasaban á entidade local.
Colexio dos xesuítas de Camposancos e campo de concentración
Convertido en hospital, o recinto do Colexio dos Xesuítas acolleu durante a guerra civil española e a posguerra o campo de concentración de Camposancos. Habilitado como centro de reclusión a finais de 1937, chegou a estar ocupado en 1938 por 1.066 reos, cando a capacidade —segundo informe oficial do réxime franquista— era de 868 presos. As fontes diverxen en torno a poboación reclusa que pasou por el, mais oscila entre os 2.000 e os 3.000 presos.
En 1943 volveu ser un centro de ensino dos xesuítas, aínda que non retornou ó esplendor doutrora e pechou as aulas en 1959.
Dada a súa privilexiada posición na foz do Miño, houbo un proxecto dunha construtora para converter o edificio nun complexo turístico de luxo.[Cómpre referencia]
Presente
A Comunidade de Montes Veciñais de Camposancos celebra desde hai anos unha festa gastronómica na que se enxalza a paleta e o lacón: a paletada-laconada de Santo Amaro.
A II Xuntanza de Palilleiras de Galicia celebrouse nos salóns da Asociación “Os Amigos” de Camposancos o 25 de xullo de 2006 a coa participación de 65 afeccionadas á arte do encaixe de bolillos.