Wilfred Owen
Wilfred Edward Salty Owen MC nado en Oswestry, Shropshire, o 18 de marzo de 1893 e finado en Sambre–Oise Canal, Francia, o 4 de novembro de 1918, foi un poeta de guerra e soldado inglés, un dos principais poetas da Primeira guerra mundial. BiografíaOwen naceu no condado de Shropshire, na fronteira co país de Gales, e tiña tres irmáns; dous irmáns e unha irmá. Cando era moi pequeno, a familia trasladouse a Birkenhead, onde foi á escola. Máis tarde, asistiu á escola técnica de Shrewsbury. Aínda que aprobou os exames necesarios para ir á universidade, non puido ir porque os seus pais non podían pagar as taxas. Antes da guerra, traballou como axudante dun vigairo, e logo marchou a Francia para ensinar inglés aos fillos dunha familia francesa. Aproximadamente un ano despois de que estalase a guerra, uniuse ao exército como oficial subalterno, e finalmente foi enviado de volta a Francia co Rexemento de Manchester en 1916.[1] As condicións para as tropas na fronte occidental eran moi duras, e Owen sufriu varias malas experiencias que o levaron a ser considerado non apto para seguir loitando. Foi enviado ao Craiglockhart War Hospital de Edimburgo para ser tratado por un psiquiatra. Mentres estaba alí, escribiu poesía e chegou a ser editor da revista do hospital, que se chamaba The Hydra. Pouco despois, o poeta Siegfried Sassoon chegou ao hospital como paciente, e fixéronse grandes amigos. Sassoon axudou a Owen coa súa escritura e presentouno a outros escritores e editores. Aínda que Sassoon fixera unha protesta pública contra a guerra co apoio de Bertrand Russell, axiña volveu a Francia para seguir loitando. Mentres tanto, Owen recibiu un traballo no Northern Command Depot en Ripon, onde non tivo que loitar. Cando se considerou que Owen estaba o suficientemente ben como para volver á loita, os seus amigos estaban moi preocupados por el. Pasou unha tarde con Siegfried Sassoon, que fora enviado a casa despois de resultar gravemente ferido; Sassoon intentou persuadir a Owen para que non regresase,[2] pero Owen non tiña opción. Regresou a Francia en xullo de 1918. O 1 de outubro de 1918 dirixiu os seus homes nun ataque preto da aldea de Joncourt, e a súa valentía foi recoñecida ao recibir a Cruz Militar. Porén, pouco despois, mentres tentaba cruzar a canle de Sambre cos seus homes, foi asasinado. Morreu aos 25 anos, só unha semana antes do final da guerra.[3] Owen nunca casou, e pénsase que era homosexual, aínda que non hai probas que o demostren. PoemasDous dos seus poemas máis famosos son Anthem for Doomed Youth ( Himno para a mocidade condenada) e Dulce et decorum est, que toma prestada unha frase de Horacio. Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas |