Atención:Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
Tradución incompleta. Falta bibliografía mencionada nas notas.
Por favor, vexa a lista de problemas indicados neste modelo e mellóreo de acordo coas indicacións. Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico.(Desde novembro de 2024)
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Sudán (homónimos).
O Sudán era o meirande país de África e do mundo árabe ata o ano 2011, cando o Sudán do Sur se converteu nun estado independente despois dun referendo. O Sudán é hoxe o terceiro maior país de África, despois de Alxeria e da República Democrática do Congo.
O nome do país provén do árabebilād as-sūdān (بلاد السودان), que significa "Terra dos negros", un termo que se refería á rexión localizada ó sur do Deserto do Sáhara.[9]
Historia
Sudán prehistórico (antes do 8000 a.C.)
No oitavo milenio a.C., os habitantes dunha cultura neolítica establecéronse alí nun modo de vida sedentario en aldeas fortificadas de adobe, onde complementaban a caza e a pesca no Nilo coa recolección de gran e a cría de gando.[10] Os pobos neolíticos crearon cemiterios como R12. Durante o quinto milenio a.C., as migracións desde o Sáhara, que se estaba secando, levaron aos pobos neolíticos ao Valle do Nilo xunto coa agricultura. A poboación resultante desta mestura cultural e xenética desenvolveu unha xerarquía social durante os séculos seguintes que se converteu no Reino de Kush (con capital en Kerma) no 1700 a.C. As investigacións antropolóxicas e arqueolóxicas indican que durante o período predinástico Nubia e o Alto Exipto de Nagadan eran étnica e culturalmente case idénticos e, xa que logo, desenvolveron simultaneamente sistemas de realeza faraónica cara ao 3300 a.C.[11]
Despois de que o rei Kashta ("o kushita") invadise Exipto no século VIII a.C., os reis kushitas gobernaron como faraóns da dinastía XXV de Exipto durante case un século antes de ser derrotados e expulsados polos asirios.[13] No auxe da súa gloria, os kushitas conquistaron un imperio que se estendía desde o que hoxe se coñece como Kordofán do Sur ata o Sinaí. O faraón Piye intentou expandir o imperio cara ao Próximo Oriente pero foi frustrado polo rei asirio Sargón II.
Na Biblia menciónase que o reino de Kush salvou os israelitas da ira dos asirios, aínda que as enfermidades entre os sitiadores puido ser unha das razóns para que non se tomase a cidade.[15][cómpre nº de páxina]
A guerra que tivo lugar entre o faraón Taharqa e o rei asirio Senaquerib foi un acontecemento decisivo na historia occidental, os nubios foron derrotados nos seus intentos de afianzarse no Próximo Oriente por Asiria. O sucesor de Senaquerib Esarhaddon foi máis aló e invadiu o propio Exipto para asegurarse o control do Levante. Isto tivo éxito, xa que conseguiu expulsar a Taharqa do Baixo Exipto. Taharqa fuxiu de volta ao Alto Exipto e Nubia, onde morreu dous anos despois. O Baixo Exipto quedou baixo vasalaxe asiria, pero mostrouse ingobernable, rebelándose sen éxito contra os asirios. Entón, o rei Tantamani, sucesor de Taharqa, fixo un intento final decidido de recuperar o Baixo Exipto do recentemente reinstalado vasalo asirio Necho I. Conseguiu retomar Menfis matando a Necho no proceso e asediou cidades do delta do Nilo. Assurbanipal, que sucedera a Esarhadón, enviou un grande exército a Exipto para recuperar o control. Derrotou a Tantamani preto de Menfis e, perseguindoo, saqueou Tebas. Aínda que os asirios abandonaron inmediatamente o Alto Exipto despois destes acontecementos, debilitados, Tebas someteuse pacificamente ao fillo de Necao Psamtik I menos dunha década despois. Isto acabou con todas as esperanzas dun renacemento do Imperio Nubio, que máis ben continuou na forma dun reino máis pequeno centrado en Napata. A cidade foi asaltada polos exipcios c. 590 a. C., e pouco despois, ata finais do século III a. C., os kushitas reinstaláronse en Meroë.[13][16][17]
Reinos cristiáns medievais de Nubia (c. 350–1500)
A principios do século V os biemios estableceron un estado de curta duración no Alto Exipto e na Baixa Nubia, probablemente centrado arredor de Talmis (Kalabsha), pero antes do 450 xa foran expulsados do val do Nilo polos nobatianos. Estes últimos acabaron fundado un reino por si mesmos, Nobatia.[19]
No século VI había en total tres reinos nubios: Nobatia no norte, que tiña a súa capital en Pachoras (Faras); o reino central, Makuria centrado en Tungul (Dongola Antiga), a uns 13 km o sur da moderna Dongola; e Alodia, no corazón do antigo reino kushita, que tiña a súa capital en Soba (agora un suburbio da actual Khartún).[20] Aínda no século VI convertéronse ao cristianismo.[21] No século VII, probablemente nalgún momento entre os anos 628 e 642, Nobatia incorporouse ao Makuria.[22]
Entre os anos 639 e 641 os árabes musulmáns do califato ortodoxoconquistaron o Exipto bizantino. No 641 ou 642 e de novo no 652 invadiron Nubia pero foron repelidos, o que converteu aos nubios nun dos poucos que lograron derrotar aos árabes durante a expansión islámica. Despois o rei de Makuria e os árabes acordaron un único pacto de non agresión que tamén incluía un intercambio anual de agasallos, recoñecendo así a independencia de Makuria.[23] Mentres os árabes non lograron conquistar Nubia, comezaron a instalarse ao leste do Nilo, onde finalmente fundaron varias cidades portuarias.[24] e casaron coa a xente nativa do pobo beja.[25]
Desde mediados do século VIII ata mediados do XI, o poder político e o desenvolvemento cultural da Nubia cristiá alcanzou o seu máximo esplendor.[26] No ano 747, Makuria invadiu Exipto, que nese momento pertencía á decadente dinastía omeia,[27] e volveu facelo a principios da década dos 960, cando chegou ata o norte de Akhmim.[28] Makuria mantivo estreitos lazos dinásticos con Alodia, o que quizais dou como resultado a unificación temporal dos dous reinos nun só estado.[29] A cultura dos nubios medievais foi descrita como "afrobizantina",[30] pero tamén estivo cada vez máis influenciada pola cultura árabe.[31] A organización estatal estaba moi centralizada,[32] baseándose na burocracia bizantina dos séculos VI e VII.[33] As artes floreceron en forma de pinturas cerámicas[34] e sobre todo pinturas murais.[35] Os nubios desenvolveron un alfabeto para a súa lingua, o nobiin antigo, baseandoo no alfabeto copto, á vez que utilizaban o grego, o copto e o árabe.[36] As mulleres gozaban dun alto status social: tiñan acceso á educación, podían posuír, comprar e vender terras e a miúdo utilizaban a súa riqueza para reparar as igrexas e ás pinturas das mesmas.[37]Mesmo a sucesión real era matrilineal, sendo o herdeiro lexítimo o fillo da irmá do rei.[38]
Desde finais do século XI principios do XII, a capital de Makuria, Dongola, estivo en declive, e a capital de Alodia tamén o estaba no século XII.[39] Nos séculos XIV e XV as tribos beduínas invadiron a maior parte de Sudán, [40] emigraron cara a Butana, Gezira, Kordofán e Darfur.[41] En 1365 unha guerra civil obrigou á corte makuria a fuxir a Gebel Adda na Baixa Nubia, mentres Dongola era destruída e abandonada aos árabes. Despois Makuria seguiu existindo só como un pequeno reino.[42] Despois do próspero[43] reinado do rei Xoel (1463–1484) Makuria foise ao garete.[44] As zonas costeiras desde o sur de Sudán ata a cidade portuaria de Suakin foron sucedidas polo sultanato de Adal no século XV.[45][46] Ao sur, o reino de Alodia caeu en mans dos árabes, comandados polo líder tribal Abdallah Jamma, ou dos Funj, un pobo africano orixinario do sur.[47] As datacións van dende o século IX despois da Héxira (c. 1396–1494),[48] finais do século XV,[49] 1504[50] ou 1509.[51] É posible que sobrevivise un estado alodiano en forma de reino de Fazughli, que durou ata 1685.[52]
Reinos islámicos de Sennar e Darfur (c. 1500–1821)
En 1504 consta que os Funj fundaron o Reino de Sennar, o que se incorporou o reino de Abdallah Jamma.[54] En 1523, cando o viaxeiro xudeu David Reubeni visitou Sudán, o estado de Funj xa se estendía ata o norte de Dongola.[55] Mentres tanto, o islam comezou a ser predicado no Nilo polos santos sufís que se estableceron alí nos séculos XV e XVI[56] e despois da visita de David Reubeni o rei Amase Dunqas, anteriormente pagán ou cristián nominal, foi rexistrado como musulmán.[57] Porén, os Funj conservarían costumes non islámicos como o reino divino ou o consumo de alcohol ata o século XVIII.[58] O islam popular sudanés conservou moitos rituais derivados das tradicións cristiás ata o pasado recente.[59]
Pronto os Funj entraron en conflito cos otománs, que ocuparan Suakin arredor de 1526[60] e finalmente empurraron cara ao sur ao longo do Nilo, chegando á terceira zona de cataratas do Nilo en 1583/1584. Un intento otomán posterior de capturar Dongola foi repelido polos Funj en 1585.[61] Despois, Hannik situada xusto ao sur da terceira catarata marcaría a fronteira entre os dous estados.[62] As consecuencias da invasión otomá viron o intento de usurpación de Ajib, un rei menor do norte de Nubia.[63] Aínda que os Funj acabaron por matalo en 1611/1612, aos seus sucesores, a tribo Abdallab, concedéuselles gobernar todo o norte da confluencia dos Nilos Azul e Branco con considerable autonomía.[64]
Durante o século XVII o estado de Funj alcanzou a súa extensión máis ampla,[65] pero no século seguinte comezou a decaer.[66] Un golpe de estado en 1718 trouxo un cambio dinástico,[67] mentres que outro en 1761–1762[68] dou como resultado na rexencia de Hamaj, onde os Hamaj (un pobo das terras fronteirizas de Etiopía) gobernaron efectivamente mentres que os sultáns de Funj eran os seus meros monicreques.[69] Pouco despois o sultanato comezou a fragmentarse;[70] e a principios do século XIX estaba esencialmente restrinxido aos Gezira.[71]
O golpe de estado de 1718 iniciou unha política de persecución do islam máis ortodoxo, que á súa vez promoveu a arabización do estado.[72] Para lexitimar o seu dominio sobre os seus súbditos árabes, os Funj comezaron a propagar unha descendencia omeia.[73] Ao norte da confluencia do Nilo Azul e do Nilo Branco, augas abaixo de Al Dabbah, os nubios adoptaron a identidade tribal dos árabes gaalinés.[74] Cara ao século XIX o árabe conseguira converterse na lingua dominante do Sudán fluvial central [75][76][77] e a maior parte do Kordofán.[78]
Mentres tanto, o sultanato de Darfur estaba no seu apoxeo.[79] Ao oeste do Nilo, en Darfur, o período islámico viu nun principio o ascenso do reino Tungur, que substituíu o antigo reino Daju no século XV[80] e estendeuse ao oeste ata o reino de Uadai.[81] Os tungurianos probablemente eran bérberes arabizados e, polo menos, a súa elite gobernante, musulmáns.[82] No século XVII, os tungur foron expulsados do poder polos furis de Keira.[81] O estado Keira, nominalmente musulmán desde o reinado de Sulayman Solong (r. c. 1660–1680),[83] foi inicialmente un pequeno reino no norte das montañas Marrah,[84] pero expandiuse cara ao oeste e ao norte a comezos do século XVIII[85] e cara ao leste baixo o dominio de Muhammad Tayrab (r. 1751–1786),[86] alcanzando o seu punto máximo coa conquista de Kordofán en 1785.[87] O apoxeo deste imperio, agora aproximadamente do tamaño da actual Nixeria,[87] duraría ata 1821.[86]
O Sudán turco e mahdista (1821-1899)
En 1821, o gobernante otomán de Exipto, Muhammad Alí, invadira e conquistara o norte do Sudán. Aínda que tecnicamente era o vali de Exipto baixo o Imperio Otomán, Muhammad Alí definíase como khedive dun Exipto practicamente independente. Buscando engadir Sudán aos seus dominios, enviou ao seu terceiro fillo Ismail para conquistar o país e, posteriormente, incorporalo a Exipto. Con excepción da Shaiqiya e do sultanato de Darfur en Kordofán, atopouse sen resistencia. A política de conquista exipcia foi ampliada e intensificada polo fillo de Ibrahim Pasha, Ismaʻil, baixo cuxo reinado se conquistou a maior parte do resto do Sudán actual.
As autoridades exipcias realizaron importantes melloras nas infraestruturas sudanesas (principalmente no norte), especialmente no que se refire ao rego e á produción de algodón. En 1879, as Grandes Potencias forzaron a destitución de Ismail e puxeron ao seu fillo Tewfik Pasha no seu lugar. A corrupción e a mala xestión de Tewfik deu lugar á revolta de Urabi, que ameazou a supervivencia do khedive. Tewfik pediu axuda aos británicos, que posteriormente ocuparon Exipto en 1882. Sudán quedou en mans do goberno khedivial, e da mala xestión e corrupción dos seus funcionarios.[88][89]
Durante o período khedivial, a disidencia estendeuse debido aos duros impostos impostos á maioría das actividades. Os impostos sobre pozos de rego e terras de cultivo eran tan altos que a maioría dos agricultores abandonaron as súas granxas e gando. O sur escapa ao control musulmán e sofre incursións de cazadores de escravos. Durante a década de 1870, as iniciativas europeas contra o tráfico de escravos tiveron un impacto adverso na economía do norte de Sudán, precipitando o ascenso das forzas mahdista.[90]Muhammad Ahmad ibn Abd Allah Al-Mahdi, o Mahdi (enviado), ofreceu aos ansars (os seus seguidores) e aos que se renderon ante el a posibilidade de elixir entre adoptar o islam ou ser asasinados. O mahdiyah (réxime mahdista) impuxo as leis islámicas tradicionais. O 12 de agosto de 1881, ocorreu un incidente na Illa de Aba, que provocou o estalido da que se converteu na guerra mahdista.
Desde o seu anuncio do Mahdiyya en xuño de 1881 ata a caída de Khartún en xaneiro de 1885, Muhammad Ahmad liderou unha campaña militar exitosa contra o goberno turco-exipcio do Sudán, coñecida como Turkiyah. Muhammad Ahmad morreu o 22 de xuño de 1885, só seis meses despois da conquista de Khartún. Despois dunha loita polo poder entre os seus discípulos, Abdallahi ibn Muhammad, coa axuda principalmente dos baggara do oeste de Sudán, venceu a oposición dos demais e emerxeu como o líder indiscutible do estado Mahdiyah. Despois de consolidar o seu poder, Abdallahi ibn Muhammad asumiu o título de califa (sucesor) do Mahdi, instituíu unha administración e nomeou os seus seguidores, os ansar, (que normalmente eran baggara) como emires sobre cada unha das distintas provincias.
As relacións rexionais mantivéronse tensas durante gran parte do período Mahdiyah, en gran parte debido aos brutais métodos do califa para estender o seu dominio por todo o país. En 1887, un exército de ansars de 60.000 homes invadiu Etiopía, penetrando ata Gondar. En marzo de 1889, o rei Xoán IV de Etiopía marchou sobre Metemma; con todo, despois de que Xoán IV caera na batalla, as forzas etíopes retiráronse. Abd ar-Rahman an-Nujumi, o xeneral do califa, intentou unha invasión de Exipto en 1889, pero as tropas exipcias dirixidas polos británicos derrotaron aos ansar en Tushkah. O fracaso da invasión exipcia rompeu o feitizo da invencibilidade dos ansar. Os belgas impediron que os homes do Mahdi conquistasen Ecuatoria, e en 1893, os italianos rexeitaron un ataque dos ansar en Agordat (Eritrea) e obrigaron aos ansar a retirarse de Etiopía.
Na década de 1890, os británicos intentaron restablecer o seu control sobre Sudán, unha vez máis oficialmente en nome do khedive exipcio, pero en realidade tratando o país como unha colonia británica. A principios da década de 1890, as reivindicacións británicas, francesas e belgas converxeran nas cabeceiras do Nilo. Gran Bretaña tiña medo de que as outras potencias aproveitasen a inestabilidade do Sudán para adquirir territorios previamente anexionados a Exipto. Ademais destas consideracións políticas, Gran Bretaña quería establecer o control sobre o Nilo para salvagardar un encoro de irrigación planificado en Asuán. Herbert Kitchener liderou as campañas militares contra o Sudán mahdista de 1896 a 1898. As campañas de Kitchener culminaron cunha vitoria decisiva na batalla de Omdurman o 2 de setembro de 1898. Un ano despois, o 25 de novembro de 1899, a batalla de Umm Diwaykarat, resultou na morte de Abdallahi ibn Muhammad, poñendo así fin á guerra mahdista.
Sudán anglo-exipcio (1899–1956)
En 1899, Gran Bretaña e Exipto chegaron a un acordo en virtude do cal Sudán seria dirixido por un gobernador xeral nomeado por Exipto co consentimento británico.[91] En realidade, Sudán foi efectivamente administrado como unha colonia da Coroa. Os británicos estaban ansiosos por reverter o proceso, iniciado baixo Muhammad Alí Pasha, de unir o Val do Nilo baixo o liderado exipcio e buscaron frustrar todos os esforzos destinados a unir aínda máis os dous países.[Cómpre referencia]
Con esta delimitación, a fronteira de Sudán con Abisinia foi disputada mediante asaltos a tribos que comerciaban con escravos, incumprindo os límites da lei. En 1905, o xefe local o sultán Yambio, renuente ata o final, renunciou á loita coas forzas británicas que ocuparan a rexión de Cordofan, acabando finalmente coa disputa. A continua administración británica de Sudán alimentou unha reacción nacionalista cada vez máis estridente, cos líderes nacionalistas exipcios decididos a obrigar a Gran Bretaña a recoñecer unha única unión independente de Exipto e Sudán. Co fin formal do dominio otomán en 1914, Sir Reginald Wingate foi enviado ese decembro para ocupar Sudán como novo Gobernador Militar. Hussein Kamel foi declarado sultán de Exipto e Sudán que ao igual que o seu irmán e sucesor, Fuad I continuaron coa súa insistencia dun único estado exipcio-sudanés mesmo cando o sultanato de Exipto xa fora retitulado como Reino de Exipto e Sudán, pero foi Saad Zaghloul quen continuou con estas ambicións ata a súa morte en 1927.[92]
Desde 1924 ata a independencia en 1956, os británicos mantiveron a política de xestionar Sudán como dous territorios esencialmente separados: o norte e o sur. O asasinato dun gobernador xeral anglo-exipcio do Sudán no Cairo foi o factor causante; trouxo consigo demandas do recentemente elixido goberno Wafd por parte das forzas coloniais. Un establecemento permanente de dous batallóns en Khartún foi rebautizado como Forza de Defensa do Sudán actuando baixo o goberno, en substitución da antiga guarnición de soldados do exército exipcio, entro en acción despois do Incidente Walwal.[93] A maioría parlamentaria wafdista rexeitara o plan de acomodo de Sarwat Pasha con Austen Chamberlain en Londres; con todo, O Cairo seguía necesitando o diñeiro. Os ingresos do Goberno sudanés alcanzaran un máximo en 1928, con 6,6 millóns de libras; tras as perturbacións wafdistas e as incursións fronteirizas italianas desde Somalilandia, Londres decidiu reducir o gasto durante a Gran Depresión. As exportacións de algodón e goma de mascar víronse empequenecidas pola necesidade de importar case todo de Gran Bretaña, o que provocou un déficit na balanza de pagamentos de Khartún.[94]
En xullo de 1936 o líder constitucional liberal, Muhammed Mahmoud foi convencido de traer delegados da Wafd a Londres para asinar o tratado anglo-exipcio, "o comezo dunha nova etapa nas relacións anglo-exipcias", escribiu Anthony Eden[95] Permitiuselle ao exército británico regresar a Sudán para protexer a zona da canle. Puideron montar instalacións de adestramento, e a RAF tivo liberdade para sobrevoar territorio exipcio. Con todo, isto non resolveu o problema do Sudán: a Intelixencia sudanesa axitou o retorno do goberno metropolitano, conspirando cos axentes alemáns.[96]
Benito Mussolini deixou claro que non podía invadir Abisinia sen conquistar antes Exipto e Sudán; pretendía a unificación de Libia coa África Oriental italiana. O Estado Maior Imperial británico preparouse para a defensa militar da rexión, que era escasa.[97] O embaixador británico bloqueou os intentos italianos de conseguir un Tratado de Non Agresión con Exipto-Sudán. Pero Mahmud era partidario do Gran Muftí de Xerusalén; a rexión estaba atrapada entre os esforzos do Imperio por salvar aos xudeus e os chamamentos árabes moderados a deter a emigración.[98]
A revolución exipcia de 1952 anunciou finalmente o comezo da marcha cara á independencia do Sudán. Tras abolir a monarquía en 1953, os novos líderes exipcios, Mohammed Naguib, cuxa nai era sudanesa, e máis tarde Gamal Abdel Nasser, crían que a única forma de acabar coa dominación británica no Sudán era que Exipto abandonase oficialmente as súas pretensións de soberanía. Ademais, Nasser sabía que sería difícil para Exipto gobernar un Sudán empobrecido tras a súa independencia. Por outra banda, os británicos continuaron o seu apoio político e financeiro ao sucesor mahdista, Abd al-Rahman al-Mahdi, de quen se cría que resistiría a presión exipcia en favor da independencia sudanesa. Rahman era capaz de facelo, pero o seu réxime estaba infestado de ineptitude política, o que lle valeu unha perda colosal de apoio no norte e centro do Sudán. Tanto Exipto como Gran Bretaña percibiron que se estaba fomentando unha gran inestabilidade, polo que optaron por permitir que ambas as rexións sudanesas, norte e sur, votasen libremente se desexaban a independencia ou a retirada británica.
Independencia (1956–presente)
En 1954, Sudán levou a cabo un proceso electoral que deu como resultado a composición dun parlamento democrático e Ismail al-Azhari foi elixido primeiro Primeiro Ministro[99][100] e dirixiu o primeiro goberno sudanés moderno.[101] O ano anterior á independencia, en 1955, os sudaneses do sur embarcáronse na primeira guerra civil sudanesa.
O seu goberno enfrontou tres problemas principais. O primeiro foi a crítica cuestión constitucional da relación de Sudán con Exipto . Pronto se fixo evidente que o pobo sudanés non quería estar estreitamente ligado a Exipto e, no seu maior acto de estadista, al-Azhari reverteu drasticamente a posición que defendera durante moito tempo e, co apoio dos principais líderes políticos, declarou o Sudán independente o 1 de xaneiro de 1956. O 1 de xaneiro de 1956, nunha cerimonia especial celebrada no Palacio do Pobo, as bandeiras exipcia e británica foron arriadas e a nova bandeira sudanesa, composta por franxas verdes, azuis e amarelas, foi izada no seu lugar polo primeiro ministro Ismail al-Azhari.
A primeira guerra civil sudanesa (1955-1972) seguírona varios conflitos étnicos, relixiosos e económicos entre a poboación do norte (árabe-musulmá) e a poboación do sur (animista, nilótica-cristiá e negra), que desembocaron na segunda guerra civil sudanesa (1983-2005). O líder do golpe, o coronel Gaafar Nimeiry, converteuse en primeiro ministro, e o novo réxime aboliu o parlamento e ilegalizó todos os partidos políticos. As disputas entre elementos marxistas e non marxistas dentro da coalición militar gobernante desembocaron nun golpe de estado que tivo un breve éxito en xullo de 1971, dirixido polo Partido Comunista Sudanés. Varios días despois, elementos militares anticomunistas restauraron a Nimeiry no poder.
En 1972, o acordo de Adis Abeba conduciu ao cesamento da guerra civil norte-sur e a certo grao de autogoberno. Isto supuxo unha paréntese de dez anos na guerra civil, pero co fin do investimento estadounidense no proxecto da canle de Jonglei retomaronse as ostilidades. Este considerouse absolutamente esencial para regar a rexión do Alto Nilo e evitar unha catástrofe ambiental e unha fame negra a gran escala entre as tribos locais, especialmente os dinka. Na guerra civil que seguiu, a súa terra natal foi asaltada, saqueada e queimada. Moitos membros da tribo foron asasinados nunha sanguenta guerra civil que durou máis de 20 anos.
Ata principios da década de 1970, a produción agrícola de Sudán dedicábase sobre todo ao consumo interno. En 1972, o goberno sudanés volveuse máis prooccidental e fixo plans para exportar alimentos e cultivos comerciais. Con todo, os prezos das materias primas baixaron ao longo da década de 1970, causando problemas económicos a Sudán. Ao mesmo tempo, aumentaron os custos do servizo da débeda, derivados do diñeiro investido en mecanizar a agricultura. En 1978, o FMI negociou un programa de axuste estrutural co goberno. Isto fomentou aínda máis o sector da agricultura mecanizada de exportación. Isto causou grandes dificultades aos pastores de Sudán (véxase pobos nuba). En 1976, os Ansar organizaron un sanguento pero errado intento de golpe de estado. Pero en xullo de 1977, o presidente Nimeiry reuniuse co líder dos Ansar Sadiq al-Mahdi, abrindo o camiño a unha posible reconciliación. Centos de presos políticos foron liberados e en agosto anunciouse unha amnistía xeral para todos os opositores.
Ditadura de al-Bashir (1989–2019)
O 30 de xuño de 1989, o coronel Omar al-Bashir encabezou un golpe militar incruento.[102] O novo goberno militar suspendeu os partidos políticos e introduciu un código legal islámico a escala nacional.[103] Posteriormente, al-Bashir levou a cabo purgas e execucións nos altos mandos do exército, a prohibición de asociacións, partidos políticos e xornais independentes, e o encarceramento de destacadas personalidades políticas e xornalistas.[104] O 16 de outubro de 1993, al-Bashir nomeouse a si mesmo "Presidente" e disolveu o Consello de Mando Revolucionario. Os poderes executivo e lexislativo do Consello foron asumidos por al-Bashir.[105]
A segunda guerra civil remata en 2005 tralo Acordo Xeral de Paz. Redactouse unha nova constitución e a rexión sur do país obtivo autonomía.
A introdución da xaria, a lei islámica, causou a fuga de máis de 350 000 persoas a países veciños. Entre outras medidas, a lei estabelece a prohibición de bebidas alcohólicas e castigos de enforcamento ou mutilación.
Desde 2003 existe un Conflito na rexión de Darfur. Houbo un exterminio da poboación negra por parte de milicias árabes, presuntamente apoiadas polo goberno de xeito encuberto.
Xeografía
Os desertos da Nubia e da Libia e o clima árido predominan no norte, mentres que o sur está cuberto por sabanas e forestas tropicais. A bacía do río Nilo, que atravesa o Sudán, é fonte de enerxía eléctrica e de irrigación para as plantacións de algodón, principal produto de exportación, ao lado da goma-arábica.
A maioría da poboación do Sudán vive da agricultura de subsistencia e da pesca. Recentemente o petróleo tornouse un dos principais produtos de exportación do país, e ten estimulado un gran crecemento da economía.
↑International Association for the History of Religions (1959). EJ Brill, ed. Numen. Leiden. p. 131. West Africa may be taken as the country stretching from Senegal in the west, to the Cameroons in the east; sometimes it has been called the central and western Sudan, the Bilad as-Sūdan, ‘Land of the Blacks’, of the Arabs.
↑Keita, S.O.Y. (1993). "Studies and Comments on Ancient Egyptian Biological Relationships". History in Africa20 (7). pp. 129–54. JSTOR317196. doi:10.2307/3171969.
↑"Brief History of the Sudan". Sudan Embassy in London. 20 de novembro de 2008. Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2008. Consultado o 24 de maio do 2023.
↑"Brief History of the Sudan". Sudan Embassy in London. 20 November 2008. Arquivado dende o orixinal o 20 November 2008. Consultado o 1 de decembro do 2023.
Peterson, Scott (2001). Me Against My Brother — At War in Somalia, Sudan and Rwanda — A Journalist Reports from the Battlefields of Africa. Routledge (Londres; Nova York). ISBN 978-0-203-90290-5.