San Xosé (en castelán San José) é a capital e a cidade principal de Costa Rica. É tamén a capital da provincia homónima. Está situada no centro do país, nun planalto montañoso a 1.161 m sobre o nivel do mar, o que tempera o clima tropical do territorio.
Consonte o censo do ano 2006, o municipio (cantón) de San Xosé tiña 339.588 habitantes, cosa que indica o seu rápido medramento os últimos anos, xa que en 1950 apenas alcanzaba os 87.000. Mais a área metropolitana supera os 2.500.000 de habitantes.
Fundado en 1737, San Xosé era un pequeno poboado de escasa importancia arredor de 1824, ano no que o primeiro xefe de estado de Costa Rica, o liberal Juan Mora Fernández, decidiu delocar para aquí o goberno, que antes residía en Cartago, a antiga capital colonial, para convertela nunha cidade de novo cuño. Era unha época de grande euforia na recentemente independizada Federación de Centroamérica, da que Costa Rica era un dos estados integrantes. A nova capital medrou con rapidez, estendéndose polo val. A causa da súa orixe serodia no século XVIII, en San Xosé non fican apenas vestixios de arquitectura colonial, tan habitual noutras capitais de Latinoamérica. No 9 de agosto de 1884, San Xosé tornouse na primeira cidade da América Latina que foi iluminada por enerxía eléctrica.
Lugares de interese
Como sitios destacados da cidade han de se cita os edificios do Banco Central de Costa Rica e do Banco Nacional (este último moito máis alto que as edificacións dos arredoress, algo que conforma o perfil peculiar da urbe), o parque metropolitano de La Sabana ou a Avenida Central (rúa peonal que é unha das principais áreas comerciais da cidade). O Parque Morazán e a Praza da Cultura son visitados por miles de traballadores e turistas cada día. Outros edificios salientes do centro urbano son o Teatro Nacional de Costa Rica e o Teatro Melico Salazar, centros da vida cultural, e a Catedral. Na parte sur, debemos lembrar a Clínica Bíblica (un hospital privado) e a estación do Ferrocarril del Pacífico.
A cidade posúe varios museos, como o Museo do Ouro, con mostras das antigas civilizacións precolombianas; o Museo de Arte e Deseño Contemporáneo, o Museo de Xade, o Museo Nacional, dedicado á historia do país, o Museo de Arte Costarriqueño etc.
San Xosé ten unha animada vida nocturna en zonas como El Pueblo, a Calle de la Amargura de San Pedro, Heredia, Escazú e Santa Ana.
Nas aforas da cidade está situado o Xardín Botánico Lankester, de 11 hectáreas, no que sobresae a colección de orquídeas.