Rúa Xeneral Gutiérrez Mellado (Pontevedra)

Rúa Xeneral Gutiérrez Mellado
A rúa Xeneral Gutiérrez Mellado en 2024
Tipoloxíarúa
Dimensións
Lonxitude0,14 km
Formatopeonil
Localización
InicioRúa Michelena
FinRúa Marqués de Riestra

A Rúa Xeneral Gutiérrez Mellado é unha rúa peonil da cidade de Pontevedra situada no primeiro ensanche da cidade. É unha das principais rúas de Pontevedra.

Orixe do nome

Desde 1996, a rúa está dedicada ao militar e político Manuel Gutiérrez Mellado polo seu relevante labor durante a transición española e coa finalidade de eliminar do rueiro da cidade nomes franquistas como o da súa anterior denominación, Xeneral Mola.[1][2]

Historia

A orixe da rúa está no acordo adoptado polo concello de Pontevedra o 5 de xaneiro de 1896 para abrir unha nova rúa entre as rúas Marqués de Riestra e Michelena, a través da leira e xardíns de Alejandro Mon Landa. En 1900 expuxéronse ao público os terreos que se necesitaban para a rúa.[3]

En 1925 anunciouse finalmente a apertura da nova rúa para unir as rúas Michelena e Marqués de Riestra e urbanizar un importante sector do centro da cidade.[4] En 1926 pagáronse as expropiacións e o 25 de agosto dese mesmo ano empezaron as obras de apertura da vía.[5]

As obras de finalización da nova rúa prorrogáronse máis do previsto por mor da necesaria derriba dun garaxe ao final da mesma, con fronte á rúa Marqués de Riestra.[6] As últimas casas que quedaban nesa rúa e que impedían a apertura total da nova vía denominada prolongación da rúa de Fernández Villaverde xa se expropiaran e derrubáronse no mes de maio de 1927.[7] A partir do mes de xuño dese ano empezou o valado e cerramento de soares na nova rúa por parte dos seus propietarios. A finais de 1929 a rúa atopábase aínda sen urbanizar e os barracóns do antigo garaxe ao final da rúa estaban aínda en pé.[8]

Nos primeiros anos de existencia o novo vial foi coñecido como Rúa do Chanchullo por mor das negociacións ocultas que se levaron a cabo desde o inicio para conseguir a apertura do mesmo e porque a rúa non se abriu con arranxo ao proxecto aprobado polo concello.[9] En maio de 1931 terminouse a explanación da nova vía e en 1935 os automóbiles xa circulaban normalmente por ela.[10][11] A principios de xuño de 1936 o director xeral da compañía Telefónica anunciou a próxima construción na nova rúa dun edificio no número 5 con destino a Central Teléfonica, que se converteu na súa sede en Pontevedra e albergou as oficinas da empresa na cidade.[12][13]

O 26 de xuño de 1937 outorgóuselle á rúa o nome do Xeneral Mola, falecido o día 3 dese mes nun accidente aéreo.[3][14] Nese mesmo ano procedeuse á instalación da rede de sumidoiros e á condución de auga para favorecer a construción de edificios, que aínda non se iniciara.[15] En 1938 efectuouse a pavimentación da rúa.

En 1943 o arquitecto Emilio Quiroga Losada deseñou a casa de Valentín Muiños, edificio sito fronte a Villa Pilar e facendo esquina entre as rúas Xeneral Gutiérrez Mellado e Marqués de Riestra, que foi no seu momento o máis alto da cidade.[16][17]

A maioría dos edificios actuais da rúa levantáronse nos anos 1960, finalizando a edificación actual de soares a principios dos anos 1970. Nesas décadas a rúa converteuse nunha localización comercial na cidade con coñecidos establecementos como o comercio de discos e electrodomésticos Vázquez Lescaille, que abriu as súas portas en 1956.[18] A rúa foi tamén nesas décadas un punto de referencia para a parada de autobuses interurbanos. Diversos bancos estableceron as súas sucursais no seu lado leste e múltiples comercios instaláronse no seu lado oeste.

En 1965 abriuse a través do edificio do número 3 da rúa un segundo tramo das galerías comerciais da rúa da Oliva que permitiu a unión desta rúa coa rúa Xeneral Gutiérrez Mellado.[19]

O 25 de abril de 1996 a corporación municipal pontevedresa decidiu cambiar o nome orixinal da rúa, pasando a denominarse rúa do Xeneral Gutiérrez Mellado, xeneral falecido catro meses antes.[3]

En 2002 iniciouse unha profunda remodelación da rúa para convertela en peonil. As obras terminaron a principios de maio de 2003.[20]

En abril de 2023, con motivo da demolición do edificio do número 3 para a construción dun novo inmoble para unha macrotenda de Zara, procedeuse ao tapiado da saída das galerías comerciais da Oliva.[21][22]

A rúa de noite coas súas palmeiras de abano californianas.

Descrición

É unha rúa peonil de 140 metros de lonxitude, recta e chaira, en pleno centro de Pontevedra, que conecta o parque das Palmeiras co casco antigo da cidade.[23] A súa anchura media é de 20 metros

Trátase dunha rúa céntrica do primeiro ensanche da cidade entre as rúas Marqués de Riestra e Michelena, no límite do centro histórico de Pontevedra.

Na rúa atópanse numerosos comercios e sucursais bancarias. O pavimento de lastros é en tons ocre e está enmarcado por bandas de granito aos lados para diferenciar os espazos exclusivamente peonís e o carril central, peonil e restrinxido ao tráfico de servizos e acceso a garaxes de residentes.[23]

O aspecto máis destacado da rúa son as dúas fileiras de altas palmeiras de abano californianas[24] que delimitan lonxitudinalmente o carril central ao longo da rúa e facilitan a transición entre o parque das Palmeiras e o centro histórico de Pontevedra.[23] Cubrindo a parte superior dos amplos alcorques de pedra que rodean as palmeiras e que inclúen iluminación nocturna atópanse bancos de madeira en ambos os extremos.[20]

Notas

  1. "Un callejero muy común". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de xuño de 2009. 
  2. "Las primeras revisiones del callejero de la ciudad". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de abril de 2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Juega Puig 2000, p. 118.
  4. "Prolongación de la calle de Fernández Villaverde". El Progreso (en castelán). 12 de novembro de 1925. 
  5. "Una nueva calle". El Pueblo Gallego (en castelán). 26 de agosto de 1926. 
  6. "Las nuevas calles y la traída de aguas". El Pueblo Gallego (en castelán). 20 de marzo de 1927. 
  7. "Se han echado abajo las últimas casas que quedaban en pie". El Pueblo Gallego (en castelán). 18 de maio de 1927. 
  8. "La calle prolongación de la de Fernández Villaverde se halla todavía sin urbanizar". El Pueblo Gallego (en castelán). 28 de setembro de 1929. 
  9. "En la calle de "El Chanchullo" hubo chanchullo". La Libertad (en castelán). 14 de maio de 1931. 
  10. "Explanación de la calle prolongación de la de Fernández Villaverde". El Pueblo Gallego (en castelán). 9 de mayo de 1931. 
  11. "Un auto contra una bicicleta". El Pueblo Gallego (en castelán). 19 de novembro de 1935. 
  12. "Un edificio para la Telefónica". El Pueblo Gallego (en castelán). 6 de xuño de 1936. 
  13. "Telefónica pone a la venta su edificio de oficinas de Gutiérrez Mellado por más de tres millones". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de marzo de 2006. 
  14. "El nombre del General Mola a una calle". El Pueblo Gallego (en castelán). 29 de xuño de 1937. 
  15. "La calle del General Mola". El Pueblo Gallego (en castelán). 10 de xullo de 1937. 
  16. "Emilio Quiroga, el "arquitecto municipal"". Diario de Pontevedra (en castelán). 28 de abril de 2024. 
  17. "La casa de Valentín Muiños". Faro (en castelán). 17 de outubro de 2021. 
  18. "Los vinilos giran de nuevo". El Progreso (en castelán). 12 de febreiro de 2016. 
  19. "Adiós al acceso a las Galerías Oliva desde Gutiérrez Mellado". Diario de Pontevedra (en castelán). 31 de xaneiro de 2023. 
  20. 20,0 20,1 "Las obras de reforma de la calle Gutiérrez Mellado rematarán esta misma semana". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de abril de 2003. 
  21. "Tapian por sorpresa las históricas Galerías Oliva de Pontevedra y dejan a comerciantes y vecinos «tristes y rotos»". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de abril de 2023. 
  22. "La macrotienda de Zara en el corazón de Pontevedra: ocho plantas, 9,6 millones de inversión y dos edificios conectados". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xullo de 2023. 
  23. 23,0 23,1 23,2 "La calle Gutiérrez Mellado pondrá fin al plan de transformación urbana". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de decembro de 2002. 
  24. Blanco Dios & Castro González 2010, p. 214.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Blanco Dios, Jaime Bernardo; Castro González, Amancio (2010). As árbores da cidade de Pontevedra. Pontevedra: Concello de Pontevedra. p. 214. ISBN 978-84-606-5147-5. 
  • Juega Puig, Juan (2000). As rúas de Pontevedra. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 94. ISBN 84-8457-044-4. 

Outros artigos

Ligazóns externas