Glorieta de Compostela |
---|
Glorieta de Compostela |
Tipoloxía | praza |
---|
Dimensións |
---|
Lonxitude | 35 m |
---|
Largura | 40 m |
---|
Área | 1 000 m2 |
---|
Localización |
---|
Localidade | Pontevedra |
---|
Código postal | 36001 |
---|
Construción |
---|
Comezo | século XIX |
---|
Inauguración | 2002 (reforma) |
---|
A Glorieta de Compostela é unha praza situada na cidade de Pontevedra, no centro da cidade, no Ensanche.
Orixe do nome
A praza recibiu o seu actual nome en 1950 en homenaxe ao Camiño de Santiago Portugués, que transcorre por ela.[2] A glorieta é coñecida de modo popular polos pontevedreses como Praza dos Nenos.[3]
Historia
Este transitado espazo constituíu desde antigo un lugar de paso xa que nel localizábase o trazado da antiga vía romana XIX do itinerario de Antonino. Posteriormente, na Idade Media pasou a ser un punto do traxecto do Camiño Portugués, testemuña desde entón das peregrinacións xacobeas. Desde o século XIV esta área extra muros estivo delimitada no seu lado leste, no lugar que hoxe ocupa o tramo final da rúa Frei Xoán de Navarrete, pola antiga capela da nosa Señora do Camiño ou da Virxe do Camiño, reformada en varias ocasións ao longo dos séculos ata a súa demolición e desaparición.[4]
A principios do século XIX durante a ocupación francesa na cidade a capela da nosa Señora do Camiño foi arrasada polo lume e polo roubo de gran parte do seu patrimonio.[4] En 1856, segundo o plano de Pontevedra do Tenente Coronel de Enxeñeiros Francisco Coello de Portugal y Quesada este lugar no que se atopa a praza actualmente estaba configurado como unha praza semicircular pechada e xa dispoñía de construcións ao redor. Esta forma semicircular irregular coa capela no seu lado leste tamén quedou plasmada no plano do Instituto Xeográfico e Estatístico español de 1910.
En maio de 1936 a derriba da capela da nosa Señora do Camiño polo concello de Pontevedra, polo seu estado de ruína e porque interceptaba o tránsito nunha vía pública de grande importancia, facilitou o posterior desenvolvemento urbanístico do lugar xunto ao que se atopaba.[4][5] A praza que se configurara neste cruzamento de camiños foi atravesada na posguerra pola estrada N-550, incrementándose progresivamente a afluencia de tráfico, situándose no seu centro un farol de catro brazos como elemento distintivo, acollendo unha parada de taxis e deixando un pequeno espazo semicircular libre de coches no seu lado oeste que foi utilizado como aparcadoiro desde os anos 1960 e no que se instalou posteriormente unha das fontes de fundición de deseño francés de 1887 presentes na cidade, encargadas polo arquitecto Alejandro Sesmero.[2] Este pequeno espazo semicircular estaba separado nos anos 1980 da circulación rodada por unha balaustrada metálica de escasa altura que rodeaba unha pequena zona verde con vexetación e foi utilizado como terraza dunha cafetería próxima.
O Cinema Gónviz, un dos máis céntricos da cidade e punto de afluencia de moitos pontevedreses, inaugurouse en 1973 no edificio máis alto da praza, de 13 andares, e permaneceu aberto ata 2001.[6][2]
A finais de 2001 empezou unha profunda reforma da praza, deseñada polo arquitecto Jesús Fole Osorio, tras a cal a Glorieta de Compostela converteuse nun espazo case integramente peonil.[7] Instalouse unha fonte no seu centro dominando a praza e a inauguración da remodelación produciuse o 9 de agosto de 2002.[8] En 2019 dotouse á fonte dun sistema de iluminación multicolor.[9][10]
Desde a súa reforma a Glorieta de Compostela converteuse nun punto de encontro dos pontevedreses.[2]
Descrición
A praza atópase en pleno centro urbano e comercial de Pontevedra e nela conflúen as rúas Peregrina, que a atravesa de noroeste a sueste e Frei Xoán de Naverrete.[11]
É unha praza semicircular e semipeonil, circundada no seu lado leste por un pequeno carril de circulación que canaliza o restrinxido tráfico das rúas Peregrina e Frei Xoán de Navarrete e está rodeada de edificios de distintos estilos, os máis antigos de 1928 e 1950 e outros máis modernos dos anos 1970 a 1990. O elemento máis destacado da praza é a fonte denominada Fonte dos Nenos situada no seu centro, que está rodeada no seu lado sur por un banco corrido semicircular.[2] A iluminación pública de todo o espazo realízase por medio de dúas columnas de iluminación con proxectores.[12]
A Fonte dos Nenos é unha fonte plana con vinte metros de diámetro e setenta bocas de auga, as centrais dispostas en columna de potentes chorros e as de ao redor en nebulización, alternadas con puntos de luz. Un sensor rebaixa automaticamente a forza e altura da auga para evitar molladuras aos transeúntes. O centro da fonte está empedrado e o seu perímetro de granito negro leva a inscrición da canción popular galega "Pontevedra é boa vila, dá de beber a quen pasa. 2002".[8] Un elemento destacado da fonte é o grupo escultórico de pedra que está na súa beira formado por tres figuras, dúas nenas e un neno, que pon de relevo tres surtidores de auga dos que bebe. As figuras son obra de Sebastián Casalderrey e Manuel Collazo Torres.[13] A figura da nena sentada foi instalada con posterioridade á inauguración do conxunto, o 22 de outubro de 2002.[14] O grupo escultórico é a representación de dúas nenas esperando mentres xogan a que un neno termine de beber na fonte para beber elas, unha sentada e a outra de pé cun aro metálico debaixo do brazo.[15]
Galería de imaxes
-
O grupo escultórico da Fonte dos Nenos na praza
-
A Fonte dos Nenos cos edificios da praza de fondo
-
Plano de 1856 coa glorieta á esquerda da Ermida da Virxe do Camiño
-
A fonte no centro da glorieta
Notas
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "La fuente de los niños y de los mayores". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de xaneiro de 2024.
- ↑ "Calles con tantos nombres como vidas". Diario de Pontevedra (en castelán). 19 de febreiro de 2012.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "La leprosería del Gafos". Diario de Pontevedra (en castelán). 8 de xuño de 2015.
- ↑ "El derribo de la capilla de la Virgen del Camino". Faro (en castelán). 11 de setembro de 2016.
- ↑ "Cuando la oscuridad era un paraíso". Diario de Pontevedra (en castelán). 4 de decembro de 2022.
- ↑ "La adjudicataria de la fuente de la glorieta de Compostela renuncia a la obra". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de marzo de 2002.
- ↑ 8,0 8,1 "Otra fuente para la Boa Vila". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xullo de 2022.
- ↑ "La fuente de los niños va a ser multicolor". Cadena SER (en castelán). 11 de marzo de 2019.
- ↑ "Luces de colores para la fuente "de los niños"". Pontevedra Viva (en castelán). 11 de marzo de 2019.
- ↑ "El Concello estudia ampliar la peatonalización desde Daniel de la Sota hasta la Glorieta de Compostela". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de maio de 2001.
- ↑ "Deciden acondicionar la glorieta de Eduardo Pondal tras 7 años con la rotonda de plástico". 29 de marzo de 2007.
- ↑ "Esculturas en lista de espera". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de febreiro de 2006.
- ↑ "Una nueva figura para la glorieta de Compostela". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de outubro de 2016.
- ↑ "Destrozan el conjunto escultórico de la Fuente de los Niños de la Boa Vila". Diario de Pontevedra (en castelán). 22 de agosto de 2022.
Véxase tamén
Bibliografía
- Juega Puig, Juan (2000). As rúas de Pontevedra. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 71. ISBN 84-8457-044-4.
Outros artigos
|
---|
Lugares senlleiros | |
---|
Edificios civís | |
---|
Edificios relixiosos | |
---|
Monumentos e esculturas | |
---|
Prazas e rúas | |
---|
Pontes | |
---|
Restos arqueolóxicos | |
---|
Museos | |
---|
Artes escénicas | |
---|
Educación e Cultura | |
---|
Parques e espazos naturais | |
---|
Instalacións deportivas | |
---|
Exposicións e espectáculos | |
---|
Hospitais | |
---|
Transportes | |
---|
Barrios | |
---|
Medios de comunicación | |
---|
Eventos | |
---|
Asociacións culturais | |
---|
|
Rueiro de Pontevedra |
---|
Avenidas | |
---|
Glorietas | |
---|
Paseos | |
---|
Prazas | |
---|
Roldas | |
---|
Rúas | |
---|