A ponte da Ría é unha ponte para o tráfico rodado con piares en forma de V que cruza a ría de Pontevedra na cidade de Pontevedra. Forma parte da AP-9 e foi inaugurada en 1992.
Localización
A ponte está situada entre o barrio de Mollavao en Pontevedra e o lugar da Puntada (no municipio veciño de Poio).[1] Localízase na parte oeste da cidade que se abre cara ao mar, no estuario que forma a desembocadura do río Lérez na ría de Pontevedra.[2]
Historia
As obras da ponte da Ría empezaron o 21 de decembro de 1989 para o paso da autoestrada AP-9 e como parte da circunvalación oeste da cidade.[3][4]
Foi concibida polos enxeñeiros Leonardo Fernández Troyano, Javier Manterola Armisén e Amando López Padilla. A construción iniciouse no piar central (piar referencia da ponte) e recorreuse a un método de construción baseado en vigas en beiril con atirantamento provisional. Foi inaugurada o 25 de marzo de 1992.[5][6]
A construción e posta en servizo da ponte foi polémica polo impacto paisaxístico que supuxo e pola modificación notable das vistas desde a cidade cara ao mar. A súa denominación "Ponte da Ría" foille dada por Audasa, a concesionaria da autoestrada AP-9.[7][1]
Descrición
Trátase dunha ponte con dúas calzadas independentes, que ten unha lonxitude de 700 metros e está feita de formigón pretensado no taboleiro e de formigón armado nos piares e nos estribos.[1][8]
É unha ponte de autoestrada con dous piares xemelgos en forma de V como único apoio intermedio no seu tramo central, cuxa cimentación repousa no centro do leito da ría de Pontevedra. Está dividida en tres tramos diferentes. O tramo intermedio ten dous vans principais de 120 m de lonxitude cunha viga caixón de canto variable. Para a forma do taboleiro adoptouse unha solución en gaivota: ten canto máximo sobre o piar central diminuíndo cara ós piares laterais dos vans de 120 metros, chegando preto deles ao canto mínimo. Os vans laterais da ponte teñen 40 m de lonxitude cunha viga caixón de canto constante. Os tramos dos dous extremos da ponte forman os viadutos de acceso á mesma.[9] Os piares do tramo en viaduto ao lado sur pasan por riba dunha pequena parte do paseo marítimo de Pontevedra.
A ponte da Ría está libre de peaxe e actúa como circunvalación oeste entre o norte e o sur da cidade de Pontevedra, no tramo comprendido entre o barrio do Pino e o parque de Bombeiros. [7] Case 50.000 vehículos cruzan a diario a ponte.[5]
Galería de imaxes
-
Vista xeral da ponte sobre a ría de Pontevedra
-
Vista da ponte desde o norte en sentido sur co letreiro do nome oficial
-
A ponte á tardiña
-
A ponte coa cidade de fondo
-
As dúas calzadas desde a parte inferior da ponte
-
A ponte desde o miradoiro do
paseo marítimo de Pontevedra
-
Piares centrais como único apoio intermedio en forma de V
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 "El puente de la AP-9 renovará su faldón". Diario de Pontevedra (en castelán). 15 de xullo de 2021.
- ↑ "Pontevedra, la ciudad de los puentes". El Español (en castelán). 25 de marzo de 2021.
- ↑ "El nuevo puente entre Lérez y Monte Porreiro tendrá un diseño singular". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de decembro de 2007.
- ↑ "Alrededor de 37.000 vehículos circulan a diario por la zona". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xuño de 2014.
- ↑ 5,0 5,1 "La circunvalación sobre la ría cumple 30 años como el segundo tramo más usado de la AP-9". Faro (en castelán). 8 de febreiro de 2022.
- ↑ Fernández Troyano, Manterola Armisén & López Padilla 1995, p. 9-14
- ↑ 7,0 7,1 "El puente de la AP-9 cumple veinte años con menos de 47.000 vehículos al día al caer sus tráficos un 5%". Faro (en castelán). 16 de setembro de 2012.
- ↑ "Enfado en Mollavao por el mal estado del viaducto de la AP-9: “Se cae a cachos”". Faro (en castelán). 27 de xaneiro de 2021.
- ↑ Fernández Troyano, Manterola Armisén & López Padilla 1995, p. 9-14
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Ligazóns externas
|
---|
Lugares senlleiros | |
---|
Edificios civís | |
---|
Edificios relixiosos | |
---|
Monumentos e esculturas | |
---|
Prazas e rúas | |
---|
Pontes | |
---|
Restos arqueolóxicos | |
---|
Museos | |
---|
Artes escénicas | |
---|
Educación e Cultura | |
---|
Parques e espazos naturais | |
---|
Instalacións deportivas | |
---|
Exposicións e espectáculos | |
---|
Hospitais | |
---|
Transportes | |
---|
Barrios | |
---|
Medios de comunicación | |
---|
Eventos | |
---|
Asociacións culturais | |
---|
|