Rei de romanos[1][2] (en latín: Rex Romanorum) foi o título utilizado por Siagrio, e máis adiante polo rei alemán seguindo a súa elección polos príncipes-electores desde a época do Emperador Henrique II (1014-1024) en adiante. Este título supoñía unha reclamación para ser elixido Sacro Emperador Romano, e dependía da coroación polo papa.
Orixe
A unción e coroación imperial de Lois II en abril de 850, asentou unha constante ao longo do medievo, de que tales ritos só podería facelos o papa, e en Roma, incluso se o rei xa fora unxido previamente. En 855, coa abdicación e morte do emperadorLotario I, Lois II, que por entón xa era rei de Italia, non obtivo territorios ao norte dos Alpes na repartición efectuada por Lotario I. Ao quedar como soberano italiano, o título imperial quedou confinado en Italia[3][4] e o rei encargado da defensa do papado, do que resultou, tras a morte de Lois II, que o propio papado se arrogou a iniciativa de designar ao emperador.[5]
Este principio, de que só o papa podía coroar o emperador, e que o emperador era o protector da Igrexa romana, que se estableceu no período carolinxio, continuou a partir do século X cando Otón I reclamou ao papa o recoñecemento do seu status político.[6]Otón I empregou o título de Imperator Augustus, e foron o seu fillo Otón II e o seu neto Otón III os que decantaron a afirmación do Imperio centrada en Roma, e manifestada definitivamente a través da súa intitulación como Romanorum Imperator Augustus en 982.[7]
Porén, o papa era o que en último lugar podía coroar o soberano alemán como emperador; o soberano alemán era potencialmente un emperador e podían pasar anos antes de levarse a cabo a coroación imperial, co que os soberanos alemáns debían conformarse co título de rex.[8] O vínculo entre os reis alemáns coa coroa imperial foi reforzado con Conrado II ao intitularse como designado para a coroa imperial dos romanos, Imperium designatus Romanorum, sendo xa rei de Alemaña e de Italia. Finalmente, foi Henrique III cando se estableu a conexión entre o seu título real e a coroa imperial cando emitiu un diploma o 14 de xaneiro de 1040 onde, por primeira vez, apareceu a expresión Romanorum Rex (Rei de romanos). O uso deste termo foi estendéndose máis frecuentemente e estableceuse de forma máis permanente con Henrique V,[9] coa intención de contrarrestar a designación pexorativa e limitada de Rex Teutonicorum coa que o papa se refería a el durante a Querela das Investiduras.[10][11]
Significado
O Rei de romanos pode ser considerado como un emperador electo en espera de ser coroado como tal en Roma, ou como o herdeiro do emperador designado en vida do propio emperador.[12] Isto é, o Rei de romanos podería ser o herdeiro dun emperador ou un soberano do Sacro Imperio en exercicio en «espera de coroación» e que se intitularía emperador cando fose coroado polo papa en Roma.[13] O rei de Romanos intitulábase como Romanorum Rex semper Augustus antes de ser coroado Romanorum Imperator semper Augustus polo papa —até o ano 1508—.
Un emperador xa coroado desexoso de transmitir o seu trono á súa descendencia nunha monarquía electiva, facía elixir o seu sucesor durante o seu reinado pola súa propia iniciativa, co consentimento dos Príncipes Electores e de acordo coas provisións da Bula de Ouro de 1356. Deste modo, á morte do emperador, había xa un rei que o sucedía inmediatamente, sen requirir outra coroación ou Wahlkapitulation, posto que xa fora xurada unha capitulación; así evitábase un trono vacante e conflitos de intereses nunha nova elección.[14] Este sucesor tomaba o título de Rei de romanos e coroábase en Aquisgrán ou en Frankfurt, e non interviña no goberno salvo incapacidade do emperador ou que este renunciase ás súas responsabilidades (como fixeron Maximiliano I durante o reinado do emperador Frederico III ou Fernando I durante o reinado do emperador Carlos V), a súa única función era ser o vigairo xeral do Imperio.[15]
Se á morte do emperador non había ningún Rei de romanos electo, entón facíase necesaria unha elección por electores, acorde coas provisións da Bula de Ouro de 1356. Durante a vacancia no trono, a autoridade era exercida por dous vigairos imperiais: o conde palatino do Rin (Pfalzgraf bei Rhein) e o duque de Saxonia (Herzog von Sachsen).[16]
Desde o ano 1508, o Rei de romanosMaximiliano I intitulose, co consentimento do papa Xulio II, como emperador electo (Erwählter Römischer Kaiser), co que xa non necesitaba ser coroado polo papa, senón que bastaba coa coroación nos seus territorios. Así, a posición do Rei de romanos quedou limitada a ser o herdeiro electo en vida do emperador, que automaticamente pasaba a ser emperador electo á morte do seu predecesor sen necesidade doutra cerimonia.
Durante o Imperio de Oriente (Imperio romano de Oriente), cuxa capital era Constantinopla, usábase a lingua grega, e para utilizar o termo latino imperator (emperador) facían referencia á palabra basileus (rei), aínda que o monarca levaba o título de Βασιλεύς των Ρωμαίων(Basileús tōn Rōmaniōn), é dicir: "Rei de romanos".