O Museo de Selos e Moedas de Mónaco (en francés: Musée des Timbres et des Monnaies de Monaco), situado na zona de Fontvieille, en Mónaco, é un museo filatélico e numismático que expón as coleccións privadas do príncipe Raineiro III, fundador da institución, centradas na historia postal do Principado de Mónaco desde 1885 e que recolle a cronoloxía completa das moedas monegascas desde o ano 1641 ata as actuais emisións en euros.[1]
Historia
A finais do século XIX, o pastor inglés G. G. Barbier reuniu unha importante colección de selos de Mónaco que abranguía, entre outros, algúns exemplares sardos anteriores a 1860.[2][3]
Logo do pasamento de Barbier, o príncipe Alberte I comprou a colección, que foi enriquecida moi considerablemente polo seu sucesor, Lois II. Cando foi herdada por Rainiero III, este deulle un novo pulo e, en 1950, decidiu expola ao públiio creando o chamado Museo Postal.[3][4][5]
En 1987 formouse unha comisión asesora, responsable da clasificación e da conclusión da colección filatélica. Unha orde soberana de Rainiero III estableceu o museo en decembro de 1995 e o ano seguinte abriu ao público, chamado inicialmente Museo de Selos. En 2001 modificou o seu nome a Museo de Selos e Moedas para reflectir o contido das súas coleccións.[3][4][5][6]
Coleccións
O museo estrutúrase en dous espazos: a "gran sala" e a "sala de selos raros".[2][4][5]
Gran sala. Neste espazo amósanse dúas coleccións, unha delas a de moedas da historia do Principado de Mónaco a partir de 1641 e outra que recolle toda a produción de selos monegascos desde 1885 ata a actualiade.[2][4]
Sala de exemplares raros. Expóñense aquí pezas filatélicas de alto valor, entre os que cómpre salientar un bloque de cino selos de 5 francos de Carlos III, así como un sobre expedido en Menton, nos Alpes Marítimos, datado o 12 de abril de 1851, cun exemplar da primeira emisión de selos sardos, que daquela se utilizaban no principado.[2][4]
Ademais dos exemplares de selos e moedas, exhíbense tamén no museo outros obxectos, como unha máquina de impresión rotativa que se utilizou para a impresión de selos monegascos durante máis de 50 anos, así como varios cuños e punzóns para selos e moedas etc. Os visitantes poden tamén ver o proceso de fabricación dos selos durante a súa visita ao museo grazas a unha imprenta manual disposta para o efecto.[2]
O Club de Montecarlo
Na sede do Museo de Selos e Moedas de Mónaco estableceuse en 1999 o Club de Montecarlo da Elite da Filatelia (Club de Monte-Carlo de l'Elite de la Philatélie), por proposta do filatélico Alexander D. Kroo e mediante un decreto sancionado polo príncipe Rainiero III. O club organiza cada dous anos exposicións de rarezas filatélicas coa denominación de MonacoPhil.[7][8]