Moeda nabatea

Cuadrante de bronce a nome de Aretas IV, cuñado entre os anos 4 e 3 a. C. na ceca de Petra. 18 mm. 5,52 g.[1]

As emisións de moeda nabatea son as levadas a cabo polo pobo nabateo, sinaladamente a nome dos seus monarcas, desde Obodas I, no século I a. C., a Rabbel II, no século II d. C., e que se estenden mesmo ata o período de dominación romana no século II d. C, coas cuñaxes da provincia romana da Arabia Pétrea realizadas na súa capital, Petra, a nome dos emperadores romanos.

Mapa do Reino Nabateo no seu momento de máxima extensión.

As moedas nabateas de prata estaban baseadas nos padróns do dracma grego e do denario romano, dado que as zonas adxacentes ao Reino Nabateo utilizaban o sistema ponderal grego. Ao descoñecermos a nomenclatura utilizada polos nabateos para estas moedas, hoxe utilízanse indistintamente as denominacións de dracma ou denario.

Son tamén comúns as emisións en cobre e en bronce, con pezas de entre 5 e 25 milímetros de diámetro, cuxo nome se descoñece tamén, aínda que responden a parámetros métricos comúns coas moedas emitidas naquel tempo noutras zonas de influencia grega.

Historia

Primeiras emisións anónimas

Inicialmente, os nabateos botaban man das moedas propias dos seus socios comerciais, especialmente as emisións tolemaicas e as fenicias de Tiro. Cara a finais do século III ou principios do século II a. C., os nabateos comezaron a facer contramarcas propias sobre os bronces dos tolomeos e despois apareceron as súas primeiras emisións propias, que eran copias en bronce[2] e en prata[3] dos estateros de Alexandre o Grande, caracterizadas pola representación de Atenea con casco nos anversos e a figura en pé de Niké, deusa da vitoria, nos reversos.[4][5][6]

Obodas I (ca. 96-86 a.c.)

Dracma de Obodas I. Ano 86 a. C. AG. 16 mm. 3,47 g. Ceca de Petra (?) Padrón tolemaico.[7]

Obodas I foi o primeiro monarca nabateo que emitiu moeda ao seu nome e co seu propio retrato no anverso.[4]

Coñécese unicamente un dracma de prata do que chegaron aos nosos días unicamente dous exemplares. Un deles saíu a poxa en Nova York en maio de 2017 e acadou o prezo de 18.000 dólares, a maior cantidade pagada por unha moeda nabatea da que se teña constancia.[4][7]

No anverso, anepigráfico, amósase simplemente a cabeza de Obodas I cara á dereita, rodeada por unha grafila de puntos. No reverso aparece o nome e o título do rei en grego, cunha aguia sobre un raio como motivos principais, unha imaxe habitual na moeda tolemaica de prata, na que se inspira.[4][7]

Obodas I foi quen de vencer primeiro os asmoneos e posteriormente os seléucidas, na batalla de Cana, en 86 a. C. Logo do seu falecemento nese mesmo ano, foi venerado polo pobo nabateo como unha divindade e considérase probable que este dracma, que amosa igualmente a data de 86 a. C. (ano rexio 11) foxe unha emisión de celebración desta importante vitoria.[7]

Aretas III (87-62 a. C.)

Bronce de Aretas III. Æ. 21 mm. 7,31 g. Ceca de Damasco. [8]

O irmán de Obodas I, Aretas III, que capturou Damasco aos seléucidas o 85 a. C., cuñou ao seu nome moedas de bronce, en cuxos anversos se amosa a súa cabeza diademada, en tanto que nos reversos aparece unha figura sedente de Tique, deusa da fortuna da cidade, xunto coa inscrición ΒΑΣΙΛΕΩΣ ΑΡΕΤΟΥ ΦΙΛΕΛΛΗΝΟΣ (Do rei Aretas, amante dos gregos”).[4][9]

Así mesmo, coñécese un único exemplar dun tetradracma de prata con idéntico deseño, que foi adquirido en 1971 polo Museo Británico, onde se conserva desde entón.[10]

Obodas II (62-60 a. C.)

Véxase Obodas III (30-9 a. C).

Malicos I (60-30 a. C.)

Dracma ou cuarto de siclo de Malicos I. Ano 34/35 a. C. AG. 16,5 mm. 3,46 g. Ceca de Petra.[11]

O sucesor de Aretas III foi Malicos I, en 60 a. C. Malia reinar durante tres décadas, só emitiu moeda nos últimos anos, probablemente como medio de pagamento das tropas.[4][12][13]

Nas súas cuñaxes substituíu as inscricións en grego habituais da moeda nabatea por outras escritos en arameo, a lingua administrativa do Imperio Persa, utilizada en ámbitos formais, aínda que os nabateos falaban entre eles dialectos árabes.[4][12]

Malicos adoptou un padrón tolemaico lixeiro para a súa moeda de prata, de gran pureza (95 %), baseado nun didracma de prata ou medio siclo (6,9 g) e un dracma ou cuarto de siclo (ca. 3,1 g), ademais de moedas de bronce de con valores de catro (9,5 g), de dúas (4,4 g) e dunha unidade (< 4 g), de nome descoñecido para nós.[4][12]

Obodas III (30-9 a. C.)

Dracma de Obodas II ou III coa súa muller, Hagaru. Ano 13/12 a. C. AG. 18 mm. 4,45 g.[14]

Existe unha certa confusión con respecto á numeración deste monarca. As raras moedas nas que aparece soamente o busto do rei adoitan atribuírse a un efémero Obodas II (ca. 62-60 a. C.),[15] de existencia incerta, en tanto que as pezas en que se amosan xuntos os retratos do rei de da raíña Hagaru se atribúen a Obodas III.[4][14][16][17]

Martin Huth sostén que non houbo un gobernante anterior de curta duración e, xa que logo, o que coñecemos como Obodas III sería realmente o segundo monarca con ese nome.[18]

Dracma de Obodas II ou III coa súa muller, Hagaru. Ano 15/14 a. C. AG. 17,5 mm. 4,49 g.[19]

Nalgúns dracmas emitidos a partir do ano 10 do reinado (21/20 a. C.) comeza a aparecer o busto da raíña en solitario no reverso e unha alusión ao seu nome nas lendas: Hagaru.[19] Estímase que estas moedas poden indicar un acontecemento salientable, como, por exemplo, o nacemento dun fillo.[4]

Emisións anónimas en chumbo

Desde 2002 comezaron a coñecerse algunhas moedas nabateas elaboradas en chumbo, que os expertos numismáticos datan arredor da época de Obodas III ou algo posterior. A súa función é incerta, dado que o chumbo é un metal brando e o seu desgaste é rápido; de feito, as que se coñecen están en estados de conservación deficientes.[4][20][21]

Estas moedas son anepígrafas; pesan arredor de 1,54 gramos e teñen un diámetro duns 13 milímetros. Nos seus anversos amosan a figura dun deus barbado, probablemente Zeus, identificado co deus árabe dos trebóns, Hadad. Os reversos caracterízanse pola imaxe dun boi cargando, cara á esquerda.[4][22]

Syllaeus e Aretas (9-6 a. C.)

A existencia do pretendente ao trono Syllaeus, un alto funcionario de ascendencia real, está documentada por referencias do xeógrafo grego Estrabón e do historiador xudeu-romano Flavio Xosefo. En 26 a. C., o emperador romano Augusto ordenou a exploración de Arabia para localizar as fontes do prezado incenso, e para o goberno das tropas desta expedición contouse coa colaboración de Syllaeus. Consonte Estrabón, que estivo presente na marcha, Syllaeus conduciu deliberadamente os romanos a través dun camiño difícil no deserto, para o debilitar e esgotar.[23][24] O fracaso desta misión preservou para os nabateos o monopolio do comercio do incenso.[4]

Á morte de Obodas sen herdeiro directo en 9 a. C., presumiblemente envelenado, Syllaeus postulouse para o trono, mais outro aristócrata chamado Eneas se fixo co poder en Petra e nomeouse rei co nome de Aretas IV. Syllaeus apelou a Roma na procura de apoio, mais Augusto negoulle a axuda e mesmo o levou a Roma para o axustizar, en 6 a. C., acusándoo do asasinato de Obodas.[4][24]

Durante este período de confusión, producíronse emisións de dracmas e hemidracmas que parecen indicar que realmente houbo unha especie de efémero reinado conxunto. Estas moedas, non datadas, continúan amosando nos seus reversos o busto do finado Obodas, en tanto que no reverso, entre unha coroa vexetal se representan as letras arameas xin (por Shullay, Syllaeus) e het (por Haritat, Aretas).[25] Algunhas moedas posteriores portan un retrato de Aretas con coroa de loureiro, aínda que manteñen a inicial relativa a Syllaeus.[4][24][26]

Aretas IV (9 a. C - 40 d. C.).

Dracma de Aretas IV coa súa primeira muller, Huldu. Ano 2/3 d. C. AG. 16,5 mm. 4,38 g. Ceca de Petra.[27]

Logo do seu recoñecemento como monarca por parte de Roma, Aretas IV gobernou o Reino Nabateo durante 49 anos, unha época de esplendor na que se construíron os monumentos máis salientables de Petra. A maior parte das moedas nabateas que hoxe conservamos datan tamén deste período, con máis de 50 tipos diferentes, tanto en prata como en bronce.[4][28][29]

Nas moedas de prata cuñadas ata o ano 24 do reinado (15/16 d. C), o busto de Aretas amósase nas moedas xunto co da súa primeira esposa, Huldu, cuxo nome aparece expreso nas lendas e titulada como "raíña dos nabateos".[4][28][30]

No mesmo ano apareceu por primeira vez, nunha moeda de bronce, a segunda muller de Aretas IV, chamada Shaqilat (ou Shuqaylat). Probablemente se trate dunha emisión conmemorativa do casamento, xa que no seu anverso aparece o monarca de corpo enteiro con roupa militar e cunha lanza na man, e no reverso a consorte, en pé, cun longo vestido.[4][28][31]

Dracma de Aretas IV con Shaqilat. Ano 21/22 d. C. AG. 14 mm. 3,76 g. Ceca de Petra.[32]

No relativo aos dracmas, algúns deles amosan a efixie de Aretas só no anverso e a de Shaqilat no reverso,[33] mais cara á fin do reinado a parella adoita aparecer xunta, nunha das faces, e Aretas aparece só na outra.[4][28][32]

Pola súa banda, as moedas comúns de bronce, cun peso aproximado de 4 gramos, o rei e a raíña adoitan aparecer xuntos no anverso, en tanto que o reverso está caracterizado pola representación de dúas cornucopias cruzadas, como símbolo da abundancia. As siglas dos nomes de ambos aparecen tamén nos reversos.[4][28][34]

Malicos II (40-70 d. C.)

Dracma de Malicos coa súa esposa, Shaqilat II. Ano 41/42 d. C. AG. 15,5 mm. 3,79 g. Ceca de Petra.[35]

Malicos II era fillo de Aretas IV e gobernou o Reino Nabateo durante tres décadas.[36] En 67 d. C., cando os romanos mobilizaron tropas para reprimir a revolta xudía, Malicos achegou mil soldados de cabalaría e 4.000 arqueiros.[4][37]

Os dracmas de Malicos son dunha aliaxe de prata moi empobrecida, que non chega ao 50 % de pureza, e están cuñados sobre discos pequenos, polo que é frecuente que non se aprecien completas as inscricións e a data de emisión. Nos seus anversos aparece o busto do rei, habitualmente co cabelo longo e solto, e no reverso o da súa esposa, Shaqilat II, identificada nas lendas co seu nome e como "a súa irmá, raíña dos nabateos”.[38] É probable que se tratase da súa irmá ou medio irmá, xa que era habitual nos reis tolemaicos de Exipto este tipo de matrimonio, que podería ter sido importado polos nabateos.[4][39]

Rabbel II (70-106 d. C.)

Dracma de Rabbel II con Shaqilat II. AG. Ano 71/72 d. C. 14 mm. 3,56 g.[40]

O derradeiro rei nabateo, Rabbel II, fillo de Malicos II e de Shaqilat II, gobernou durante 36 anos. Durante a súa minoría de idade ocupou a rexencia a súa nai, que aparecía retratada no reverso das moedas.[4][41][42][43]

Dracma de Rabbell II co Gamilat. AG. 14 mm. 3,40 g. Ceca de Petra.[44]

Cara ao undécimo ano do reinado, a figura feminina foi substituída pola da súa irmá Gamilat, nunhas moedas de peso e de factura empobrecidas,[44] e finalmente, cara ao final do reinado, unha segunda irmá, Hagaru, substituíu a Gamilat.[4][42][43]

A moeda de bronce de Rabbel, emitida conforme dous padróns ponderais diferentes, está cuñada dun xeito moi descoidado.[4][42][43]

Emisións baixo dominio romano

En 106 d. C. o emperador romano Traxano ocupou Nabatea e substituíu o anterior reino pola provincia romana de Arabia Petrea. Pouco despois emitíronse en Nabatea pequenos bronces anónimos dun peso aproximado de 1,4 gramos e un valor de arredor de medio cuadrante ou 1/128 denario. Nos seus anversos levan unha gran letra grega “∏” sobre un “M” máis pequeno, co significado de “Petra Metrópole”.[45][46]

Baixo o Goberno de Roma, en Petra cuñouse ocasionalmente moeda provincial romana, sinaladamente baixo os períodos de Hadriano (117-138 d. C.),[47] Cómodo (177-192)[48] e Heliogábalo (218-222).[49]

Notas

  1. "Feature Auction 79. Lot 452". Classical Numismatic Group.
  2. "Electronic Auction 291. Lot 142". Classical Numismatic Group.
  3. "Electronic Auction 321. Lot 229". Classical Numismatic Group.
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 4,13 4,14 4,15 4,16 4,17 4,18 4,19 4,20 4,21 4,22 4,23 4,24 Markowitz, M. (2020).
  5. Schmitt-Korte, K.; Price, M. (1994). Páxinas 95-96.
  6. "The Beginning of Nabataean Minting". Meshorer, Y. (1975). Páxinas 9-16.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 "Electronic Auction 105. Lot 434". Classical Numismatic Group.
  8. "Electronic Auction 250. Lot 146". Classical Numismatic Group.
  9. Schmitt-Korte, K.; Price, M. (1994). Páxinas 93-95, 112.
  10. "Museum number: 1971,0702.13". The British Museum.
  11. "Feature Auction 112. Lot 347". Classical Numismatic Group.
  12. 12,0 12,1 12,2 Schmitt-Korte, K.; Price, M. (1994). Páxinas 98, 13-14.
  13. "The Coins of Malichus I". Meshorer, Y. (1975). Páxinas 20-28.
  14. 14,0 14,1 "Feature Auction 93. Lot 591". Classical Numismatic Group.
  15. "The Coins of Obodas II". Meshorer, Y. (1975). Páxinas 16-20.
  16. Schmitt-Korte, K.; Price, M. (1994). Páxinas 96-97, 99-101, 113-114.
  17. "The Coins of Obodas III". Meshorer, Y. (1975). Páxinas 28-36.
  18. Huth, M.; Van Alfen, P. G. (eds.) (2010). Páxinas 214-217
  19. 19,0 19,1 "Feature Auction 108. Lot 375". Classical Numismatic Group.
  20. Hoover, O. D. (2006).
  21. Markowitz, M. (2015). "Ancient Coins Made of Lead". En Coin Week. 15 de decembro.
  22. "Roma Numismatics. E-Sale 53. 7 Feb 2019. Lot 401". Numisbids.com
  23. Barkay, R. (2017).
  24. 24,0 24,1 24,2 Schmitt-Korte, K.; Price, M. (1994). Páxinas 101-103, 114.
  25. "Feature Auction 93. Lot 592". Classical Numismatic Group.
  26. "The Coins of Syllaeus". Meshorer, Y. (1975). Páxinas 36-41.
  27. "Electronic Auction 368. Lot 144". Classical Numismatic Group.
  28. 28,0 28,1 28,2 28,3 28,4 Schmitt-Korte, K.; Price, M. (1994). Páxinas 103-107, 114-115.
  29. "The Coins of Aretas IV". Meshorer, Y. (1975). Páxinas 41-63.
  30. "Electronic Auction 484. Lot 417". Classical Numismatic Group.
  31. "Feature Auction 85. Lot 520". Classical Numismatic Group.
  32. 32,0 32,1 "Electronic Auction 209. Lot 232". Classical Numismatic Group.
  33. "Electronic Auction 293. Lot 149". Calassical Numismatic Group.
  34. "Electronic Auction 399. Lot 249". Classical Numismatic Group.
  35. "Electronic Auction 368. Lot 147". Classical Numismatic Group.
  36. Schmitt-Korte, K.; Price, M. (1994). Páxina 107, 116.
  37. Barkay, R. (2014-b-).
  38. "Feature Auction 75. Lot 546". Classical Numismatic Group.
  39. "The Coins of Malichus II". Meshorer, Y. (1975). Páxinas 63-70.
  40. "Electronic Auction 331. Lot 96". Classical Numismatic Group.
  41. "Leu Numismatik AG. Web Auction 23. 22 Aug 2022. Lot 3465". Numisbids.com
  42. 42,0 42,1 42,2 Schmitt-Korte, K.; Price, M. (1994). Páxinas 107-109, 16.
  43. 43,0 43,1 43,2 "The Coins of Rabbel II". Meshorer, Y. (1975). Páxinas 70-79.
  44. 44,0 44,1 "Feature Auction 85. Lot 521". Cassical Numismatic Group.
  45. "Gorny & Mosch. Auction 265. 14-15 Oct 2019. Lot 550". Numisbids.com
  46. Meshorer, Y. (1975). Páxina 82.
  47. "Aelectronic Auction 510. Lot 490". Classical Numismatic Group.
  48. "Electronic Auxtion 403. Lot 398". Classical Numismatic Group.
  49. "Elctronic Auction 500. Lot 614". Classical Numismatic Group.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Barkay, R. (2008). “New Nabataean coins”. En Israel Numismatic Journal, 16.
  • Barkay, R. (2010). “The coinage of the Nabataean king Malichus I (59/58–30 BCE.)”. En Israel Numismatic Journal, 17.
  • Barkay, R. (2011).“The Earliest Nabataean Coinage”. En Numismatic Chronicle, 171.
  • Barkay, R. (2014-a-). “The coinage of the last Nabataean king, Rabbel II (AD 70/1 – 105/6.)”. En Numismatic Chronicle, 174.
  • Barkay, R. (2014-b-). “The coinage of the Nabataean king Malichus II (40–70 BCE.)”. En Israel Numismatic Journal, 18.
  • Barkay, R. (2016-a-). “The coinage of the Nabataean King Obodas II (c. 30-9 BC.)”. En Numismatic Chronicle, 176.
  • Barkay, R. (2016-b-). “Nabataean Queens as Reflected on Coins”. En Israel Numismatic Journal, 19.
  • Barkay, R. (2017). “The coinage of the Nabataean usurper Syllaeus (c. 9-6 BC.)”. En Numismatic Chronicle, 177.
  • Hoover, O. D. (2006). “A Reassessment of Nabataean Lead Coinage in Light of New Discoveries”. En Numismatic Chronicle. Vol. 166. Londres.
  • Huth, M.; Van Alfen, P. G. (eds.) (2010). Coinage of the Caravan Kingdoms. Studies in the Monetization of Ancient Arabian. American Numismatic Society, Nova York. ISBN 978-0897223126
  • Markowitz, M. (2020). "Coins of the Nabataeans". En Coin Week. 13 de xaneiro.
  • Meshorer, Y. (1975). Nabataean Coins. Qedem, 3. Institute of Archaeology, Hebrew University of Jerusalem.
  • Schmitt-Korte, K.; Cowell, M. (1989). "Nabataean Coinage. Part I: Silver Content Measured by X-ray Fluorescence Analysis". En Numismatic Chronicle, Vol. 149. Páxinas 33-58.
  • Schmitt-Korte, K. (1990). "Nabataean Coinage. Part II: New Coin Types and Variants". En Numismatic Chronicle. Vol. 150. Páxinas 105-133.
  • Schmitt-Korte, K.; Price, M. (1994). "Nabataean Coinage. Part III: The Nabataean Monetary System". En Numismatic Chronicle. Vol. 154. Páxinas 67-131.

Ligazóns externas