Tras comezar a súa formación futbolística no CCD Curtis e no Ural CF, ingresou na canteira do Real Madrid en 2007. Pasou polos distintos equipos xuvenís do club branco e polos seus dous filiais, logrando o ascenso a Segunda división co Real Madrid Castilla en 2012. Xogou unha tempada cedido no Espanyol e na tempada 2015/16 debutou co primeiro equipo do Real Madrid, co que disputou máis de 370 partidos oficiais ao longo de 10 tempadas.
Viviu os anos máis gloriosos da historia do club branco, co que conquistou 23 títulos, e converteuse nun dos únicos 20 futbolistas que gañaron en cinco ocasións a Liga de Campións, sendo o único galego en gañala máis de dúas veces. É ademais o segundo xogador galego con máis partidos disputados en dita competición (72), por diante dos 52 de Amancio e superado só por Míchel Salgado (81).
Comezou a xogar ao fútbol sala no equipo de Curtis, e ao fútbol no CCD Curtis, ata que recibiu a chamada de Ramiro Amarelle para que xogase no Ural CF.[1] Chegou ao equipo da Coruña en idade cadete, e xogou na súa primeira tempada no cadete B e no A, logrando o ascenso con ambos.[1][2]
Na seguinte campaña subiu ao Real Madrid C, co que xogou en Terceira División, e na 2011/12 fixo o seu debut co Castilla, co que disputou 26 partidos esa tempada, incluídos tres da promoción de ascenso a Segunda División, onde o filial branco saíu vitorioso ao derrotar a Cádiz e Mirandés, grazas en boa parte aos goles dos tamén galegos Joselu e Mosquera.[4][5]
Xogou co Castilla as dúas seguintes campañas na Segunda División. Na primeira delas disputou 26 encontros, a maioría deles como suplente, e anotou tres goles. Na seguinte, 2013/14, foi titular nos 40 partidos que xogou, perdendo só dous encontros por acumulación de cartóns amarelos, e foi o máximo goleador do equipo con oito tantos. Con todo, o equipo acabou na 20ª posición e descendeu a Segunda B.[6]
Cesión ao Espanyol (2014-2015)
No verán de 2014 foi cedido ao RCD Espanyol. Debutou na Primeira División na segunda xornada de liga fronte ao Sevilla en Cornellà e fíxose rapidamente coa titularidade no equipo adestrado por Sergio González, xogando de inicio case todos os encontros da tempada. Marcou o seu primeiro gol na máxima categoría na xornada 7, fronte á Real Sociedad, batendo a Eñaut Zubikarai no minuto 7, tras unha asistencia de Sergio García.[7] Rematou a campaña con 39 partidos e catro goles, un deles anotado nos cuartos de final da Copa do Rei, contribuíndo así a acadar as semifinais, onde caeron eliminados fronte ao Athletic de Valverde.
Primeiro equipo (2015-presente)
Ao remate da súa cesión ao Espanyol, o club catalán exerceu a opción de compra que tiña sobre o xogador, pero uns días despois o Real Madrid decidiu recompralo, por petición do adestrador Rafa Benítez.[8][9][10][11] Debutou nun partido amigable contra o Real Oviedo no Carlos Tartiere, onde anotou ademais o seu primeiro gol, o primeiro dos cinco do seu equipo ese día (1-5).[12]
O seu debut oficial co equipo branco produciuse en Cornellà, contra o seu ex equipo, o Espanyol, na terceira xornada de liga, nun encontro que rematou cunha histórica goleada por 0-6 para o Real Madrid, con cinco goles de Cristiano Ronaldo, un deles con asistencia de Lucas. Entrou no minuto 61, substituíndo a Karim Benzema, autor do outro gol do partido.[13][14] Sete días despois entrou no equipo titular para o partido de liga contra o Granada, a primeira das 13 titularidades das que dispuxo na súa primeira tempada no equipo. No penúltimo día do 2015 marcou o seu primeiro gol co primeiro equipo, nun encontro de liga fronte á Real Sociedad no Santiago Bernabéu, tras finalizar un centro de Gareth Bale.[15]
Acabou a tempada con 4 goles en 33 partidos entre todas as competicións. Sete dos encontros que disputou foron na Liga de Campións, na que debutou o 30 de setembro na cidade sueca de Malmö, na vitoria por 0-2 contra o Malmö FF, entrando na segunda parte por Mateo Kovačić. Disputou tamén a final da Champions contra o Atlético de Madrid en San Siro. Entrou na segunda parte substituíndo a Benzema, e marcou o primeiro dos lanzamentos da quenda de penaltis, contribuíndo á conquista do título para o Real Madrid.[16]
O seu peso no equipo aumentou na seguinte tempada (2016/17), na que Zinedine Zidane o fixo xogar 50 partidos, 20 deles como titular. Marcou catro goles, estreando a súa conta anotadora en competición europea contra o Legia Warszawa, e marcando nos dous estadios galegos de Primeira División, Balaídos e Riazor. Disputou completos os 120 minutos da Supercopa de Europa contra o Sevilla e foi titular nos dous partidos do Mundial de Clubs no Xapón contra Club América e Kashima Antlers, conquistando ambos títulos. Gañou tamén a súa primeira liga, por diante do FC Barcelona, e a súa segunda Liga de Campións, aínda que non disputou a final contra a Juventus en Cardiff, ao ser descartado por Zidane unhas horas antes.[17][18]
Comezou a tempada 2017/18 gañando a súa segunda Supercopa de Europa ao derrotar ao Manchester United de Mourinho en Skopje, e unha semana despois a súa primeira Supercopa de España, fronte ao FC Barcelona. En decembro gañou en Abu Zabi un novo Mundial de Clubs, xogando tanto na semifinal contra o Al Jazira como na final contra o Grêmio. Ao mes seguinte marcou por primeira vez dous goles co Real Madrid, nos oitavos de final da Copa do Rei contra o Numancia no Bernabéu.
O 26 de maio de 2018 gañou a súa terceira Liga de Campións consecutiva, aínda que quedou no banco durante a final disputada contra o Liverpool no Estadio Olímpico de Kíiv, a pesar das súas boas actuacións nas semifinais contra o Bayern de Múnic, nas que xogou como lateral dereito titular.[17][19][20] Rematou a tempada con 53 partidos entre todas as competicións, 27 deles como titular, e 8 goles, e foi o máximo asistente do equipo, con 16 pases de gol.[21] Na Liga de Campións xogou dez encontros, marcando un gol na fase de grupos contra o Borussia Dortmund.
Empezou a tempada 2018/19 como suplente, pero foi titular en case todos os partidos entre outubro e marzo, ata que unha lesión nos isquiotibiais o afastou case un mes do campo.[22] Gañou o seu terceiro Mundial de Clubs consecutivo e rematou con cinco goles en 47 encontros, un deles anotado no Stadio Olimpico contra a Roma. Esa tempada marcou o seu primeiro gol contra o FC Barcelona, na ida das semifinais da Copa do Rei, onde realizou un gran partido e superou a Ter Stegen no minuto cinco, facendo o único gol do equipo madrileño na eliminatoria.[23]
Na tempada 2019/20 sufriu varias lesións, entre elas a rotura dunha deda do pé esquerdo, que lle fixeron perder un importante número de partidos na parte media da tempada, incluída a Supercopa de España que o seu equipo gañou en Jeddah.[24][25] Volveu ao equipo pouco despois do regreso do fútbol, paralizado durante meses pola irrupción da pandemia de COVID-19, e contribuíu a un novo título de liga.
A campaña 2020/21 supuxo un punto de inflexión para o curtiense, que debido ás continuas lesións de Carvajal acabou asentándose definitivamente no lateral dereito, posición que anteriormente xa ocupara en diversas ocasións.[26] Así converteuse nunha peza fixa nas aliñacións de Zidane, sendo titular durante 20 partidos consecutivos ata que as lesións musculares cortaron a súa progresión.[27] En abril sufriu unha escordadura no xeonllo esquerdo que acabou coa súa tempada.[28][29]
Na tempada 2021/22, con Ancelotti no banco, disputou 29 partidos de liga, 20 deles como titular, e marcou tres goles, destacando un no tempo de desconto no Clásico ante o FC Barcelona no Camp Nou, que significou a vitoria por 1-2.[30] A falta de catro xornadas para o final do campionato, proclamouse campión de liga por terceira vez, sumando o seu segundo título da tempada, despois de gañar en xaneiro a Supercopa de España en Arabia Saudita, sendo titular na final contra o Athletic Club. A finais de maio conquistou a súa cuarta Liga de Campións (a décimo cuarta para o club), competición na que disputou oito partidos, aínda que quedou no banco na final ante o Liverpool no Stade de France.[31]
Nas tempadas 2022/23 e 2023/24 continuou alternando titularidades con suplencias ao tempo que ampliaba o seu palmarés cunha nova liga, unha Supercopa de Europa, unha Supercopa de España e a súa primeira Copa do Rei. O 1 de xuño de 2024 disputou en Wembley unha nova final da Liga de Campións, xogando os instantes finais e conquistando o seu quinto título na máxima competición europea. Converteuse así nun dos únicos 20 futbolistas en gañar o título en cinco ocasións.[32]
Selección española
Foi internacional coa selección española en 9 ocasións. En 2016 foi incluído por Vicente del Bosque na lista de 23 futbolistas que disputarían a Eurocopa de Francia. Debutou co combinado español o 7 de xuño do mesmo ano, nun partido de preparación para a cita europea contra Xeorxia no Coliseum Alfonso Pérez. Xa na Eurocopa, xogou só 20 minutos, no partido de oitavos de final no que España quedou eliminada contra Italia, onde entrou no minuto 70 para substituír a Álvaro Morata.[33]
En 2018 entrou na lista de Julen Lopetegui para o Mundial de Rusia. Debutou na competición mundial no primeiro partido de España, o empate 3-3 contra Portugal en Sochi, onde entrou contra o final do partido substituíndo a David Silva.[34] Disputou como titular o segundo partido, a vitoria por 0-1 fronte a Irán no Kazán Arena.[35]