Un dos seus primeiros relatos fantásticos é Továrna na Absolutno ("A fábrica do Absoluto", 1922). Nun Universo concibido segundo as teorías panteístas de Baruch Spinoza e as da relatividade de Albert Einstein, o invento dun enxeñeiro trastorna a conduta humana e a social cando, desintegrando a materia para producir enerxía, libera tamén o místico "Divino Absoluto".
Unha obra que se adoita encadrar no xénero da ciencia ficción polo seu carácter distópico é Válka s Mloky ("A guerra das píntegas", 1936), novela de fina ironía que se considera unha sátira sobre o nazismo e o capitalismo. Na costa de Sumatra descóbrese unha nova especie de criatura, unha píntega xigante do xéneroAndrias, capaz de aprender dos humanos malia non ter en principio unha intelixencia similar. O sistema capitalista mundial aprovéitase das criaturas para realizar todo tipo de labores ingratas ao ser humano, e todos os países comezan a adquirilas en gran número. Mais case ninguén é consciente de que a extensión das píntegas polo planeta Terra é unha ameaza. Critícase sucintamente no libro o Nacionalsocialismo emerxente e un sistema económico e unha orde mundial incapaces (e non interesados) en pararlle os pés. Amais do fondo político e filosófico, a novela de Čapek inclúe chiscadelas ao mundo periodístico (Čapek colaborou con diversas publicacións, como Lidové noviny).
Obra selecta
R.U.R. (teatro, 1921). O tema fundamental aparece xa perfilado no relato "Systém" ("O sistema") en 1919.
Ze života hmyzu ("Da vida dos insectos"; teatro, 1921. Escrita co seu irmán Josef)
Továrna na Absolutno ("A fábrica do Absoluto"; 1922).
Věc Makropulos ("O asunto Makropulos"; 1922). Inspirou unha ópera de Leoš Janáček