Referentes como Margarita Nelken[4] fixeron recensións das súas obras e entre os seus coetáneos contou coa admiración do seu amigo Lista e da escritora Fernán Caballero e, aínda que tamén a considerara unha das meirandes poetas de lingua castelá, co rexeitamento de Marcelino Menéndez y Pelayo, quen impediu a súa incorporación á Academia.[2]
Traxectoria
Filla dun capitán de navío, Manuel Gómez de Avellaneda e de Felisa de Arteaga, criouse na súa cidade natal, e na súa xuventude, por motivos de saúde, mudouse a Santiago de Cuba despois de opoñerse a contraer matrimonio. En abril de 1836, partiu coa súa familia a España, aínda que estiveron vivindo durante unha tempada en Bordeos, despois pasaron á península, primeiro á Coruña, e máis tarde Sevilla, onde publicou versos en varios xornais baixo o alcume de "La Peregrina". É nesta cidade onde coñeceu en 1839 a Ignacio de Cepeda, un estudante de Leis co que tivo unha inestable relación amorosa, e ó que lle adicaba epístolas.
En 1840 fíxose amiga de literatos e escritores da época na súa estancia en Madrid. En 1841 leu os seus poemas no Liceo, e en 1841 publicou o seu primeiro libro. Comezou a triunfar teatralmente coa estrea de Munio Alfonso (1844).
A súa novela Sab, supuxo unha ruptura xa que era a primeira novela abolicionista. En 1844 coñece ó poeta Gabriel García Tassara. Avellaneda namórase deste home, o cal a abandonaría estando embarazada e solteira, o que a mediados do século XIX en Madrid era unha desgraza. No ano 1845 tivo a súa filla María que faleceu ós sete meses. Aínda que a escritora intentou que o pai a coñecese, el negouse. No 1846 casou con Pedro Sabater, pero este enfermou e apenas un ano despois de casar quedou viúva.
Realizou unha segunda edición de poesías no ano 1850. Tiña o apoio do público, e da crítica tivo o apoio de José Zorrilla, Fernán Caballero, José de Espronceda, ou Alberto Lista, agás de Marcelino Menéndez Pelayo, quen impediu que entrara na Real Academia Española.
No 1858 estreouse o seu drama Baltasar, que superou todos os éxitos anteriores. Casou con Diego Verdugo, político co que marcha a Cuba no 1859, onde viviu cinco anos. Nunha festa no Liceo da Habana foi proclamada poetisa nacional. Dirixiu a revista Álbum cubano de lo bueno y de lo bello, pero no ano 1863 falece o seu marido. A morte de dous maridos e o abandono do seu amante, impulsárona cara ó espiritismo e períodos de retiro relixioso.
Escribiu poesía, novela e teatro, e destacou nos tres xéneros ó incorporar as letras españolas de ambiente caribeño, visto en Europa como exótico, en ton melancólico e nostálxico. A crítica actual considéraa unha precursora do feminismo moderno, pola súa actitude vital como pola súa forza que imprimiu ás súas personaxes literarias femininas.
Bibliografía
Poesías de la señorita Da. Gertrudis Gómez de Avellaneda, Madrid, 1841.