Francisco Darriba Pérez, coñecido como Paco do Monte do Cuco, nado en Buenos Aires cara a 1907, foi un ferreiro e político galego.
Traxectoria
Ferreiro de Cesantes (Redondela). Foi un dos promotores da coalición de esquerdas para as eleccións municipais de 1933 en Redondela, en representación da Federación Agraria.[1] Afiliado á UGT no Sindicato de Oficios Varios dende 1934. Coa folga xeral revolucionaria de 1934 foi detido o 6 de outubro xunto con Segundo Freire Rivas, José Puga Nieves, Manuel Ramonet Balado, Julio Sánchez Cadavieco, Francisco Pérez Docampo, Antonio Pago Docampo e José Benito Portela Casqueiro, acusados de coacción e ameazas e xulgados o 15 de novembro.[2] Afiliouse ao Partido Comunista de España. Foi concelleiro de Redondela.[3]
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido o 28 e ingresou na cadea de Redondela, pasando despois á de Vigo. Xulgado en consello de guerra en Vigo por rebelión militar o 16 de decembro xunto con José Pereira Míguez, Gustavo Otero Sestelo, Manuel Loureiro Pérez, Jesús Olimpio Giráldez Fernández, Pompeyo Blanco Villar, Manuel Bouzas Puerta, Constante Carballido, Manuel Álvarez Castro, Manuel Martínez Barreiro, Leopoldo Garrido Leirós, Manuel Rodríguez Magariños, Jesús Gómez Casal, Manuel Blanco Camiña e Manuel Barros Montero, foi condenado a 30 anos de reclusión. Foi trasladado ao Forte de San Cristovo de Pamplona o 22 de febreiro de 1937.[4] A súa causa foi revisada e conmutada por unha inferior, e saíu en liberdade condicional o 17 de setembro de 1940. Foi detido en abril de 1942 con Segundo Freire Rivas, Manuel Domínguez Esteiro e Ramón Amilibia Machimbarrena, logo da detención en Portugal dun grupo dirixente do PCE.[5] Ingresou na Prisión Provincial de Madrid o 25 de abril. Pasou á prisión de Porlier o 27 a disposición do xulgado de Madrid. Xulgado en consello de guerra o 5 de xuño de 1943 por un delito contra a seguridade do Estado, foi condenado a 30 de anos reclusión. Cumpriu condena nas prisións de Chinchilla, Penal de El Puerto de Santa María e Prisión Central de Burgos, onde ingresou o 18 de marzo de 1947. O 4 de febreiro de 1959 obtivo o indulto da sexta parte da condena e saíu en liberdade condicional en abril de 1959.[6]
Vida persoal
Casou con Rufina González.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas