O Carballiño é unha estación de tren de Adif situada na vila do Carballiño, na provincia de Ourense. Conta con servizos de longa e media distancia operados por Renfe. Cumpre tamén funcións loxísticas.[1]
Situación ferroviaria
A estación atópase no punto quilométrico 279,177 da liña férrea de ancho ibérico que une Zamora e A Coruña a 396 metros de altitude, entre as estacións da Friela-Maside e Boborás.[2] O tramo é de vía única e está sen electrificar.
Desde o 31 de decembro de 2004 Renfe Operadora explota a liña mentres que Adif é a titular das instalacións ferroviarias.
A estación
O edificio para viaxeiros é un amplo edificio de planta rectangular formado por dous pisos. Ten a particularidade de posuír unha torre de tres pisos nun dos seus laterais. A fachada conta tamén cun pequeno frontón no que se incrusta un reloxo de agulla.
Conta con dúas plataformas, unha lateral e outra central, ás que acceden tres vías (vía 3 plataforma lateral, vía 1 e 2, plataforma central). Outras cinco vías máis numeradas como vías 4, 6, 8, 10 e 12 completan as instalacións. As dúas últimas son vías mortas que dan acceso a un peirao de carga cuberto. Os cambios de plataforma realízanse a nivel.