A Douglas Aircraft Company fundouna Donald Wills Douglas, Sr. o 22 de xullo de 1921 en Santa Monica (California), tras a disolución da Davis-Douglas Company.[1] Un dos primeiros reclamos que lle deron fama foi a primeira circunnavegación ao mundo por aire con avións Douglas en 1924. En 1923 o Servizo Aéreo do Exército dos Estados Unidos interesouse en levar a cabo unha misión de circunnavegación da Terra por ver primeira cun avión, chamándolle ao programa "World Flight".[2] Donald Douglas propuxo un Douglas DT modificado para satisfacer as necesidades do Exército.[3] O torpedeiro bombardeiro DT, un biplano bipraza con cabina aberta, fora anteriormente producido para a Armada estadounidense. Os DTs foron collidos das liñas de montaxe nas fábricas da compañía de Rock Island, Illinois e Dayton, Ohio para ser modificados.[4]
O avión modificado foi coñecido como o Douglas World Cruiser (DWC). Tamén foi o primeiro gran proxecto para Jack Northrop, que deseñou o sistema de comustible para a serie.[5] Despois de que o prototipo fose entregado en novembro de 1923, tras rematar exitosamente as probas o día 19 dese mes, o Exército encargoulle a Douglas catro exemplares de produción. Debido á esixencia da expedición, escolléronse pezas de reposto, incluídos 15 motores Liberty L-12 e 14 xogos de pontóns adicionais, ademais de repostos suficientes da fuselaxe para dous avións máis. Estas pezas foron enviadas a aeroportos situados ao longo da ruta. O derradeiro destes exemplares foi entregado o día 11 de marzo de 1924.
Tras o éxito do World Cruiser, o Servizo Aéreo do Exército pediu seis avións semellantes para misións de observación.[6][7] O éxito do avión situou á Douglas Aircraft Company entre as principais compañías aeronáuticas do mundo e permitíulle adoptar o lema "First Around the World - First the World Around".[8]
Douglas adoptou un logo que amosaba avións circundando un globo, substituíndo ao orixinal corazón alado. O logo evolucionou cara a un avión, un foguete e un globo. Posteriormente foi adoptado pola corporación McDonnell Douglas, e posteriormente foi a base do actual logotipo de Boeing tras a súa fusión en 1997.
Preguerra
A compañía é principalmente famosa pola serie "DC" ("Douglas Commercial") de avións comerciais, incluído o que adoita a ser considerado como o avión de transporte máis significativo nunca fabricado: o Douglas DC-3, que tamén foi producido como un transporte militar coñecido como C-47 Skytrain ou "Dakota" no servizo británico. Moitos avións Douglas tiveron longas vidas de servizo.
Douglas Aircraft deseñou e fabricou unha gran variedade de aparellos para os distintos corpos das forzas armadas estadounidenses. A compañía inicialmente fabricou torpedeiros para a Armada, pero desenvolveu varios versións deses modelos, incluídos avións de recoñecemento e avións de correo. En cinco anos Douglas estaba construíndo ao redor das 100 unidades anuais. Entre os seus primeiros empregados estiveron Ed Heinemann, "Dutch" Kindelberger, e Jack Northrop, que posteriormente fundou a Northrop Corporation.[9]
En 1934 Douglas fabricou un avión de trnsporte comercial bimotor, o Douglas DC-2, ao que lle seguiu o famoso DC-3 en 1936. O amplo abano de aparellos producidos pola compañía incluían avións de pasaxeiros, bombardeiros lixeiros e medios, cazas, transportes, avións de recoñecemento e avións experimentais.
A segunda guerra mundial foi un gran pulo para a compañía. Douglas ocupou o quinto posto entre as corporacións estadounidenses no valor dos contratos durante o conflito.[11] A compañía fabricou case 30.000 avións dende 1942 ata 1945, e a súa fora de traballo chegou aos 160.000 empregados. Douglas fabricou gran cantidade de modelos como o C-47 Skytrain, o DB-7 (coñecido como A-20, Havoc ou Boston), o SBD Dauntless ou o A-26 Invader.[12][13][14]
Posguerra
Douglas Aircraft sufriu recortes ao final da guerra debido ao remate de pedidos de avións por parte do goberno e a un superávit de aparellos. Foi preciso desfacerse de gran parte da súa forza de traballo, despedindo a preto de 100.000 traballadores.
A Forza Aérea dos Estados Unidos creou o "Proxecto RAND" (de Research ANd Development, investigación e desenvolvemento)[15] co obxectivo de planificar a longo prazo futuras armas.[16] En marzo de 1946 á Douglas Aircraft Company concedéuselle o contrato sobre a guerra intercontinental. O proxecto RAND posteriormente converteríase na RAND Corporation.
Douglas continuou desenvolvendo novos avións, incluído o exitoso catrimotor Douglas DC-6 (1946) e o seu derradeiro avión comercial de hélices, o Douglas DC-7 (1953). A compañía entrou na propulsión a reacción producindo o seu primeiro modelo deste tipo para a Armada dos Estados Unidos, o avión de á recta F3D Skyknight en 1948 e posteriormente o F4D Skyray en 1951 cun estilo máis moderno. Douglas tamén fabricou reactores comerciais, producindo o Douglas DC-8 en 1958 para competir co novo Boeing 707.
Douglas foi pioneira en campos relacionados, como en asentos exectables, mísiles aire-aire, terra-aire e aire-terra, foguetes de lanzamento ou bombas.
A compañía estaba preparada para entrar no novo negocio dos mísiles durante os anos 50. Douglas pasou de fabricar foguetes aire-aire e mísiles a sistemas de mísiles completos baixo o programa Nike de 1956, converténdose no principal contratista para o programas do mísiles balísticos Skybolt e Thor. Douglas tamén gañou contratos para a NASA, destacando os deseños para a etapa S-IVB dos foguetes Saturn IB e Saturn V.
Fusións
En 1967 a compañía esforzouse por aumentar a produción para satsfacer a demanda polos aviosn de pasaxeiros DC-8 e DC-9 e o avión de ataque A-4 Skyhawk. Problemas de calidade e liquidez e os custos de desenvolvemento do DC-10, xunto con escaseza por mor da guerra do Vietnam, levaron a Douglas a aceptar unha fusión con McDonnell Aircraft Corporation para formar McDonnell Douglas. A Douglas Aircraft Company continuou como unha subsidiaria propiedade na súa totalidade de McDonnell Douglas, pero a súa división espacial e de mísiles pasaría a formar parte dunha nova subsidiaria chamada McDonnell Douglas Astronautics Company.
McDonnell Douglas posteriormente fusionouse coa súa rival Boeing en 1997. Boeing combinou a Douglas Aircraft Company coa división Boeing Commercial Airplanes, poñendo fin a máis de 75 anos de historia da compañái. O derradeiro avión comercial fabricado en Long Beach, o Boeing 717 (unha versión de terceira xeración do Douglas DC-9), deixou de producirse en maio de 2006. No ano 2011 o Boeing C-17 Globemaster III sería o derradeiro avión en montarse nas instalacións de Long Beach.
Borth, Christy. Masters of Mass Production. Indianápolis, Indiana: Bobbs-Merrill Co., 1945.
Boyne, Walter J. The Aircraft Treasures Of Silver Hill: The Behind-The-Scenes Workshop Of The National Air And Space Museum. Nova York: Rawson Associates, 1982. ISBN 0-89256-216-1.
Cunningham, Frank. Sky Master: The Story of Donald Douglas and the Douglas Aircraft Company. Pittsburgh, Pennsylvania: Dorrance and Company, 1943. OCLC14152627
Donald, David, ed. Encyclopedia of World Aircraft. Etobicoke, Ontario, Canadá: Prospero Books, 1997. ISBN 1-85605-375-X.
Francillon, René J. McDonnell Douglas Aircraft Since 1920: Volume I. Londres: Putnam, 1979. ISBN 0-87021-428-4.
Haber, Barbara Angle. The National Air and Space Museum. Londres: Bison Group, 1995. ISBN 1-85841-088-6.
Herman, Arthur. Freedom's Forge: How American Business Produced Victory in World War II. Nova York: Random House, 2012. ISBN 978-1-4000-6964-4.
Parker, Dana T. Building Victory: Aircraft Manufacturing in the Los Angeles Area in World War II. Cypress (California): Dana T. Parker Books, 2013. ISBN 978-0-9897906-0-4.
Sobel, Robert. "Donald Douglas: The Fortunes of War". The Entrepreneurs: Explorations Within the American Business Tradition. Nova York: Weybright & Talley, 1974. ISBN 0-679-40064-8.
Swanborough, F. Gordon. e Peter M. Bowers. United States Military Aircraft since 1909. Londres: Putnam, 1963. OCLC722531