En 1266, o pai de Costanza, Manfredo de Sicilia, na súa loita polo Reino de Sicilia co outro rei Carlos de Anjou, foi derrotado (e morto) na batalla de Benevento, e as familias máis influentes de Sicilia, partidarias de Manfredo, como os Lauria, os Lanza (a familia da avoa de Costanza) e Procida, refuxiáronse no Reino de Aragón.[6]
Raíña de Sicilia
Algúns anos máis tarde, en 1268, Carlos de Anjou enfrontouse a Conradino, primo de Costanza, na batalla de Tagliacozzo, na que Conradino foi feito prisioneikro e decapitado, desaparecendo así o último descendente varón da dinastía de Hohenstaufen.
Costanza, entón, como última e lexítima herdeira dos Hohenstaufen, intentou tomar posesión do Reino de Sicilia, empuxando ao su marido a intervir nos asuntos deste Reino (cousa que, ademais, favorecía os intereses de Pedro pola expansión da coroa aragonesa polo Mediterráneo).[7]
En 1276 Costanza, xunto co seu marido, foi coroada como raíña consorte de Aragón, en Zaragoza, probabelmente o 17 de novembro, [8] nunha cerimonia na que Pedro cancelou a vasalaxe que co papado concertara o seu avó Pedro II (o que ocasionou, loxicamente, un enfrontramento co papa.
Pedro III, que pretendía reconquistar o Reino de Sicilia para a súa esposa, mantivo contactos coa nobreza que estaba descontenta coa dominación anxevina, en 1281 promoveu unha cruzada contra os territorios musulmáns do norte de África e, sen nin a aprobación nin o diñeiro pedido ao papaMartiño IV, en xuño de 1282 desembarcou na Berbaría, non lonxe de Tunisia. Tras a revolta das Vésperas sicilianas da primavera de 1282, Costanza persuadiu ao seu esposo para que apñoiara aos sicilianos. Pedro aceptou e en agosto desembarcou en Trapani, con 600 soldados e 8 000 almogávares (forzas mercenarias de choque, formadas por infantaria lixeira, que servían principalmente á Coroa de Aragón, famosos pola súa valentía e crueldade).
Carlos I de Anjou, que o 25 de xullo sitiara Messina, despois do desembarco dos aragoneses tratou en van de facer un último asalto á cidade, e logo retirouse. Pedro ocupou pouco despois o resto da illa. Costanza foi coroada raíña de Sicilia en Palermo o 30 de agosto de 1282, xunto co seu esposo. Ambos os dous gobernaron conxuntamente (aínda que os sicilianos consideraban a Costanza como a verdadeirao soberana), e foron cuñadas moedas coas nom es de ambos. De feito, porén, gobernou sobre todo o marido.[9].
Inmediatamente despois da coroación, Pedro enviou unha embaixada a Carlos de Anjou, que se encontraba en Mesina, instándoo a recoñecelo como rei de Sicilia e a abandonar a illa. A derrota da frota anxevina en Nicoreta, a mans do almirante Roger de Lauria, obrigou a Carlos a deixar Mesina e refuxiarse na parte continental do seu Reino (onde tiña a súa capital, Nápoles). A dominación anxevina conclúe na illa e conduce á división do Reino de Sicilia en 1282 no "reino de Sicilia peninsular" ou "reino de Nápoles", baixo dominio anxevino, e o "reino de Sicilia insular", baixo dominio aragonés.[10]
Últimos anos
Despois da morte do seu marido en 1285 Costanza continuou ocupándose do goberno de Sicilia, en nome do seu fillo Xaime, ao que prefiriu deixar a titularidade da coroa dos seus antepasados.
Só despois da morte do primoxénito Afonso (1295), cando en 1297 Xaime concluíu a paz cos franceses e abandonou Sicilia e ao seu irmán Frederico á súa sorte, Costanza, deixando en Sicilia ao seu fillo favorito, volveu a Aragón. Decidiu, segundo o seu desexo, dedicarse á meditación e á vida relixiosa retirándose na clausura dun convento de clarisas en Barcelona, onde pasou os últimos anos da súa vida.[11]
A última intervención pública que a raíña nai fixo antes do retiro foi permitir o matrimonio da súa filla Violante con Roberto de Anjou, rei de Nápoles e sobriño do seu inimigo Carlos I, coa esperanza duna paz duradeira entre as dúas dinastías.
Sepulcro de Costanza
Á morte da raíña, o 9 de abril de 1302, o seu cadáver recibiu sepultura no Convento de San Francisco de Barcelona, onde ao longo da Idade Media recibiron sepultura numerosos membros da familia real aragonesa, incluíndo ao propio fillo de Costanza de Sicilia, Afonso III o Liberal. Alí permaneceu sepultado o cadáver da esposa de Pedro III durante varios séculos, até que en 1835 o Convento de San Francisco foi demolido, e a maioría dos restos das persoas reais alí sepultadas, incluíndo a raíña Costanza e ao seu fillo Afonso, foron trasladados á Catedral de Barcelona, a instancias da raíña Isabel II de España, a súa descendente.[12]
No século XX, os restos da raíña foron colocados nun sepulcro, no lado esquerdo do altar maior da Catedral de Barcelona, no que tamén se encontran os restos mortais doutras dúas raíñas de Aragón, a raíña María de Chipre, esposa de Xaime II de Aragón, e a raíña Sibila de Fortiá, cuarta esposa de Pedro IV o Cerimonioso. No mesmo sepulcro tamén descansan os restos da raíña Leonor de Aragón, raíña de Chipre polo seu matrimonio con Pedro I de Chipre, e neta de Xaime II de Aragón. Os sepulcros, nos que os restos das raíñas se depositaron en 1998, foron realizados polo artista catalán Frederic Marès.
Pola súa vida virtuosa, que influíu na dos seus fillos (incluíndo a Santa Isabel de Portugal), pronto comezou a ser venerada e falouse das aparicións aos seus fillos Frederico e Xaime. Foi finalmente proclamada beata pola Igrexa pola súa actitude favorábel á política papal. A súa festa celébrase o 17 de xullo.
Costanza II de Siclia na literatura
Dante lóaa no Purgatorio (III, 143), da Divina Comedia, chamándoa a buona Costanza.
«Poi sorridendo disse: "Io son Manfredi,
nepote di Costanza imperadrice;
ond'io ti priego che, quando tu riedi,
vadi a mia bella figlia, genitrice de l'onor di Cicilia e d'Aragona,
e dichi 'l vero a lei, s'altro si dice.
...
Vedi oggimai se tu mi puoi far lieto,
revelando a la mia buona Costanza
come m' hai visto, e anco esto divieto;