De familia rica, foi a maior dos dez fillos de Pascual Méndez e Luisa Cuesta.[3] Recibiu educación nun colexio francés, o que quizais se percibe nos seus primeiros versos. Afeccionada ao deporte, destacou na ximnasia e a natación.[4] Adoitaba pasar os veráns en familia en Donostia. En 1919 coñeceu alí a Luis Buñuel, quen foi o seu primeiro noivo.[5] Esa relación durou sete anos, durante os que Concha, amiga ademais de Maruxa Mallo, relacionouse con Luis Cernuda, Rafael Alberti e Federico García Lorca.[5]
En 1926 publicou Inquietudes; dous anos despois, Surtidor; e en 1930, Canciones de mar y tierra. Nese período viuse influída por Maruxa Mallo, con quen compartiu o que se coñeceu como o seu «primeiro exilio».[6]
Nesa época comezou o seu interese polo teatro e o cinema. Publicou as obras El personaje presentido (1931), El ángel cartero (1931) e El carbón y la rosa (1935), as dúas últimas para público infantil.[8] Tamén por entón publicou varios libros de poesía vangardista en obras como Vida a vida (1932), Niño y sombras (1936) e Lluvias enlazadas (1939). Viviron de 1933 a 1935 en Londres, onde perdeu o primeiro fillo que estaba a esperar. Reflectiu esa experiencia no libro Niño y sombra. En 1935 naceu a súa filla Paloma. Xunto co seu marido, activo impresor, contribuíu á difusión da obra da Xeración do 27. Editaron coleccións de poesías e revistas como Poesía, 1616 (título que aludía o ano da morte de Shakespeare e Cervantes) e Caballo Verde para la Poesía, dirixida por Pablo Neruda.[7]
Guerra Civil e exilio
O matrimonio e a súa filla regresaron a España en 1935, e ao estalar a guerra civil española, ambos tomaron partido pola República. Porén, Concha pronto abandonou Madrid para protexer a súa filla, mentres que Manuel permaneceu en España. Tras residir en Inglaterra, Bélxica e Francia, regresou a Barcelona para reunirse co seu marido, camiño xa do exilio.[7] Trasladáronse a París, onde os recibiu Paul Éluard, e máis tarde á Habana. Alí permaneceron até 1943 e coincidiron con outros moitos exiliados.
No seu exilio en Cuba, estabeleceron outra imprenta chamada igualmente La Verónica e publicaron a colección poética El ciervo herido entre 1939 e 1943. En 1944 trasladáronse a México, onde Altolaguirre a abandonou pola cubana María Luisa Gómez Mena. En 1959 morreron ambos nun accidente en España cando volvían do Festival de cine de San Sebastián.[6]
Concha seguiu publicando poemas na revista Hora de España, onde publicou en 1938 o seu prólogo de El Solitario (Nacimiento). As dúas entregas ou actos seguintes publicáronse na Habana en 1941 e en México en 1945. En 1944 publicou Villancicos de Navidad e Sombras y sueños. De 1944 a 1979 deixou de publicar, aínda que en 1976 editouse unha Antología poética. En 1979 apareceu o seu último libro, o poemario Vida o río. Malia realizar tres viaxes puntuais a Madrid a partir de 1966, continuou residindo en México até o seu falecemento en 1986.[9]
En 1991 publicáronse as súas Memorias habladas, memorias armadas, obra compilada a partir das cintas que fora gravando a súa neta, Paloma Ulacia Altolaguirre.[10]
Obra poética
A súa obra poética está recollida en Poemas entre 1926-1986. A edición foi preparada polo marido da súa filla Paloma, o profesor James Valender.[11]
A súa poesía pódese dividir nas seguintes etapas, relacionadas de maneira moi íntima coa súa vida:
Primeira etapa
A primeira etapa está constituída por tres libros: Inquietudes (1926), Surtidor (1928) e Canciones de mar y tierra (1930). Constitúen unha triloxía caracterizada polos mesmos temas que empregaba o Alberti neopopularista e pola incorporación ao verso de todo o que representaba a modernidade nos anos 20: o deporte, o cinema ou o automóbil.[1]
En Inquietudes están os seus primeiros poemas, de corte ultraísta, coas viaxes, a natureza e o mar como temas principais. Son 75 poemas breves de rima asonante en que predominan os versos heptasílabos e octosílabos. En Surtidor a súa voz poética é máis vangardista, con versos nominais, visuais e moi plásticos. Estrutúranse na procura dunha imaxe múltiple sen pretensións de transcendencia conceptual. Son 53 Canciones na primeira parte (poemas breves) e 24 Ritmos, algo máis longos.
En Canciones de mar y tierra obsérvase a influencia mutua entre Concha Méndez, Alberti e Lorca. Reflicte a súa experiencia vital ao longo de todo o libro, coa viaxe como eixo estruturador. Son 79 Canciones seguidas por tres Momentos en prosa. Ilustrado por Norah Borges, inclúe un epílogo que constitúe un manifesto poético.[12]
Segunda etapa
En Vida a vida (1932) mostra unha voz máis depurada e persoal, menos colorista e lúdica. Son 20 poemas que terminan en exclamacións. A súa madurez vital choca coa súa contorna, e neste libro explora cos seus soños a realidade. Continúa o ton autobiográfico en Niño y sombras (1936), unha elexía ao seu primeiro fillo, que non chegou a nacer. Deixa atrás a vangarda e depura a súa poesía, cun léxico sinxelo e natural e alargando os seus versos. Son 28 poemas en que a morte e o dó xunto á maternidade son o eixo vertebrador do libro.
Eses dous libros, xunto con 12 poemas novos escritos durante a guerra, reedítanse en Lluvias enlazadas (1939). Publicado na Habana, mostra o desencanto e escepticismo do exilio e o desarraigamento. Este poemario editouse dentro da colección de libros El ciervo herido, da súa propia imprenta. Sombras y sueños (1944) inclúe 97 poemas con catro núcleos temáticos:
Poemas das sombras, soidade e dor
Poemas da resistencia
Poemas do abandono: mostran a nostalxia da separación, da súa terra natal, do seu compañeiro e da súa nai, falecida neses días
Poemas que homenaxean os seus poetas preferidos[12]
Con todo, en 1944 publicou tamén Villancicos de Navidad. A obra, moito máis vitalista e esperanzada, contrasta co poemario anteriormente descrito.
Terceira etapa
En 1967 reedita unha edición ampliada de Villancicos. Son 85 poemas breves inmersos na tradición popular de arte menor, con recursos estilísticos moi sinxelos. O eixo temático é a alegría polo nacemento do Neno Jesús. Os 100 poemas breves de Vida o río (1979) son expresión de estados de ánimo, cos soños e recordos como proxeccións da súa intimidade, da que necesita preservar certos momentos ou sensacións e salvalos do esquecemento. Os eixos estruturadores son o tempo, os recordos, os soños, a natureza, a morte e a existencia mesma. Entre el soñar y el vivir é o título, ben significativo, do seu último libro (1981). Son 47 poemas máis oito dedicados ao seu marido. Constitúe unha exploración continua do sentido último da existencia.[12]
Obra teatral
Desde mediados da década de 1920, a renovación da escena teatral volveu os seus ollos ao teatro infantil en busca de inspiración. Pretendía fuxir do excesivo realismo mimético que predominaba na escena e buscaba novas vías de expresión máis acordes ás vangardas. De entre as iniciativas propostas destaca a creación dun teatro estábel, o Teatro Pinocho, con Salvador Bartolozzi e Magda Donato como artífices. Tamén contribuíu a esa renovación Elena Fortún, autora dun volume con 12 obras de Teatro para niños.
Así mesmo, Carmen Baroja representou unha obra de monicreques no Mirlo Blanco. Concha Méndez representou El carbón y la rosa no Lyceum Club Feminino o mesmo día que Rafael Alberti realizaba unha lectura dos seus poemas. A decoración correu a cabo de Maruxa Mallo.[13] A escritora manifestou sempre unha gran preocupación pola función pedagóxica do teatro infantil, na procura dunha educación global.[14]
Autobiografía
Cara ao final da súa vida Concha Méndez xa non tiña a capacidade física de escribir as súas memorias. Con todo, a fortaleza e empeño da autora fixeron posíbel a creación das súas Memorias habladas, memorias armadas (1990). Estas foron ditadas á súa filla, Paloma Ulacia Altolaguirre, quen posteriormente creou o libro a partir das cintas gravadas.
No prólogo, Paloma Ulacia revela que Concha Méndez non escribiu a súa propia autobiografía. Consideraba que aceptar a súa vida como un feito xa consumado equivalía a admitir a vellez e, xa que logo, a proximidade da morte. Cando a autora sentiu a necesidade de relatar a súa vida, aos 80 anos, xa non podía facelo fisicamente. Malia a idade, as súas expresións e o detalle das memorias mostran como aínda mantiña moita enerxía, trazo sempre presente no seu carácter. O prólogo tamén advirte que a estrutura do libro segue unha orde cronolóxica e resumíronse os sucesos temporais máis extensos.
Semella que Concha Méndez autocensurou algunhas pasaxes da súa vida á hora de narrar as súas memorias. Trata de forma esquiva feitos como as súas relacións sentimentais. En lugar de narrar con precisión a súa vida, preferiu expresala como unha serie de anécdotas, coa poesía e as viaxes coma alicerces fundamentais. Conta como de nena soñaba con ser capitá de barco, unha idea non moi ben acollida pola súa familia, e na súa mocidade alcanza a emancipación viaxando. A autora conclúe a obra cunha reflexión sobre as decisións tomadas.
Relación de obras
Poesía
Inquietudes (Imprenta de Juan Pueyo, Madrid, 1926)
Poemas 1926-1986 (Madrid, Hiperión, 1995), edición preparada polo marido da súa filla Paloma, o profesor James Valender.
Mapas
Teatro
La caña y el tabaco (inédita até 2012): Publicada pola Asociación de Directores de Escena de España, dentro da colección literatura dramática iberoamericana)
↑"Concha Méndez". Centro de Información Documental de Archivos (CIDA)(en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2023. Consultado o 29 de xuño de 2023.
↑Nieva de la Paz, Pilar (2001). "El teatro infantil de Concha Méndez". En Valender, James. Concha Méndez en su mundo(en castelán). CSIC - Residencia de Estudiantes. ISBN9788495078018.
Bellver, Catherine G. (1993). "Exile and the female experience in the poetry of Concha Méndez". Anales de la literatura española contemporánea(en inglés) (Boulder, Colorado) 18 (1): 27–42. ISSN0272-1635.
González-Allende, Iker (2010). "Cartografías urbanas y marítimas: Género y Modernismo en Concha Méndez". Anales de la Literatura Española Contemporánea(en castelán)35 (1): 89–116. ISSN0272-1635.
Jiménez Faro, Luzmaría (1996). Poetisas españolas. Antología general(en castelán). Tomo II: De 1901 a 1939. Madrid: Torremozas. pp. 123–133. ISBN9788478391745.
Muñoz Cáliz, Berta (2018). "Infancia y exilio. El teatro de Concha Méndez". En Aznar Soler, Manuel. La literatura dramática del exilio republicano de 1939(en castelán). Sevilla: Renacimiento. ISBN9788417550578.
Valender, James, ed. (2001). Concha Méndez en su mundo. Una mujer moderna (1898-1986)(en castelán). Madrid: Residencia de Estudiantes. ISBN9788495078018.