Casa da Moeda de Nova Orleáns

Casa da Moeda de San Francisco
US Mint


Fachada do edificio da
Casa da Moeda de Nova Orleáns

TipoEstablecemento público de carácter industrial e comercial
Fundación8 de marzo de 1838
MatrizCasa da Moeda dos Estados Unidos
Localización Nova Orleáns
Luisiana
Estados Unidos de América Estados Unidos.
Persoas claveWilliam Strickland (arquitecto).
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas e medallas.
Notas
Marca de ceca: O.
Na rede
http://lsm.crt.state.la.us/mintex.htm
editar datos en Wikidata ]

A Casa de moeda de Nova Orleáns (en inglés New Orleans Mint) foi unha fábrica de moeda estadounidense sita en Nova Orleáns, Luisiana, unha das ramas da Casa da Moeda dos Estados Unidos, que estivo operativa entre 1838 e 1861 e, posteriormente, entre 1879 e 1909.[1][2]

Durante os seus anos de funcionamento produciu máis de 427 millóns de moedas de ouro e prata de case todos os valores, por un valor aproximado de 307 millóns de dólares. Todas estas moedas amosan como marca de ceca a inicial "O" do topónimo de Nova Orleáns.[1]

O edificio estivo pechado durante a maior parte da Guerra Civil estadounidense e o subseguinte período de reconstrución. Posteriormente serviu para diversas funcións, como Oficina de Ensaios dos Estados Unidos, almacén da Garda Costeira ou refuxio nuclear. A partir de 1981, pasou a integrar o Museo Estatal de Luisiana. En 2005 sufriu danos severos por mor do Furacán Katrina e, logo de tres anos de obras de restauración, reabriu en outubro 2007.[1]

A Casa de Moeda de Nova Orleáns foi recoñecida como Sitio Histórico Nacional (National Historic Landmark) e é o edificio en pé máis antigo de cantos albergaron unha rama da Casa da Moeda nos Estados Unidos.[3]

Historia

Prolegómenos

Planos orixinais da Casa de Moeda de Nova Orleáns (1835). Museo Estatal de Luisiana.

O rápido crecemento dos Estados Unidos nos inicios dos anos 1830 trouxo como consecuencia unha escaseza das moedas en circulación. Asemade, en 1804 suspendérase a produción de dólares de prata porque estes eran intercambiados por moedas españolas de inferior peso nas Indias Occidentais, polo que quedara o medio dólar como a maior moeda de prata en uso.[4] Para aliviar esta escaseza, circulaban nos Estados Unidos algunhas moedas estranxeiras. Nesa conxuntura, a Casa da Moeda de Filadelfia era a única ceca activa ata 1838, cando empezaron a establecerse outras casas de moeda en diferentes lugares do país. En 1836, o presidente Andrew Jackson emitira unha orde executiva que ordenaba que todas as transaccións de territorio estadounidense se realizasen en efectivo. Esta decisión, no contexto da depresión económica que seguiu o Pánico de 1837 (causado en parte polas políticas fiscais de Jackson), aumentou a necesidade de máis diñeiro en circulación.[1][5]

Como resultado, en 1835 o Goberno federal estableceu tres cecas sucursais: as casas de moeda de Nova Orleáns (Luisiana), Charlotte (Carolina do Norte) e Dahlonega (Xeorxia), estas dúas últimas situadas en rexións auríferas. Porén, Nova Orleáns foi seleccionada pola súa localización estratéxica ás beiras do río Mississippi, o cal a convertía nun centro importante para a actividade comercial, na que destacaba a exportación de algodón producido nas plantacións daquela zona. Así mesmo, grandes cantidades de ouro proveniente de México pasaban anualmente polo porto de Nova Orleáns. No século XIX, Nova Orleáns era a quinta cidade máis grande dos Estados Unidos ata a Guerra Civil e mantiña máis comercio co estranxeiro que ningunha outra cidade do país. Ademais, a distancia coas veas de ouro que se acababan de descubrir en Alabama era relativamente curta.[1][6]

O 10 de abril de 1835, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Samuel Moore, anunciaba nun xornal de Filadelfia a proposta de construción das instalacións da nova rama da casa de moeda en Nova Orleáns. Contratouse a Martin Gordon para supervisar as obras, que se levaban a cabo sobre un deseño do arquitecto William Strickland, quen xa fora responsable do deseño das cecas de Filadelfia e de Charlotte. A construción respondía aos gustos de Strickland polas formas neorrenacentistas.[7]

O edificio da ceca ergueuse nun lugar preeminente da cidade. Aséntase moi preto do río, no barrio francés, orixe da actual cidade de Nova Orleáns. Baixo os períodos de dominación francesa e española, nese lugar atopábase unha das fortificacións defensivas da cidade.[1] En 1792, o gobernador español, Francisco Luis Héctor de Carondelet, ergueu alí o Forte San Carlos, que foi destruído en 1821.[6]

De xeito diferente ás outras dúas casas de moeda, que só cuñaban moedas de ouro, Nova Orleáns producía moedas de ouro e de prata, e en cantidades moito máis grandes, o que a convertía na ceca sucursal máis importante do país, ata que a Casa da Moeda de San Francisco empezou a producir un valor monetario aínda maior en moedas de ouro, a mediados da década de 1850.[1][6]

Primeiro período de funcionamento: 1838-1861

John Leonard Riddell, empregado da ceca de Nova Orleáns

O inicio das actividades do novo establecemento tiveron lugar o 8 de marzo de 1838, cun depósito de lingotes de ouro de orixe mexicana, e dous meses despois, o 7 de maio, saíron das prensas da nova casa de moeda as súas primeiras cuñaxes: 30 moedas de dez centavos (dimes). Desde esta data ata que a ceca caeu en mans dos Confederados en 1861, nas súas instalacións cuñáronse practicamente todos os valores de moedas de prata e de ouro: moedas de tres (só en 1851), de cinco e de dez centavos en prata, cuartos dólares, medios dólares e dólares tamén en prata, e moedas de un, de 2'5, de tres, de cinco, de dez e de vinte dólares de ouro.[1][8]

Neste primeiro período foron varios os personaxes destacados que pasaron pola Casa da Moeda de Nova Orleáns. Un deles foi John Leonard Riddell (1807-1865), que traballou como refinador e fundidor entre 1839 e 1848 e, á marxe deste traballo, acadou un notable prestixio nos eidos da botánica, a medicina, a química, a xeoloxía e a física (foi o inventor do microscopio binocular). Riddell escribiu tamén acerca de temas numismáticos. En 1845 publicou un libro titulado Monograph of the Silver Dollar, Good and Bad, Illustrated With Facsimile Figures, e dous anos máis tarde apareceu un artigo seu en DeBow's Review titulado "The Branch Mint at New Orleans [...]". Porén, Riddell resultaba un personaxe controvertido no seo da Casa da Moeda e as súas disputas con outros traballadores da institución están ben documentadas.[9][10][1][11]

Guerra civil e reconstrución: 1861-1879

Medio dólar cuñado polos Confederados na Casa de Moeda de Nova Orleáns (1861).

A Casa de moeda de Nova Orleáns operou continuamente desde a súa apertura en 1838 ata o 26 de xaneiro de 1861, cando o Estado de Luisiana se separou dos Estados Unidos. O 29 de xaneiro, a Convención de Secesión volveu reunirse en Nova Orleáns e aprobou unha ordenanza que lles permitía aos funcionarios federais a permanencia nos seus postos, e o 5 de febreiro designouse un comité co obxectivo de facer un inventario do anterior Goberno federal, no que se informou de que a cámara acoirazada da Casa da Moeda atesouraba 483.983 dólares en moedas de ouro e de prata. Nos rexistros dos Arquivos Nacionais de Rockville, Maryland, reflíctese que esta cantidade se desagregaba en 308.771 dólares en pezas de ouro e 175.212 en moedas de prata. A única moeda de ouro producida en xaneiro de 1861 foi a de vinte dólares de ouro, da que se cuñaron 15.438 unidades no devandito mes. Con todo, nos rexistros da propia Casa da Moeda menciónase que soamente se cuñaron 5.000 unidades desa moeda polo Goberno federal en xaneiro de 1861.[12] Ademais, os funcionarios confederados crearon probas dun reverso alternativo a nome dos Estados Confederados (véxase a imaxe adxunta).[1][13][14]

En marzo de 1861, Luisiana aceptou a Constitución dos Estados Confederados e o novo Goberno confederado mantivo nos seus postos a todos os funcionarios da fábrica de moeda.[15] Baixo as novas autoridades cuñáronse 962.633 dos 2.532.633 de moedas de medio dólar producidas na ceca de Nova Orleáns con data de 1861.[16] Investigacións recentes deron como resultado que algunhas destas moedas presentaban lixeiras anomalías, como os medios dólares de 1861 (con marca de ceca O) cunha liña entre o 8 e o 6 da data, ou aqueles en que un dos rebentos de loureiro do reverso aparece con forma de punta de lanza.[17][18][19] Descoñécese o número exacto de moedas de medio dólar confederadas que se cuñaron con estas anomalías, pero sábese a día de hoxe hai catro exemplares localizados. Un deles, que se vendeu nunha poxa por unha grande suma, foi no seu día propiedade de Jefferson Davis, o único presidente dos Estados Confederados.[1]

A Casa da Moeda de Nova Orleáns nun gravado de 1873.

As operacións de cuñaxe confederadas proseguiron desde o 1 de abril ata que o ouro se esgotou, ese mesmo mes. O persoal mantívose nos seus postos ata o 31 de maio de 1861. A partir dese momento, a Casa da Moeda serviu para acuartelar as tropas confederadas, ata que foi finalmente capturada, xunto co resto da cidade, o ano seguinte, en gran parte polas forzas navais da Unión, baixo o mando do almirante David Farragut.[1][20]

Xa en mans das autoridades da Unión, en 1876, a casa de moeda foi reaberta como oficina de ensaio de metais preciosos. A súa maquinaria de cuñaxe vírase moi deteriorada pola guerra pero, debido á súa importancia, proporcionóuselle un novo equipamento para a fabricación de moedas. O edificio foi reformado e volveu pórse en servizo en 1879, para producir principalmente moedas de prata, entre elas o salientable dólar Morgan, que sairía das súas prensas entre 1879 e 1904.[1][21]

Segundo período de funcionamento: 1879-1909

A remodelación e a volta á operatividade da Casa de Moeda de Nova Orleáns debeuse, en parte, ao feito de que en 1878 o Goberno federal de Washington aprobara a Lei Bland-Allison, que ordenaba a adquisición e a cuñaxe dunha gran cantidade de prata ao ano, e o Departamento do Tesouro necesitaba instalacións adicionais para o facer. Isto provocou que a ceca reabrise para cuñar dólares de prata en gran cantidade, a maioría dos cales se almacenaba logo no mesmo edificio da ceca, en lugar de distribuírse para a súa entrada en circulación.[22] O presidente Rutherford B. Hayes nomeou o exsenador de Mississippi e gobernador Henry S. Foote como novo superintendente da ceca.

Dólar Morgan da Casa de Moeda de Nova Orleáns, unha das moedas estadounidenses máis senlleiras.

Durante este segundo período de funcionamento, en Nova Orleáns cuñáronse moedas desde os dez centavos de prata ata os 20 dólares de ouro (destas últimas só 2.325 exemplares en 1879). Así mesmo, a ceca tamén cuñou en 1907 máis de cinco millóns e medio de moedas de prata de vinte centavos de peso para o Goberno mexicano como parte do programa de produción de moeda estranxeira do Goberno estadounidense. A Casa da Moeda de Nova Orleáns, cuxas moedas se poden identificar pola marca de ceca "O" que amosan nos seus reversos, gañou unha reputación de producir moedas dunha calidade mediocre; polo xeral, o seu brillo non é tan intenso como o doutras casas de moeda do país e as zonas centrais tenden a ser aplanadas e cuñadas con menor vigor que noutras fábricas. Por tal motivo, as moedas desta ceca cunha cuñaxe correcta son moi apreciadas no mercado numismático actual, pola súa rareza.[23]

Séculos XX e XXI

Detalle da marca de ceca "O" da Casa de Moeda de Nova Orleáns, nunha moeda de 10 dólares.

A principios do século XX, a Casa de Moeda de Nova Orleáns estivo en funcionamento xunto coa de Denver, a de San Francisco e a ceca principal en Filadelfia. En 1904, o Goberno determinou o cesamento da produción do dólar de prata, que representaba a maior parte das moedas que a Casa da Moeda de Nova Orleáns estivera a producir desde 1879. En 1909, o Tesouro negouse a asignar fondos para o funcionamento da ceca, que tivo que deter as súas actividades de cuñaxe. En 1911, a Casa de Moeda de Nova Orleáns foi clausurada formalmente e a súa maquinaria trasladouse ás instalacións da Casa de Moeda de Filadelfia.[21]

En 1932, o edificio foi convertido nun cárcere federal, ata que en 1943 a Garda Costeira dos Estados Unidos comezou a utilizar unha parte do edificio como centro de almacenamento, mentres outra parte das instalacións quedaba en abandono. En 1965 o edificio transferíuselle ao Estado de Luisiana.[1]

Durante a Guerra Fría, a vella Casa da Moeda foi considerada como o mellor refuxio nuclear da cidade.[1]

O estado acordou evitar a demolición da estrutura, coa condición de que fose restaurada e reconvertida para un novo destino nos seguintes quince anos. Entre 1978 e 1980 cumpriuse este obxectivo e, desde 1981, o edificio funcionou como museo, inicialmente sobre numismática e posteriormente ampliado a outras exposicións sobre temas tan diversos como o entroido de Nova Orleáns, a música de jazz e a cerámica.[1][24][25]

O terceiro piso da vella Casa da Moeda alberga un arquivo de mapas e documentos, entre os que cabe salientar rexistros coloniais franceses e españois. Xunto co Cabido, o Presbiterio, a Casa 1850 e a casa museo Madame John's Legacy, o edificio é unha das cinco ramas do Museo Estatal de Luisiana, no barrio Francés.[1][26]

Moedas cuñadas

Moedas de prata

Valor Serie Anos de cuñaxe Imaxe Notas
3 centavos Modelo único [27] 1851 A marca de ceca "O" áchase á dereita do número romano "III" no reverso. É a moeda de prata coa menor denominación das cuñadas en ningunha ceca estadounidense.
5 centavos Liberdade sentada [28] 1838-1842, 1844, 1848-1860 As moedas de 1853 foron fabricadas en dúas variedades: unha con frechas na data e a outra sen frechas.
10 centavos Liberdade sentada [29] 1838-1843, 1845, 1849-1860, 1891 A marca de ceca "O" está dentro da grilanda. Esta moeda foi a primeira cuñada en Nova Orleáns.
Serie Barber [30] 1892-1903, 1905-1909 A marca de ceca "O" está baixo a grilanda.
Cuarto de dólar Liberdade sentada [31] 1840-1844, 1847, 1849-1860, 1891
Serie Barber [32] 1892-1909 A maioría de moedas da serie Barber tivo ampla circulación, motivo polo cal, este exemplar está tan gastado.
Medio dólar Busto con gorra [33] 1838-1839 Os dous anos que se cuñou esta moeda en Nova Orleáns marcaron a primeira vez na historia numismática estadounidense que apareceron marcas de ceca no anverso. Despois de 1840, as marcas de ceca atoparíanse xeralmente no reverso, coa excepción dos centavos de Lincoln, desde 1909 ata 1968.
Liberdade sentada [34] 1840-1861 As moedas cuñadas o 25 de xaneiro de 1861 serían as derradeiras confeccionadas en prata polo Goberno dos Estados Unidos en Nova Orleáns ata 1879.
Serie Barber [35] 1892-1909
Dólar Liberdade sentada [36] 1846, 1850, 1859-1860
Morgan [37] 1879-1904 O dólar Morgan é a moeda máis común das producidas por esta casa de moeda.

Moedas de ouro

Valor Serie Anos de cuñaxe Imaxe Notas
Dólar Cabeza da Liberdade [38] 1849-1853 As moedas de 1849 eran cuñadas cunha grilanda no reverso e a marca da ceca na parte inferior desta.
Princesa india[39] 1855
2½ dólares Cabeza clásica [40] 1839
Cabeza da Liberdade [41] 1840, 1842-1843, 1845-1847, 1850-1852, 1854, 1856-1857 Neste exemplar, a marca de ceca "O" fúndese coas frechas baixo a aguia.
3 dólares


Cabeza de indio [42] 1854 Este foi o único ano en que se cuñaron en Nova Orleáns as moedas de tres dólares de ouro.
5 dólares Cabeza da Liberdade [43][44] 1840-1847, 1851, 1854-1857, 1892-1894
Cabeza de indio [45] 1909
10 dólares Cabeza da Liberdade [46][47] 1841-1860, 1879-1883, 1888, 1892-1895, 1897, 1899, 1901, 1903-1904, 1906 En 1866, agregouse unha cinta sobre a aguia coa lema In God We Trust nas pezas de ouro de 10 dólares. Durante 1894 efectuouse unha das maiores cuñaxes de moedas de 110 dólares da ceca de Nova Orleáns.
20 dólares Cabeza da Liberdade [48][49] 1850-1861, 1879 A moeda de 20 dólares é a de maior valor facial das cuñadas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, en calquera das súas ramas.

Notas

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 "New Orleans US Coin Mint". USA Coin Book.
  2. "The Old U.S. Mint". Louisiana State Museum.
  3. "United States Mint, New Orleans Branch". National Historic Landmarks.
  4. Winter, D. (2006).
  5. Bailey, T. A.; Kennedy, A.; Cohen, L. (1998). Páxinas 276-279, 289.
  6. 6,0 6,1 6,2 Lambousy, G. (2003). 36-38.
  7. Lambousy, G. (2003). Páxinas 38-39.
  8. Lambousy, G. (2003). Páxina 39.
  9. Riddell, J. L. (1845). A Monograph of the Silver Dollar: Good and Bad. Illustrated with Facsimile Figures [...]. Norman.
  10. Riddell, J. L. (1847). "The Branch Mint at New Orleans with an Account of the Process of Coinage [...]". En DeBow's Review. Xuño.
  11. Lambousy, G. (2003). Páxina 40.
  12. "A Mystery Solved. New Orleans Mint 1861 Coinage Records". En The Numismatist Journal. Abril de 2013. Páxinas 53-54.
  13. Meisky, D. "A brief history of Confederate Coins Arquivado 17 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". American Numismatic Association.
  14. "Coins of the Civil War". En GovMint.com
  15. Lambousy, G. (2003). Páxina 42.
  16. Yeoman, R. S. (2007). Páxina 191.
  17. Wiley, R. (1993). Capítulo 6.
  18. "1861-O 50C W-13 CSA Issue Bisected Date". Professional Coin Grading Service.
  19. "1861-O 50C W-15 CSA Issue Speared Olive Arquivado 16 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Service.
  20. Lambousy, G. (2003). Páxinas 42-43.
  21. 21,0 21,1 Lambousy, G. (2003). Páxina 43.
  22. Lange, D. W. (2005).
  23. Bowers, Q, D. (2004). Páxinas 11, 42, 49-50.
  24. "Louisiana Historical Center". Louisiana Museum Foundation.
  25. "The New Orleans Jazz Museum at the Old U.S. Mint". Louisiana State Museum.
  26. Sitio web: Louisiana State Museum.
  27. "3 Cents type 1". Numista.
  28. "½ Dime "Seated Liberty Half Dime"". Numista.
  29. "1 Dime "Seated Liberty Dime"". Numista.
  30. "1 Dime "Barber Dime"". Numista.
  31. "¼ Dollar "Seated Liberty Quarter"". Numista.
  32. "¼ Dollar "Barber Quarter"". Numista.
  33. "½ Dollar "Capped Bust Half Dollar"". Numista.
  34. "½ Dollar "Seated Liberty Half Dollar"". Numista.
  35. "½ Dollar "Barber Half Dollar"". Numista.
  36. "1 Dollar "Seated Liberty"". Numista.
  37. "1 Dollar "Morgan Dollar"". Numista.
  38. "1 Dollar "Liberty Head"". Numista.
  39. "1 Dollar "Small Indian Head"". Numista.
  40. "½ Dollars "Classic Head". Numista.
  41. "2½ Dollars "Coronet Head". Numista.
  42. "3 Dollars "Indian Head"". Numista.
  43. "5 Dollars Coronet Head; Small type - No motto". Numista.
  44. "5 Dollars Coronet Head; Small type - With motto". Numista.
  45. "5 Dollars "Indian Head"". Numista.
  46. "10 Dollars "Coronet Head" without motto". Numista.
  47. "10 Dollars "Coronet Head" with motto". Numista.
  48. "20 Dollars "Liberty Head" without motto". Numista.
  49. "20 Dollars "Liberty Head" with motto". Numista.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Bailey, T. A.; Kennedy, A.; Cohen, L. (1998). The American Pageant: A History of the Republic. 11ª ed. Boston. Houghton Mifflin. ISBN 978-0669397291
  • Bowers, Q. D. (2004). The Official Red Book of Morgan Silver Dollars: A Complete History and Price Guide. Whitman Publishing. ISBN 978-0794817749
  • Evans, G. G. (1885). Illustrated History of the United States Mint. Filadelfia. G. G. Evans (hai unha edición revisada en 1894).
  • Irwin, D. (1997). Neoclassicism. Londres. Phaidon. ISBN 978-0714833699
  • Lambousy, G. (1968). "The mint at New Orleans: with an account of the process of coinage. by Riddell, J. L.". En Numismatist. American Numismatic Association. Vol. 81. Nº 4.
  • Lambousy, G. (2003). "The Mint At New Orleans". Numismatist. Marzo. American Numismatic Association. Páxinas 36-43.
  • Lambousy, G. (2004). "Riddell's plan for the melting room at the New Orleans Mint". En Gobrecht Journal. Vol. 31. Nº. 91.
  • Lange, D. W. (2005). A History of the United States Mint and its Coinage. Whitman Publishing.
  • Taxay, D. (1966). The United States Mint and Coinage: An Illustrated History from 1776 to the Present. Nova York. Arco Publishing.
  • (2005). The Old U.S. Mint: A Historic Property of the Louisiana State Museum. Nova Orleans State Museum.
  • Wiley, R. (1993). The Complete Guide to Liberty Seated Half Dollars. DLRC Press. ISBN 978-9994368143
  • Winter, D. (2006). Gold Coins of the New Orleans Mint 1839-1909. Zyrus Press. ISBN 0-9742371-6-7
  • Yeoman, R. S. (2007). The Official Red Book - A Guide Book of United States Coins 2008. Whitman Publishing. ISBN 978-0794822682

Ligazóns externas