Casa da Moeda de Charlotte

Casa da Moeda de Charlotte
US Mint

Edificio da antiga
Casa da Moeda de Charlotte
logo do seu traslado en (1936)
.

TipoEstablecemento público de carácter industrial e comercial
Fundación1838
MatrizCasa da Moeda dos Estados Unidos
Localización Charlotte
Carolina do Norte
Estados Unidos de América Estados Unidos.
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas e medallas.
Notas
Marca de ceca: C.
editar datos en Wikidata ]

A Casa da Moeda de Charlotte (en inglés: Charlotte Mint) foi unha fábrica de moeda estadounidense localizada en Charlotte, Carolina do Norte, a primeira en constituírse como unha rama da Casa da Moeda dos Estados Unidos. Estivo operativa entre 1838 e 1861 e cuñou unicamente moedas de ouro.[1][2]

Historia

Creación da ceca

Logo do primeiro achado de ouro documentado nos Estados Unidos, en Carolina do Norte estableceuse a primeira mina deste metal no país, denominada Reed Gold Mine. Como non existía ningunha ceca na zona de Charlotte, os mineiros tiñan que enviar o ouro que extraían en po e en pebidas á Casa da Moeda de Filadelfia, onde se realizaban os labores de ensaio, fundición e cuñaxe. Mais este transporte resultaba difícil, lento, perigoso e caro, sobre todo tendo en conta os custos dos seguros, o que motivou a aparición das primeiras cuñaxes privadas de moeda de ouro na zona de Charlotte. Así e todo, a conversión local do ouro bruto en moeda tiña uns problemas inherentes, como a precisión da pesaxe e o axuste da finura do metal.[1][2]

Anverso dos 5 dólares de 1839. (marca de ceca "C").
Reverso da mesma moeda

No afán de solucionar estes problemas, na primavera de 1831, os mineiros e os comerciantes de Carolina do Norte solicitaron ao Congreso a creación dunha ceca en Charlotte. A resposta non se produciu ata tres anos despois, cando o Departamento do Tesouro dos Estados Unidos comezou a investigar as cuñaxes privadas existentes e recoñeceu a necesidade de que Carolina do Norte dispuxese de máis diñeiro circulante con recoñecemento federal.[3]

Mediante unha Lei do Congreso aprobada o 3 de marzo de 1835, asinada polo presidente Andrew Jackson, estabelecíase:[1][2][3][4]

[...] unha rama [da Casa de Moeda dos EEUU] na cidade de Nova Orleáns para a moeda de ouro e prata; unha rama na cidade de Charlotte, no condado de Mecklemburg, no estado de Carolina do Norte, só para a moeda de ouro, e unha rama en Dahlonega ou nas súas proximidades [...] tamén exclusivamente para as moedas de ouro, [...] e co fin de adquirir os terreos, erguer os edificios adecuados e completar as instalacións da maquinaria necesaria destínanse para a rama de Charlotte 50.000 dólares [...]

En novembro do propio 1835, Samuel MeComb notificoulle ao Secretario do Tesouro, Levi Woodbury, que mercara un terreo de máis de 16.000 metros cadrados por 1.500 dólares, na actual rúa West Trade. O contrato para a construción do edificio adxudicóuselle o día 15 de outubro á compañía Perry & Ligon, de Raleigh, en Carolina do Norte, por un importe de 29.800 dólares, e as obras comezaron entrado 1836.

Acabado o edificio, as instalacións abriron o 27 de xullo de 1837, mais unicamente para o procesamento de ouro bruto e a súa refinaxe. Non foi ata o 28 de marzo de 1838 cando saíron da nova casa de moeda as primeiras moedas de ouro, con valor de cinco dólares. Algo máis tarde, ese mesmo ano cuñáronse tamén moedas de 2½ dólares, e a produción dos pequenos dólares de ouro demorouse ata 1849.[1][5][6]

Todas as moedas cuñadas na Casa da Moeda de Charlotte amosan a marca de ceca "C", para as diferenciar das emitidas nas outras cecas que naquel momento operaban no país.[1][5][6]

A Casa da Moeda de Charlotte emitiu moedas de ouro por valor de cinco millóns de dólares nos dez anos que se mantivo operativa (1849-1855, 1857, 1859 e 1861). De todas estas emisións, as moedas producidas en 1850, 1852, 1855, 1859 e 1861 considéranse escasas ou moi escasas, e as de 1854 son practicamente inalcanzables, dado que segundo os rexistros só se cuñaron catro pezas, cuxa existencia se descoñece hoxe.[5][6][7]

A ceca na Guerra Civil

En maio de 1861, Carolina do Norte abandonou a Unión. A Confederación apoderouse do edificio da Casa da Moeda de Charlotte, do mesmo xeito que as de Nova Orleáns e Dahlonega, e baixo a súa autoridade saíron as derradeiras moedas desta ceca, con data de 1861, xa que os confederados non consideraron útil o esforzo de retomar as cuñaxes. De feito, o edificio foi reconvertido en hospital e zona de oficinas militares durante todo o período da Guerra Civil.[1][2][3]

Pechamento e uso posterior

Portada dun libro sobre o Mint Museum of Art

As tropas federais seguiron a utilizar as oficinas nos primeiros anos de reconstrución posteriores á guerra e en 1867 o Goberno dos EEUU pasou a considerar a instalación xa non como casa de moeda senón como oficina de ensaio, por mor da escaseza de po de ouro.[3] En 1873, a Asemblea Xeral de Carolina do Norte solicitou ao Congreso a reapertura da casa da moeda, aínda que a petición foi denegada.

A oficina de ensaio continuou operando ata 1913. Entre 1917 e 1919, o edificio serviu como centro de reunión do Club de Mulleres de Charlotte e durante a primeira guerra mundial como posto da Cruz Vermella.[2]

En 1931 dispúxose que o edificio fose derrubado para facilitar a expansión da oficina de correos que estaba adxacente, mais en 1933 unha asociacións de veciños da localidade conseguiu comprarllo ao Departamento do Tesouro, que era o seu propietario. A estrutura foi trasladada e recolocada a uns poucos quilómetros ao sur do centro de Charlotte, nuns terreos doados por E. C. Griffith no barrio de Eastover.[2]

En 1936, as instalacións foron dedicadas a museo de arte e centro de convencións e representacións teatrais, co nome de Mint Museum of Art.[2][8][9]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "The Mint at Charlotte North Carolina Arquivado 11 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". US-Mint.info
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 O'Fallon, T. (2016).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Kagin, D. H. (1981).
  4. Lei do Congreso do 3 de marzo de 1835 (texto orixinal en inglés).
  5. 5,0 5,1 5,2 Winter, D. (2008).
  6. 6,0 6,1 6,2 Winter, D. (2017).
  7. Heaton, A. G. (1893). Páxina 44.
  8. Wilkinson, H. H. (1973).
  9. Sitio web Arquivado 13 de xullo de 2018 en Wayback Machine. do Mint Museum of Art de Charlotte.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas