Fundados en 1972, ata 1980 foi coñecido como Atlanta Flames por ter a súa sede en Atlanta, Estados Unidos, mentres estivo en Atlanta sempre ocupou a parte baixa da liga, sen gañar nunca unha serie. En 1980 o equipo mudouse a Calgary e nese ano gañou as súas dúas primeiras series nos play-offs. Dende a súa fundación, os Flames xogaron tres veces as finais da Stanley Cup (1986, 1989 e 2004), gañando o título en 1989. Manteñen unha forte rivalidade cos seus veciños de Alberta, os Edmonton Oilers, coñecida como the Battle of Alberta (en galegoa batalla de Alberta).
Na tempada 1985–86, os Flames convertéronse no primeiro equipo de Calgary dende que na tempada 1923-24 os Tigers competiran polo título da Stanley Cup. O equipo gañou unha vez a Stanley Cup, amais de conseguir tres títulos de conferencia e cinco títulos de división. Os Flames gañaron dúas veces o Presidents' Trophy como mellor equipo da liga regular. Individualmente, Jarome Iginla é o líder da franquía en partidos xogados, goles, e puntos, e gañou dúas veces o Maurice Richard Trophy como máximo goleador da liga. Miikka Kiprusoff conseguiu o maior número de vitorias dun porteiro coa camisola dos Calgary Flames. Nove xogadores relacionados cos Flames foron introducidos no Hockey Hall of Fame.
Os Flames tiveron uns inicios relativamente exitosos. Baixo a dirección dos adestradores Bernie "Boom Boom" Geoffrion, Fred Creighton e Al MacNeil, cos que os Flames se clasificaron para os ‘’play-offs’’ en seis das oito tempadas que permaneceron en Atlanta.[4] Porén, este relativo éxito non se trasladou aos ‘’play-offs’’, onde os Flames tan só puideron gañar dous partidos das series eliminatorias durante os anos que permaneceron en Atlanta.[5]
A pesar do éxito no xeo, os propietarios da franquía nunca estiveron sobre unha base financeira sólida, e nunca chegaron a asinar un contrato televisivo importante.[3][6] En 1980, Cousins estaba en considerables dificultades financeiras e foi forzado a vender os Flames para evitar a bancarrota. Con poucas ofertas serias de grupos locais, Cousins mostrouse moi receptivo a unha oferta do empresario canadense (e antigo propietario dos Oilers) Nelson Skalbania, que estaba á fronte dun grupo de empresarios de Calgary.[3] Un último esforzo para manter o equipo en Atlanta foi insuficiente, e Cousins vendeu o equipo a Skalbania por 16 millóns de dólares, un prezo de venda récord para un equipo da NHL no momento.[6] O 21 de maio de 1980, Skalbania anunciou que o equipo se trasladaría a Calgary.[7] O novo propietario decidiu manter o nome dos Flames, sentindo que era unha boa opción para unha cidade petroleira como Calgary, mentres que o logo do “A” ardente foi substituído polo “C” ardente.[8] Skalbania vendeu a súa participación en 1981, e os Flames son propiedade local dende aquela.[9]
Traslado a Calgary
Ao contrario dos Calgary Cowboys da WHA, que se disolveran tres anos antes, os Flames recibiron unha cálida acollida pola cidade de Calgary. Mentres que os Cowboys só foran capaces de venderen 2.000 entradas durante a súa derradeira tempada, os Flames venderon 10.000 entradas, a capacidade completa máis a metade do Stampede Corral, un pavillón con capacidade para 7.000 espectadores.[10]
Liderados polos 49 goles e 131 puntos de Kent Nilsson, os Flames clasificáronse para os play-offs na súa primeira tempada en Calgary cun rexistro de 39 vitorias, 27 derrotas e 14 empates, o que lles valeu para finalizaren na terceira posición da Patrick Division.[11] O equipo atopou un maior éxito nos ‘’play-offs’’ en Calgary do que encontrara en Atlanta, gañando as súas dúas primeiras series do play-off sobre os Chicago Black Hawks e os Philadelphia Flyers antes de caer nas semifinais da NHL (final de conferencia) fronte aos Minnesota North Stars.[12] Este éxito temperán non se repetiu pronto. Despois de conseguir un balance negativo na tempada 1981-82, Fletcher desfíxose de varios xogadores que quedaban da etapa en Atlanta que non puideron adaptarse ao ambiente de maior presión e reconstruíu o equipo.[6][13] Durante as tres tempadas seguintes formou un núcleo de xogadores que permaneceron xuntos ata principios da década de 1990.
Fletcher realizou numerosos esforzos para igualar aos Oilers, levando ao equipo a un gran número de xogadores de universidades estadounidenses, como Joel Otto, Gary Suter, e Colin Patterson, xogadores do hóckey sobre xeo europeo, como Håkan Loob, e sendo un dos primeiros en elixir xogadores da Unión Soviética no draft.[nota 1][15][16] Aínda así, o equipo non mellorara o suficiente para desafiar os Oilers, que necesitaron do máximo de sete partidos para derrotaren os Flames no seu camiño para a conquista da Stanley Cup en 1984.[17]
En 1983, os Flames trasladáronse á súa nova casa, o Olympic Saddledome (agora coñecido como Scotiabank Saddledome), deixando o Corral logo de tres tempadas nas que tan só perderon 32 partidos como local.[7] Dende a tempada 1984-85 ata a 1990-91, os Flames conseguiron 90 puntos en cada tempada, excepto nunha.[18] Con todo, o equipo non puido trasladar o seu éxito aos play-offs, en gran parte por non poder superar os seus rivais provinciais, os Edmonton Oilers.
En 1986 finalizaron na segunda posición da Smythe Division cun rexistro de 40-31-9 (a única tempada entre 1984 e 1991 na que finalizaron con máis de 90 puntos),[11] e na primeira rolda dos play-offs derrotaron os Winnipeg Jets,[17] pasando á segunda rolda, onde se enfrontarían aos Oilers, que eran os claros favoritos para gañar unha terceira Stanley Cup consecutiva. Porén, os Flames sorprenderon os Oilers e elimináronos en sete partidos.[19] Após isto, os Flames chegaron ás finais da Campbell Conference, onde derrotaron os St. Louis Blues noutra serie de sete partidos, clasificándose por primeira vez na súa historia para a final da Stanley Cup, na que se enfrontaron aos Montreal Canadiens, aínda que perderon o campionato en cinco partidos.[20]
Logo da súa participación nas finais por primeira vez, os Flames conseguiron o seu mellor rexistro na liga regular. O rexistro de 46-31-3 da tempada 1986-87 valeulle a Calgary a terceira posición da NHL, por detrás de Oilers e Philadelphia Flyers, mais na post-tempada perderon na primeira rolda fronte aos Jets en seis partidos.[21] Na seguinte tempada conseguiron por primeira vez 100 puntos nunha tempada, gañando o Presidents' Trophy, poñendo fin a seis anos de reinado dos Oilers na Smythe Division.[22] Malia terse reforzado de cara aos play-offs, os Flames caeron na segunda rolda fronte aos Oilers.[17]
Na tempada 1988–89,os Flames continuaron a súa mellora. Conseguiron o seu segundo Presidents' Trophy cun récord da franquía de 117 puntos e un rexistro de 54-17-9, rematando con 26 puntos máis que os segundos clasificados da Smythe Division, Los Angeles Kings, e dous máis que o segundo clasificado da NHL, os Montreal Canadiens.[23] Fletcher seguiu a remendar o equipo, adquirindo a Doug Gilmour como parte de seis xogadores na data límite de traspasos. Nos play-offs, os Flames precisaron de sete partidos na primeira rolda para se desfaceren dos Vancouver Canucks. Os Flames valéronse de varias paradas do porteiro Mike Vernon, incluíndo a famosa captura a Stan Smyl na prórroga, que segue a ser un momento decisivo na historia da franquía.[24]
A continuación os Flames desfixéronse dos Kings en catro partidos, antes de eliminaren os Chicago Blackhawks en cinco partidos para, deste xeito, chegaren ás finais da Stanley Cup, de novo fronte a Montreal. Desta vez, os Flames gañaron en seis partidos, sendo o último unha vitoria por 4 goles a 2 en Montreal o 25 de maio de 1989.[17] A vitoria foi especialmente significativa xa que foi a única vez na que o equipo opoñente lles gañou aos Canadiens no xeo do Montreal Forum para gañar a Stanley Cup.[25] Al MacInnis conseguiu o Conn Smythe Trophy como xogador máis valioso dos play-offs,[26] mentres que o antigo capitán Lanny McDonald anunciou que se retiraba.[25] A vitoria na Stanley Cup de 1989 outorgoulle á copropietaria dos Flames Sonia Scurfield (a viúva de Ralph) a distinción de ser a primeira (e ata 2013, a única) muller canadense en ter o seu nome gravado na copa.[27] Tamén converteu a Norman Kwong nun dos poucos en ter o seu nome inscrito na Stanley Cup e na Grey Cup.[28]
Caída
En 1989, grazas en parte aos esforzos diplomáticos de Cliff Fletcher, o goberno soviético concedeu o permiso a un grupo de xogadores soviéticos para asinar con equipos da NHL, o que permitiu a chegada de xogadores como Sergei Makarov.[16] Esa tempada, o equipo quedou a dous puntos de conseguir o seu terceiro President’s Trophy ao conseguir 99 puntos, fronte aos 101 dos Boston Bruins. Tamén esa tempada, os Flames gañaron o seu terceiro campionato da Smythe Division consecutivo. Porén, nos play-offs foron superados por Los Angeles Kings en seis partidos.[29]
En 1991 Fletcher, quen fora director xeral do equipo dende a súa fundación, deixou os Flames para converterse no director xeral dos Toronto Maple Leafs, sendo sucedido por Doug Risebrough.[30] A pesar do gran desenvolvemento de Theoren Fleury nunha estrela da NHL, os Flames quedaron fora dos ‘’play-offs’’ en 1992, tan só un ano despois de finalizar a súa terceira tempada de 100 puntos na historia da franquía. Foi a primeira vez que os Flames se perdían os play-offs dende a tempada 1974-75, cando a franquía aínda se encontraba en Atlanta. Foi tamén a terceira vez da franquía que estaba fóra das series nos seus 20 anos de historia.[17]
Calgary recuperouse para regresar aos play-offs nas seguintes catro tempadas, incluíndo dous títulos de división consecutivos. Con todo, o equipo foi eliminado na primeira rolda en cada tempada. Os títulos de división das tempadas 1993-94 e 1994-95 levaron a dúas derrotas na casa no sétimo partido da primeira rolda na prórroga fronte aos Canucks e aos San Jose Sharks respectivamente. Na tempada 1995-96, Nieuwendyk foi traspasado aos Dallas Stars nun troco no que adquiriron a Jarome Iginla, quen faría o seu debut cos Flames nos play-offs de 1996 na contundente derrota en catro partidos fronte aos Chicago Blackhawks na primeira rolda. En 1997, só dous anos despois de gañaren o seu segundo título consecutivo de división, os Flames quedaron de novo fóra dos play-offs, aos que non regresaron en sete anos.[17] A peor puntuación do equipo chegou na tempada 1997-98, na que os Flames finalizaron a liga regular con tan só 67 puntos, o segundo peor rexistro na historia da franquía (por detrás tan só da tempada 1972-73 dos Atlanta Flames).[31]
Nesta época, os Flames encontraron cada vez máis complicado reteren os seus mellores xogadores cando os salarios aumentaron mentres o dólar canadense perdía valor fronte ao dólar estadounidense.[32] Calgary foi sempre un dos mercados máis pequenos da liga (actualmente é o terceiro máis pequeno, por detrás tan só de Edmonton e Winnipeg) e os pequenos mercados de equipos canadenses atoparon cada vez máis dificultades para competiren na nova contorna.[33]
A medida que os Flames se afundiron na clasificación, a asistencia aos seus partidos reduciuse. Durante a maior parte dos seus primeiros 16 anos en Calgary, as entradas dos Flames eran das máis difíciles de conseguir da NHL. Porén, en 1999, a asistencia caera tanto que os seus propietarios lanzaron un ultimato: ou se vendían máis entradas para a tempada, ou o equipo seguiría os pasos dos desaparecidos Winnipeg Jets e Quebec Nordiques no seu traslado aos Estados Unidos. Os seareiros responderon mercando as suficientes entradas para manter os Flames en Calgary na tempada 1999-00.[6] Os Flames apelaron á compra de máis entradas no verán do ano 2000.[34] A campaña, dirixida a incrementar a venda de entradas para a tempada dende un mínimo da franquía de 8.700 a 14.000, resultou un éxito.[35] O incremento das vendas non detivo as perdas financeiras, con todo, o equipo perdeu $14,5 millóns entre 2001 e 2003.[32]
Durante a tempada 2002-03, os Flames contrataron a Darryl Sutter como adestrador xefe, substituíndo a Greg Gilbert, quen foi despedido cando os Flames se encontraban na última praza da Conferencia Oeste.[36] Sutter tamén se converteu no director xeral do equipo na seguinte tempada, e atribúeselle a revitalización da franquía.[37] Entre as primeiras medidas de Sutter estivo a adquisición do porteiro Miikka Kiprusoff, a quen adestrara previamente en San Jose, a principios da tempada 2003-04.[38] Kiprusoff respondeu establecendo un récord na NHL de media de goles en contra con 1,69.[39]
Novo milenio
Despois de sete tempadas consecutivas sen disputaren os play-offs, os Flames regresaron ás series en 2004. Convertéronse no primeiro equipo na historia da liga en derrotar tres campións de división no seu camiño a converterse no primeiro equipo canadense en chegar ás finais da Stanley Cup dende os Canucks en 1994.[40] A primeira vítima dos Flames foi o campión da Northwest Division, os Vancouver Canucks, aos que derrotaron en sete partidos. Esta foi a primeira vitoria dos Flames nunha serie dende que gañaran a final en 1989.[41] Posteriormente derrotaron os campións do Presidents' Trophy, os Detroit Red Wings, en seis partidos. Logo de eliminar os campións da Pacific División, os Sharks, tamén en seis partidos na final da Conferencia Oeste, conseguiron chegar á final da Stanley Cup fronte aos Tampa Bay Lightning. As series da final prolongáronse ata o sétimo partido. Lightning finalmente gañou o sétimo partido na casa, facéndose coa súa primeira e única Stanley Cup. A pesar da derrota, 30.000 seareiros déronse cita no Olympic Plaza para celebrar a tempada do equipo.[42]
En 2006, malia a unha notable mellora ofensiva do equipo e unha sólida tempada de 96 puntos, só foi o suficientemente boa para conseguir a oitava praza na Conferencia Oeste, na que sete equipos superaron a barreira dos 100 puntos. Nos play-offs, Calgary caeu na primeira rolda en seis partidos fronte aos primeiros clasificados da conferencia, os Red Wings. A principios da tempada seguinte, os Flames degradaron a Jim Playfair a adestrador asociado, convertendo a Mike Keenan no terceiro adestrador en xefe en tres anos.[46] A pesar dos bos rexistros de Iginla e da sólida tempada, na que conseguiron 94 puntos, os Flames só puideron finalizar sétimos da Conferencia Oeste, caendo nos play-offs nos cuartos de final da Conferencia fronte aos campións da Pacific Division, os San Jose Sharks, en sete partidos.[47] Na tempada 2008-09 Iginla continuou a marcar récords na franquía, mais o equipo non puido avanzar máis aló da primeira rolda dos play-offs, sendo eliminados polos Chicago Blackhawks en seis partidos, na que se convertería na súa última participación nas series ata a tempada 2014-15, marcando o inicio de cinco anos lonxe da loita pola Stanley Cup. A eliminación do equipo deu como resultado a dimisión do adestrador xefe Mike Keenan despois de dúas tempadas, que foi substituído por Brent Sutter, quen non conseguiría clasificar os Flames para os play-offs na tempada seguinte.[48]
Na tempada 2010-11 os Flames caeran ata o posto 14 da Conferencia Oeste no paro de Nadal, o que provocou o nomeamento de Jay Feaster como director xeral interino no lugar de Sutter,[49] facéndoo permanente na seguinte tempada.[50] Porén, o equipo non foi quen de meterse nos play-offs.[51]
O 22 de febreiro de 2011 Calgary acolleu o 2011 Heritage Classic, o Segundo partido ao aire libre do ano na NHL, no McMahon Stadium, no que os Flames derrotaron os Canadiens por 4 goles a 0 ante 41.022 espectadores. Miikka Kiprusoff converteuse no primeiro porteiro en rexistrar un shutout[nota 2] nun partido ao aire libre da NHL.[52] Mentres tanto, Jarome Iginla seguiu a bater rexistros importantes antes de ser traspasado aos Pittsburgh Penguins o 27 de marzo de 2013, deixando o equipo sen capitán por primeira vez dende o final da tempada 2002-03.[53] Antes do inicio da tempada 2013-14, Mark Giordano foi nomeado novo capitán dos Calgary Flames. Ese ano os Flames finalizaron entre os últimos postos da liga cuns escasos 77 puntos.[54]
Na tempada 2014–15, os Flames, asistidos pola elección do draft de 2013 Monahan e outra nova promesa como Johnny Gaudreau, gañaron un dos seus últimos partidos como local fronte a Los Angeles Kings para se clasificaren nos play-offs por primeira vez dende 2009, deixando fóra das series os Kings, vixentes campións da Stanley Cup.[55] Os Flames eliminaron os Vancouver Canucks en seis partidos na primeira rolda (sendo a primeira serie superada polo equipo dende 2004), mais caeron eliminados a mans dos Anaheim Ducks en cinco partidos na segunda rolda.[56]
Na tempada 2015–16, os Flames, xunto cos outros seis equipos canadenses da NHL, non conseguiron clasificarse para os play-offs.[57] Como resultado, en maio de 2016, o adestrador xefe Bob Hartley foi destituído.[58] Foi substituído polo antigo adestrador asistente dos Vancouver Canucks, Glen Gulutzan.[59]
Os Flames recuperáronse para chegar aos play-offs na tempada 2016-17 como primeiro equipo con wild card,[nota 3] mais caeron con contundencia na primeira rolda das series eliminatorias fronte aos Ducks (4-0).
Os Calgary Flames son un dos dous equipos que representan a provincia de Alberta na NHL. O equipo mantén unha forte rivalidade cos seus veciños, os Edmonton Oilers. Esta rivalidade foi especialmente tensa na segunda metade da década de 1980, cando os dous equipos eran os dous mellores equipos da Campbell Conference e mesmo algúns anos, de toda a liga.
Os Oilers derrotaron os Flames nos play-offs en 1983, 1984, 1988, e 1991, no seu camiño cara ás súas cinco Stanley Cups. Con todo, os Flames vingáronse e eliminaron os seus veciños cun decisivo auto-gol do defensa dos Oilers Steve Smith, que elevou a rivalidade a un novo nivel.[60] Os Flames tiñan unha posición privilexiada nos play-offs de 1988 logo de gañar o Presidents' Trophy,[61] mais os Oilers varréronos nas series (4-0) para acabaren gañando a Stanley Cup.[62][63]
En toda a historia ambos os equipos enfrontáronse nos play-offs en cinco ocasións, nas que os Flames tan só foron capaces de eliminaren os Oilers nunha ocasión na tempada 1985-86. Na liga regular, os Flames dominan cun balance de 128 vitorias, por 112 vitorias dos Oilers e 19 empates.[64]
A continuación móstranse os resultados entre os enfrontamentos nos play-offs dos Flames e os Oilers, en grosa os partidos gañados polos Flames:
Enfrontamentos entre os Flames e os Oilers nas series eliminatorias
En 1994, os Flames achegáronlle á Saddledome Foundation unha proposta para renovar o Olympic Saddledome, renomeándoo Canadian Airlines Saddledome e facéndose cargo das instalacións. A xunta aceptou esta proposta, e foi comprada polos Flames por 20 millóns de dólares canadenses ao asinar un acordo para administrar o edificio durante 20 anos.[70]
Para intentaren encher datas adicionais no Saddledome, os Flames chegaron a un acordo de arrendamento co equipo júnior de expansión Calgary Hitmen da Western Hockey League, que comezou a xogar en 1995 e eran en parte propiedade de Theoren Fleury.[71] Dous anos despois, en 1997, os Flames mercaron o equipo por 1,5 millóns de dólares.[72] Durante o lockout de 2004-05, os Flames promocionaron fortemente os Hitmen, e como resultado, o equipo liderou todas as ligas profesionais júnior de Norteamérica en asistencia, tendo de media máis de 10.000 espectadores por partido.[73]
En abril de 2006, os Flames anunciaron que abrirían un restaurante híbrido, bar e lugar de entretemento, no centro de Calgary, en Stephen Avenue. No anuncio do evento, o presidente dos Flames e CEO Ken King dixo: "Aínda que o hóckey continúa a ser a nosa esencia, estamos constantemente buscando novas oportunidades para acrecentarmos a marca dos Flames e concedermos aos nosos fans maiores oportunidades para gozaren do hóckey. Cremos que o establecemento dun restaurante fóra do Pengrowth Saddledome para compartir comida, diversión e hóckey achegarán os nosos fans aínda máis cerca do equipo".[74] Un ano despois, en abril de 2007, o Flames Central abriu ao público.[75] En 2017, a instalación volveu ao seu nome orixinal de The Palace Theatre.[76]
Flames Foundation
Os Flames teñen mantido unha presenza activa na comunidade dende a súa chegada a Calgary. A través da asociación sen ánimo de lucro, a Flames Foundation, o equipo doou en torno a 32 millóns de dólares para causas benéficas en todo o sur de Alberta.[77] Xunto co Club Rotary, os Flames axudaron a fundar o primeiro hospicio infantil en Alberta, e un dos únicos seis de América do Norte.[78]
Os Flames son tamén socios importantes do Hospital Infantil de Alberta e da Gordon Townsend School aloxada dentro. Entre as moitas actividades nas que participan os Flames, o Wheelchair Hockey Challenge cos Townsend Tigers mantense como unha moi popular tradición tanto para os xogadores como para os nenos participantes. En 2010, os Tigers derrotaron os Flames para mudaren un récord perfecto de 27-0 dende que o reto fora instituído en 1981.[79]
Durante a carreira dos Flames cara ás Finais da Stanley Cup de 2004, a cidade de Calgary converteuse en esencia na sede dunha "festa sen fin". A 17th Avenue SW entertainment district, que pasa polo oeste do ScotiaBank Saddledome, viu máis de 35 000 seareiros invadiren as rúas durante as tres primeiras roldas dos play-offs,[32] e máis de 60 000 nas finais.[80] A festa Red Mile recibiu cobertura en moitos xornais de América do Norte,[81] xa que as celebracións foron pacíficas e os incidentes foron mínimos a pesar da gran cantidade de persoas nunha zona pequena.[82]
En abril de 2006, o Corpo de Policía de Calgary anunciou que as reunións da Red Mile non se debían fomentar, e que se tomarían medidas disuasorias, incluíndo os desvíos de tráfico, a tolerancia cero en materia de ruído e comportamento escandaloso, e a presenza de axentes de incógnito entre a multitude para vixiar os delincuentes.[83] Despois dunha reunión co Xefe de Policía, o Alcalde da cidade, Dave Bronconnier, convenceu o Corpo de Policía de Calgary para que relaxase a súa prohibición da Red Mile e animou a xente a facer o seu camiño cara á 17th Ave.; aínda así a policía mantivo a súa política de tolerancia cero respecto da nudez e a embriaguez.[82]
"C of Red"
Durante a carreira dos Flames cara ás Finais da Stanley Cup de 2004, moitos dos seareiros da franquía que asistiron aos partidos de hóckey disputados no Saddledome vestían unha camisola vermella co C ardente de Calgary nela.[32] As vendas da camisola vermella local dos Flames, introducida ao principio da tempada 2003-04, foron tan grandes durante os play-offs que o fabricante CCM detivo a produción de todas as outras camisolas do equipo para cumprir coa demanda dos uniformes dos Flames.[80] O equipo estableceu un récord na liga para a venda dun novo deseño de uniforme.[84] A tradición do "C of Red" remóntase aos play-offs de 1986 fronte aos Oilers. Os seareiros de Edmonton levaban colocados sombreiros promocionando a "Hat Trick Fever" na súa procura de tres Stanley Cups consecutivas. Os seareiros dos Flames contrarrestárono vestindo de vermello. Nos play-offs de 1987 contra Winnipeg, os Jets responderon ao "C of Red" alentando os seareiros a vestiren de branco, creando o "Winnipeg White Out".[85]
Identidade do equipo
Logo
O logo principal dos Flames é o deseño do "Flaming C" (C ardente), introducido cando o equipo chegou a Calgary en 1980, e foi deseñado pola deseñadora gráfica de Calgary Patricia Redditt. O deseño do logo permaneceu do mesmo xeito dende a súa creación, aínda que os Flames empregaron distintas cores para o logo nas camisolas para os partidos na casa e como visitante. De 1980 a 2000, o logo nos partidos como local era vermello sobre fondo branco, mentres que nos partidos como visitante o logo era branco sobre un fondo vermello. En 2003, a NHL mudou para empregar uniformes de cor para o equipo local. O logo local tornouse negro, co logo visitante en vermello sobre fondo branco. O logo orixinal "Flaming A" (A ardente) dos Atlanta Flames foi restaurado para o seu uso como elemento para identificar os capitáns suplentes do equipo. O logo do cabalo ardente foi retirado en 2007 ao introducírense as camisolas Rbk Edge.[86][87]
Equipamento
As camisolas orixinais dos Flames empregaban raias vermellas e amarelas. En 1994, a franquía engadiu o negro ao esquema de cores do equipo, amais de engadir unha raia diagonal dende a base da camisola ata a parte inferior do logo. En 1998, para celebrar o "Year of the Cowboy" (Ano do Cowboy), os Flames introduciron no deseño do seu terceiro equipamento, o logo do "flaming horse" sobre fondo negro.[7] Dous anos despois, a camisola converteuse no equipamento visitante dos Flames, mentres que o equipamento local se actualizou para incorporar o mesmo deseño de raias en V nos brazos e na cintura da camisola. Esta camisola foi de novo relegada ao posto de terceiro equipamento en 2003, cando a NHL adoptou os equipamentos de cor para os partidos como local.[88] En 2007, coa adopción da camisola Rbk Edge, os Flames actualizaron o seu deseño de novo, substituíndo as raias horizontais por raias verticais aos lados. Para honrar a súa memoria, os Flames engadiron bandeiras de Alberta e o Canadá como distintivos nos ombreiros.[87] Para celebrar a 30ª tempada de Calgary na NHL, os Flames vestiron o deseño do seu equipamento orixinal na tempada 2010-11 durante cinco partidos, todos contra opoñentes canadenses.[89] Os Flames mudaron o deseño das medias do seu equipamento como local e visitante para que coincidise coas medias da súa camisola clásica na súa 30ª tempada. O equipo vestiu a súa reversión como equipamento alternativo 15 veces durante a tempada 2010-11.[90] O mesmo ano, os Flames xogaron fronte aos Canadiens o 2011 Heritage Classic, vestindo camisolas baseadas nas dos Calgary Tigers dos anos 1920. Os Flames vestiron dunha cor vermella bordeos e amarela. O logo estaba sobre un fondo amarelo, e as mangas eran de cor bordeos con raias amarelas.[90][91]
En 2013, os Flames introduciron unha terceira camisola nova. Esta terceira camisola ten inspiración no oeste, coas letras de Calgary en negro na parte dianteira da camisola, e ombreiros negros con puntos diante imitando a indumentaria cowboy. Este uniforme foi empregado ata a tempada 2015-16, logo da cal os terceiros uniformes empregados entre 2010 e 2013 foron empregados de novo.[92]
Harvey the Hound é a mascota dos Flames. Creouse en 1983 para servir tanto aos Flames como aos Calgary Stampeders da Canadian Football League. Harvey foi a primeira mascota da NHL.[93] Harvey é famoso por un incidente en xaneiro de 2003, cando o adestrador dos Edmonton OilersCraig MacTavish lle arrincou a lingua cando estaba a acosar o seu banco.[94] O incidente foi noticia en toda América do Norte e provocou moito humor, incluíndo que no 53º All-Star Game da NHL, celebrado en 2003, varias mascotas doutros equipos da NHL chegasen coas súas linguas fóra.[95]
O primeiro pavillón no que xogou a franquía logo do seu traslado a Calgary foi o Stampede Corral, un pavillón construído en 1950 cunha capacidade para 6.479 espectadores. O recinto foi sede secundaria das competicións de hóckey sobre xeo e patinaxe artística durante os Xogos Olímpicos de Inverno de 1988, celebrados na cidade canadense.[96] O equipo disputou os seus partidos como local no Stampede Corral dende a súa chegada a Calgary en 1980 ata 1983, cando o equipo se trasladou ao que actualmente é o seu estadio, o Scotiabank Saddledome. Durante as tres tempadas que os Flames xogaron como locais neste pavillón rexistráronse os seguintes datos de asistencia media:[97]
En xullo de 1981 comezou a construción do Scotiabank Saddledome, que sería inaugurado o 15 de outubro de 1983.[98] Construíuse para substituír o Stampede Corral como sede dos Calgary Flames e para acoller as competicións de patinaxe artística e de hóckey sobre xeo nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1988. Logo da súa inauguración, nomeouse Olympic Saddledome, pasando a chamarse en 1989 Canadian Airlines Saddledome, nome que mantivo ata o ano 2000, cando mudou o seu nome polo de Pengrowth Saddledome antes de adoptar a súa denominación actual.[99]
As franquías da NHL teñen un cadro de xogadores limitado por convenio, polo que contan cun ou máis equipos «afiliados» que cada ano compiten en ligas menos importantes. Isto permítelles recrutar xogadores novos na repesca anual permitíndolles continuar o seu desenvolvemento sen comezaren demasiado cedo. Ademais, estes equipos afiliados (tamén chamados clubs escola ou farm teams en inglés) constitúen unha reserva de talentos para as franquías da NHL, que os atraen a mercede das lesións e/ou a pobre formación do equipo. A excepción dos equipos propietarios do seu propio club escola, as afiliacións finalizan cun acordo contractual e non se conxelan no tempo. Dende os seus inicios ata a tempada 2016-17, os Flames tiveron as seguintes afiliacións secundarias:[101]
Alén destes equipos, as franquías da NHL posúen unha ou dúas afiliacións denominadas «secundarias» con equipos que compiten en ligas menores. Estes equipos son empregados xeralmente como depósito de xogadores para os equipos anteriores en caso de ausencias por lesión de xogadores ou partidos cun equipo da NHL. Ao longo da súa historia, os Flames tiveron as seguintes afiliacións secundarias:[101]
Dende a súa primeira tempada, o equipo dos Flames tivo 15 capitáns. O primeiro capitán da historia da franquía en Calgary foi nomeado na tempada 1980-81, e foi o canadense Brad Marsh. Dende 2013 o posto de capitán é ocupado polo tamén canadense Mark Giordano. Excepto o escocésSteve Smith e o estadounidenseCraig Conroy, todos os capitáns do equipo naceron no Canadá, sendo Smith o primeiro xogador non canadense en ser nomeado capitán do equipo de Calgary na tempada 1999-00. Os diferentes xogadores que teñen sido capitáns do equipo ao longo da súa historia son:[104]
Risebrough e McDonald foron cocapitáns na tempada 1983-84. Risebrough, McDonald e Peplinski foron tricapitáns entre 1984 e 1987. McDonald e Peplinski foron cocapitáns entre 1987 e 1989.
Conroy e Boughner foron cocapitáns dende a segunda parte da tempada 2001-02 despois de que Dave Lowry fose despoxado da capitanía.
Cada ano dende 1963, os xogadores das ligas menores teñen a posibilidade de asinaren contratos coas franquías da NHL. Dende o traslado da franquía de Atlanta a Calgary, os Flames escolleron 34 xogadores na primeira elección do draft. A maior parte das veces escolleron un único xogador, agás en 2013, cando escolleron tres xogadores, e 1982, 1989 e 2010, cando non escolleron ningún xogador na primeira rolda. Nos seus máis de 30 anos de historia en Calgary a franquía nunca foi o primeiro equipo en escoller, sendo o mellor posto na escolla o cuarto posto de Sam Bennett en 2014. A continuación móstranse as eleccións na primeira rolda do draft da NHL dos Calgary Flames:[105]
O xogador que máis veces vestiu a camisola dos Calgary Flames foi Jarome Iginla, que disputou un total de 1.219 partidos coa franquía de Calgary. Iginla é tamén o líder en puntos e en goles. Estes son os dez mellores xogadores na historia da franquía en puntos, goles e asistencias. As cifras son actualizadas despois de finalizar a liga regular da NHL.[106]
Nota: Pos = Posición; PX = Partidos xogados; G = Goles; A = Asistencias; Pts = Puntos; P/G = Puntos por partido; * = Xogadores actualmente nos Flames
Os Calgary Flames retiraron dous dorsais, e un terceiro foi retirado de todos os equipos da liga. Os Flames retiraron o número 9 en honor a Lanny McDonald, que xogou no equipo entre 1981 e 1989, gañando a Stanley Cup como cocapitán dos Flames no seu último ano como xogador. O número 30 de Mike Vernon tamén o retiraron en honor ao porteiro que xogou 14 anos no equipo, entre 1982–94 e 2000-02.[107]
En 2012, a organización dos Flames presentou o programa "Forever A Flame" para honraren os que xogaron e representaron os Calgary Flames sen ter que retirar os seus números. Isto permite aos futuros xogadores dos Flames teren a oportunidade de vestiren os números dalgúns dos mellores xogadores da historia da franquía. O 27 de febreiro de 2012, o defensa Al MacInnis foi o primeiro en gañar esta distinción, cunha bandeira coa súa fotografía e o número 2 elevado no teito do Scotiabank Saddledome.[108] Joe Nieuwendyk seguiulle o 7 de marzo de 2014, promovido como "Forever 25" tanto polo número da camiseta de Nieuwendyk e o 25º aniversario do título de 1989.[109]
Ao longo da historia dos Calgary Flames un total de 15 adestradores estiveron ao cargo do equipo. Destes 15 adestradores tan só un dirixiu o equipo en dous períodos distintos, Al MacNeil, quen dirixiu o equipo nas primeiras tempadas da franquía en Calgary (e anteriormente na derradeira tempada da franquía en Atlanta) e volveu dirixir o equipo de xeito interino en 2003 en 11 partidos durante o tempo que pasou entre o cesamento de Greg Gilbert e o nomeamento de Darryl Sutter. Tres dos adestradores dos Flames desenvolveron toda a súa carreira como adestradores no equipo de Calgary: Doug Risebrough,[110]Greg Gilbert[111] e Jim Playfair.[112] A única Stanley Cup da franquía conquistárona baixo a dirección de Terry Crisp.
Ao longo da súa historia, os Calgary Flames tiveron oito directores xerais. O primeiro en ostentar o posto foi Cliff Fletcher, a quen nomearon en 1972, cando se fundou a franquía en Atlanta. Fletcher permaneceu no cargo ata o 16 de maio de 1991, sendo o único director xeral co que o equipo gañou a Stanley Cup. Dende o 28 de abril de 2014 o director xeral da franquía é Brad Treliving, que chegou tras un breve período de interinidade no cargo de Brian Burke.[113]
Varios membros dos Flames foron honrados polo Hockey Hall of Fame durante a historia do equipo en Calgary. Lanny McDonald foi o primeiro xogador da franquía en ser introducido, gañando a elección en 1992. McDonald rexistrou 215 goles en 492 partidos cos Flames, incluíndo un récord de equipo con 66 goles na tempada 1982-83. A el uníuselle no ano 2000 o seu compañeiro de equipo na tempada que os Flames gañaron a Stanley Cup, Joe Mullen. Mullen pasou cinco tempadas no equipo de Calgary, conseguindo 388 puntos e gañando dúas veces o Lady Byng Trophy. Grant Fuhr, elixido en 2003, converteuse no terceiro ex xogador dos Flames en formar parte do Hall of Fame. Fuhr tan só xogou unha tempada en Calgary; con todo, conseguiu a vitoria número 400 da súa carreira coa camisola dos Flames, unha vitoria fronte aos Florida Panthers o 22 de outubro de 1999.[114] En 2007, Al MacInnis converteuse no cuarto xogador en xogar nos Flames que ingresou no Hall of Fame, e o terceiro en mostrar as súas credenciais para entrar no Hall of Fame principalmente pola súa carreira nos Flames. MacInnis foi xogador dos Flames dende 1981 ata 1994, e en 1989 gañou o Conn Smythe Trophy como MVP dos play-offs.[115] O 9 de novembro de 2009, Brett Hull converteuse no quinto xogador na historia dos Calgary Flames en entrar no Hockey Hall of Fame.[116]
Hull foi elixido no posto 117 no draft de 1984 polos Flames, e comezou a súa carreira na NHL xogando dúas tempadas (1986–1988) en Calgary. O 28 de xuño de 2011, anunciouse que os antigos dianteiros dos Flames Doug Gilmour e Joe Nieuwendyk se converterían no sexto e sétimo membros do equipo en entrar no Hockey Hall of Fame na categoría de xogadores.[117] O último xogador introducido no Hall of Fame foi o rusoSergei Makarov, seleccionado en 2016.
O antigo adestrador "Badger" Bob Johnson uniuse a McDonald na votación de 1992, sendo elixido na categoría de "construtores".[nota 6] Johnson adestrou cinco tempadas os Flames entre 1982 e 1987, e as súas 193 vitorias seguen a ser un récord do equipo. Cliff Fletcher foi director xeral dos Flames dende o inicio da franquía en 1972 ata 1991. Fletcher foi introducido en 2004. En 2006, Harley Hotchkiss converteuse no terceiro "construtor" dos Flames en ser elixido. Hotchkiss foi o gobernador do equipo, e foi un dos membros do grupo empresarial orixinal que mercou e levou os Flames a Calgary en 1980. Durante moitos anos foi presidente da Xunta de Directores da NHL, durante os cales xogou un papel importante na resolución do lockout da tempada 2004-05.[114] O socio propietario orixinal Doc Seaman foi incluído de xeito similar en 2010.[127]
O locutor de radio dos Flames Peter Maher foi nomeado gañador do Foster Hewitt Memorial Award en 2006 polos seus anos de servizo como locutor de radio play-by-play dos Calgary Flames. Maher foi a voz da radio dos Flames dende 1981, a segunda tempada do equipo en Calgary. Puxo a súa voz en seis All-Star Games e catro finais da Stanley Cup.[114] O adestrador dos Flames durante moito tempo Bearcat Murray foi engadido ao Hockey Hall of Fame en 2009 pola Professional Hockey Athletic Trainers Society e a Society of Professional Hockey Equipment Managers.[128] En 2016, o ex xogador dos Flames Pat Quinn foi introducido como "construtor" no Hockey Hall of Fame.[129]
Trofeos
Trofeos colectivos
Stanley Cup
Premio final da National Hockey League, coroa ao mellor equipo das series eliminatorias. Os Calgary Flames gañaron o trofeo nunha ocasión ao longo da súa historia, tendo chegado en dúas ocasións máis á final da Stanley Cup:[130]
A primeira vez que se entregou este trofeo ao mellor equipo da liga regular foi na tempada 1985-86.[131] Dende aquela os Flames gañaron dúas veces o Presidents' Trophy:[132]
O trofeo William M. Jennings outórgase anualmente dende a 1981-82 ao porteiro menos goleado da liga regular. Un xogador dos Flames conseguiu este galardón:[138]
O trofeo King Clancy premia cada ano o xogador que demostrou o mellor exemplo de liderado dentro e fóra da pista e contribuíse á sociedade. Tres xogadores dos Flames gañaron este galardón na historia da franquía:[139]
O trofeo Lady Byng outórgase ao xogador que se considera que ten o mellor espírito deportivo, mantendo un rendemento excepcional no xeo; a Asociación de Xornalistas de hóckey profesional outorga os votos para atribuír o trofeo tendo en conta tanto o rendemento no xeo como o número de minutos de penalización acumulados. Dous xogadores dos Flames recibiron o trofeo Lady Byng, xa que Bob MacMillan o gañou cando a franquía aínda estaba radicada en Atlanta:[140]
O trofeo Ted Lindsay, coñecido ata 2010 polo nome de trofeo Lester B. Pearson, é entregado cada ano ao mellor xogador da NHL segundo os votos dos seus compañeiros. Un xogador dos Flames conseguiu o trofeo:[141]
O trofeo Bill Masterton é un premio outorgado ao xogador que mellor exemplifica os valores de perseveranza e espírito de equipo. Os xogadores dos Flames que conseguiron este galardón son:[142]
Patrocinado por Bridgestone, o premio Mark Messier outórgase ao líder no xeo, ao motivador do equipo e pola súa adicación á comunidade. Un xogador dos Flames gañou este premio dende a súa creación na tempada 2006-07:[143]
O premio da Fundación NHL entrégase ao xogador que se aplica compromiso, perseveranza e liderado para enriquecer as vidas das persoas na súa comunidade. Dous xogadores dos Flames gañaron este galardón:[146]
O trofeo Vézina é un trofeo concedido aos porteiros da NHL. De 1927 a 1982, o trofeo premiaba o mellor porteiro da liga regular. Un porteiro dos Flames conseguiu o galardón na historia da franquía:[148]
O premio Plus/Minus da NHL concedéuselle entre 1983 e 2007 ao xogador con mellor rexistro de plus/minus. Os seguintes xogadores dos Flames conseguiron o galardón na historia da franquía:[149]
↑Non se lles permitiu aos xogadores soviéticos ingresar en equipos occidentais ata 1989.[14]
↑En hóckey sobre xeo un shutout consiste en que o porteiro dun equipo consiga non encaixar ningún gol ao final do partido.
↑Os equipos clasificados como wild cards son os dous equipos de cada conferencia que se clasificaron para os play-offs na sétima e oitava posición, por detrás dos tres mellores de cada división. A clasificación como wild card non atende á clasificación dos equipos nas súas divisións, senón ao número total de puntos conseguidos, podendo clasificarse dous equipos dunha mesma división.
↑As estatísticas non inclúen os seus números como adestrador dos Atlanta Flames.
↑"Nelson Skalbania". Edmonton Oilers Heritage(en inglés). Edmonton Oilers. Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 2007. Consultado o 24 de outubro de 2016.
↑Zeman, Gary (1986). Alberta on Ice. Heritage House. p. 94. ISBN0-9692320-0-4.
↑ 11,011,1Hanlon, Peter and Kelso, Sean (ed.). 2007–08 Calgary Flames Media Guide. Calgary Flames Hockey Club. pp. g. 105.
↑Hanlon, Peter and Kelso, Sean (ed.). 2006–07 Calgary Flames Media Guide. Calgary Flames Hockey Club. pp. g. 131.
↑ 16,016,1Dolezar, John A. (27 de setembro de 2002). "Sweeping changes"(en inglés). Sports Illustrated. Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2007. Consultado o 24 de outubro de 2016.
↑ 17,017,117,217,317,417,5Hanlon, Peter and Kelso, Sean (ed.). 2007–08 Calgary Flames Media Guide. Calgary Flames Hockey Club. pp. g. 232.
↑Strachan, Al (1-5-1986). "Flukey Flame goal halts Oilers' reign". The Globe and Mail. p. D9.
↑Sports Publishing LLC (ed.). "1987-88 NHL Season Standings". Hockey-Reference.com(en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2015. Consultado o 9 de abril de 2015.
↑Strachan, Al (April 26, 1988). "Flames go out as Oilers sweep series". The Globe and Mail. p. A23.
↑Loewen, Gary (27-5-1988). "Oilers sweep Bruins to win Stanley Cup". The Globe and Mail. p. A1.
↑Tucker, Larry (1994-06-24). "Method to this madness". Calgary Sun. p. 62.
↑Miller, Mark (14 de xuño de 1997). "Hitmen finally go up in Flames". Calgary Sun(en inglés). p. S5.
↑Francis, Eric (19 de marzo de 2005). "Kisio on the hot seat"(en inglés). Calgary Sun. Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2012. Consultado o 25 de outubro de 2016.
↑Karol, Kristofer. statenews.com, ed. "NHL 'quacked' up with hockey jersey switch"(en inglés). Archived from the original on 11 de outubro de 2007. Consultado o 6 de xaneiro de 2015.
↑"FLAMES HISTORY"(en inglés). Calgary Flames. Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2016. Consultado o 24 de outubro de 2016.
↑City of Calgary Archives, ed. (11 de marzo de 2002). "Olympic Saddledome"(en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2012. Consultado o 9 de abril de 2015.
↑HockeyArenas.net (ed.). "Arena History"(en inglés). Consultado o 9 de abril de 2015.
↑HockeyArenas.net (ed.). "Calgary Flames"(en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2016.
↑Johnson, George (2 de novembro de 2008-11-02). "The One and Only Bearcat". Calgary Herald. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 25 de outubro de 2016.
Erro no código da cita: As etiquetas <ref> existen para un grupo chamado "lower-alpha", pero non se atopou a etiqueta <references group="lower-alpha"/> correspondente