Bronquíolo

Diagrama dos alvéolos.
1. Traquea
2. Bronquio principal
3. Bronquio lobular
4. Bronquio segmentario
5. Bronquíolo
6. Conduto alveolar
7. Alvéolo.
Sección dun bronquíolo primario.

Os bronquíolos son as vías aéreas do aparato respiratorio que conectan os bronquios menores cos condutos alveolares dos alvéolos pulmonares. Son ramificacións dos bronquios, pero a diferenza dos bronquios, non conteñen cartilaxe ou glándulas na súa submucosa. A porción do pulmón ventilada por un bronquíolo denomínase lobuliño pulmonar.

Estrutura

Os bronquíolos teñen aproximadamente 1 mm ou menos de diámetro e as súas paredes constan dun epitelio cuboideo ciliado e músculo liso, pero non teñen cartilaxe. Os bronquíolos primarios divídense sucesivamente dando bronquíolos terminais máis finos de 0,5 mm de diámetro ou menos. Estes á súa vez ramifícanse en bronquíolos respiratorios, que se dividen nos condutos alveolares que dan paso aos sacos alveolares. Os bronquíolos terminais supoñen a parte final das vías exclusivamente condutoras de aire do aparato respiratorio, xa que na porción seguinte ten lugar o intercambio de gases entre o aire e o sangue.

O diámetro dos bronquíolos é moi importante para o fluxo de aire. Os bronquíolos poden cambiar de diámetro debido ás contraccións e relaxacións do músculo liso das súas paredes, aumentando ou diminuíndo o fluxo de aire. Un incremento de diámetro denomínase broncodilación e é estimulada pola adrenalina (epinefrina) ou polos nervios simpáticos, e incrementa o fluxo de aire. A diminución do diámetro denomínase broncoconstrición e é estimulado pola histamina, os nervios parasimpáticos, aire frío, irritantes químicos e outros factores, e fai decrecer o fluxo de aire.

Bronquíolos primarios

Os bronquíolos primarios orixínanse como ramificacións dos bronquios terciarios ou segmentarios, polo que son aproximadamente a sétima xeración de ramificacións da árbore respiratoria. O diámetro dos bronquíolos primarios é como media de 1 mm, pero pode variar de 5 a 0,3 mm.

Son histoloxicamente diferentes dos bronquios terciarios, porque neles xa non hai cartilaxe e porque teñen células de Clara no seu revestimento epitelial. Teñen músculo liso, pero non forma unha capa circular continua arredor do bronquíolo, senón feixes de fibras separadas, que forman unha rede co tecido conxuntivo interposto. O epitelio empeza como un epitelio columnar simple ciliado, pero vai mudando a un epitelio cuboidal simple a medida que os bronquíolos primarios se dividen e son cada vez máis finos.

Como non teñen cartilaxe, mantéñense abertos grazas ás fibras elásticas unidas ao tecido conectivo pulmonar que os rodea. O revestimento interno ou lámina propia destes bronquíolos é delgada e sen glándulas, e está rodeada pola capa de músculo liso. Conforme se fan máis pequenos, divídense formando bronquíolos terminais.

Bronquíolos terminais

Os bronquíolos terminais ramifícanse a partir dos bronquíolos primarios, e son o segmento máis distal da zona de condución de aire (que non fai intercambio de gases). Ramifícanse á súa vez orixinando os bronquíolos respiratorios. Os bronquíolos terminais están revestidos cun epitelio cuboideo simple que contén células de Clara. Os bronquíolos terminais conteñen un número limitado de células ciliadas e non teñen células caliciformes. As células de Clara son células arredondadas non ciliadas e segregan proteínas que manteñen aberta a vía de aire nos bronquíolos máis pequenos. A secreción denomínase surfactante, e reduce a tensión superficial, permitindo que os bronquíolos se expandan dutrante a inspiración e non se colapsen durante a expiración. As células de Clara producen tamén encimas que detoxifican substancias disolvidas no fluído respiratorio.

Bronquíolos respiratorios

Orixínanse por ramificación dos bronquíolos terminais, e eles á súa vez divídense formando os condutos alveolares que levan aos sacos alveolares, polo que son a transición entre a porción condutora da árbore respiratoria e a porción respiratoria. Son tubos curtos de 0,15 a 2 mm de diámetro, que se dividen orixinando tres xeracións de bronquíolos respiratorios nos humanos. Están revestidos por un epitelio cuboideo, que vai progresivamente perdendo altura e perdendo os cilios. As súas paredes están interrompidas polas entradas aos condutos alveolares e sacos alveolares, os cales aumentan en número en cada ramificación do bronquíolo. Nos alvéolos realízase o intercambio de gases.

Patoloxía

Os broncoespasmos, que son constricións dos bronquíolos que poden causar a morte, prodúcense cando o músculo liso do bronquíolo se contrae, estreitando moito o diámetro dos bronquíolos. A causa máis común é a asma. O broncoespasmo trátase comunmente con broncodilatadores e terapia de oxíxeno.

A inflamación dos bronquíolos denomínase bronquiolite. As enfermidades que afectan aos bronquíolos son principalmente as seguintes: asma, bronquiolite obliterante, infeccións por virus respiratorio sincitial ou gripe.

Notas

  • Saladin, Kenneth S. Anatomy & Physiology: the Unity of Form and Function. Nova York, NY: McGraw-Hill, 2007.
  • Dudek, Ronald W. High-Yield Histology, 3rd ed. (2004). ISBN 0-7817-4763-5
  • Gartner, Leslie P. e James L. Hiatt. Color Atlas of Histology, 3rd ed. (2000). ISBN 0-7817-3509-2
  • Gartner, Leslie P. e James L. Hiatt. Color Textbook of Histology (2001). ISBN 0-7216-8806-3

Véxase tamén

Ligazóns externas

  • BUHistology - 13607loa [1]