En anatomía humana, os uréteres son os tubos que conducen a urina desde os riles á vexiga urinaria. Teñen moitas fibras de músculo liso, e unha lonxitude no adulto duns 30 cm e ~3–4 mm de diámetro.
Nos humanos os uréteres nacen na pelve renal na zona medial de cada ril e descenden cara á vexiga apoiándose no músculo psoas maior. A primeira porción é abdominal e cando chega preto da bifurcación das arterias ilíacas, que cruza pola parte anterior, pasa á rexión da pelve menor. Os uréteres discorren posteroinferiormente polas paredes laterais da pelve e cúrvanse cara a adiante para entrar moi oblicuamente na vexiga pola súa parte posterior, na unión vesicouretérica, seguindo a parede da vexiga durante uns 2 cm. O fluído retrógrado da urina impídese pola existencia dunhas válvulas chamadas válvulas ureterovesicais. A luz do uréter non é uniforme; é máis estreita preto da pelve renal, na zona onde cruza as arterias ilíacas e na entrada da vexiga, zonas onde se poden aloxar cálculos renais.
Nas mulleres, os uréteres pasan a través do mesometrio (mesenterio do útero formado polo ligamento uterino) e baixo as arterias uterinas no seu camiño á vexiga urinaria.
Os uréteres tamén se encontran noutras especies de animais amniotas, pero nos anfibios e peixes hai outros condutos que desenvolven o mesmo labor.[1]
Histoloxía
Teñen un diámetro duns 3 mm e unha luz con forma xeralmente estrelada, xa que a súa mucosa ten moitos pregamentos, pero que se pode agrandar para deixar pasar a urina.
Da luz ao exterior a parede do uréter pode dividirse nas seguintes capas principais:
Mucosa constituída por un urotelio (epitelio de transición) con 4 ou 5 capas de células, máis grandes canto máis próximas á luz, cunha lámina basal, densa e elástica, que permite que o uréter sexa impermeable, e un tecido conectivo rico en fibras elásticas.
Capa muscular formada por fibras musculares lisas agrupadas en feixes separados e anastomosados circulares e lonxitudinais.
Adventicia, que forma unha vaíña fibrosa envolvente con moitos vasos sanguíneos e anastomoses.
Os cálculos renais poden desprazarse desde os riles e aloxarse nos uréteres, bloqueando o fluxo de urina, o que causa un forte cólico nefrítico con dor aguda abdominal (nas costas, partes laterais e inferior do abdome).[2] O ril afectado pode despois desenvolver hidronefrose, e inchar debido ao bloqueo do fluxo de urina.[3]
Hai tres zonas do uréter onde xeralmente quedan aloxados os cálculos renais:
A unión uretérica na pelve renal (onde o uréter se une á pelve renal).
A zona onde o uréter pasa sobre as arterias ilíacas para entrar na pelve.
A zona onde o uréter se une á vexiga (unión vesicouretérica).
O uréter pode lesionarse ás veces durante unha histerectomía (extracción do útero), preto do ligamento suspensorio do ovario ou na zona onde o uréter pasa por detrás da arteria uterina.[4]