Alicia no país das marabillas[1] ou As aventuras de Alicia no País das Marabillas[2] é unha obra literaria creada en 1865 polo matemático, diácono anglicano e escritor británico Charles Lutwidge Dodgson, baixo o pseudónimo Lewis Carroll. O conto explica a historia dunha rapaza chamada Alicia que cae por un buraco e atópase nun mundo de fantasía poblado por criaturas peculiares e antropomorfas.
O conto vén ateigado de alusións satíricas aos amigos do propio Carroll, á educación inglesa e a temas políticos de xacando. O País das marabillas descrito na historia está fundamentalmente creado a través do emprego lúdico da lóxica. Tanto foi así que a obra acadou popularidade nos máis variados ambientes, xa fose o dos cativos xa o dos matemáticos ou os intelectuais. Moitas veces se fala desta obra e do seu autor como referentes do posterior surrealismo así como das vangardas históricas do século XX.
Consérvanse unicamente 23 copias da primeira edición de 1865, das que 17 pertencen a distintas bibliotecas e as restantes fican en mans privadas. O libro ten unha segunda parte, moito menos coñecida, que leva por título Alicia do outro lado do espello (Through the looking-glass, and what Alice found there, de 1871).
A Alicia no País das Marabillas de Carroll ten inspirado filmes e adaptacións televisivas diversas. Nesta listaxe soamente se recollen as adaptacións directas da novela orixinal, non de traballos derivados desta. Aparecen co título orixinal.
Alice in Wonderland (1903, 1910, 1915) Filmes mudos.