Walldorf e unha cidade alemá situada a 10 km ao sur de Heidelberg, no distrito de Rhein-Neckar, no estado federal de Baden-Württemberg. Nela mestúranse as súas vellas rúas co sector máis moderno, sede de numerosas empresas de alta tecnoloxía.
Historia e características
Walldorf é probabelmente mellor coñecida hoxe en día xa que na cidade atópase a sede da maior compañía de software de Europa, a SAP, mais tamén é o lugar de nacemento do millonario John Jacob Astor, que no momento da súa morte era o home máis rico dos Estados Unidos. OS descendentes da familia Astor perpetuaron a versión americanizada da vila: Waldorf, nos nomes dos famosos hoteis Waldorf-Astoria e da ensalada Waldorf. É tamén orixe do nome Pedagoxía Waldorf, sistema educativo orixinado nas concepcións do filósofo e educador Rudolf Steiner.
A cidade tamén está nomeada, aínda que non co seu nome actual, na novela de John le CarréAmigos absolutos ("Absolute Friends"), gran parte da cal está ambientada en Heidelberg.
A cidade máis próxima, ao leste da cidade, é Wiesloch. Ambas cidades están fortemente ligadas economicamente. Outro municipios adxacentes son: Sandhausen, Leimen, Nußloch, St. Leon-Rot e Reilingen. O nome da estación de tren é Wiesloch-Walldorf, e está localizada entre as dúas cidades.
Historia
O asentamento foi nomeado por primeira vez en 770 como Waltorf. O Palatinado do Rin recibiu á cidade como feudo Imperial en 1230. Posteriormente sufriu moito durante a guerra dos Trinta Anos e foi completamente destruída en 1689. A zona foi asentada de novo por refuxiado relixiosos, entre eles os antepasados de John Jacob Astor, valdenses do Piemonte. En 1843 viu a construción do Rheintalbahn (liña férrea alemá), o que supuxo un gran pulo económico á zona. En 1901 o Gran Duque Federico I de Baden concedeu privilexios a Walldorf. Despois da segunda guerra mundial a creación da Heidelberger Druckmaschinen e da SAP convertérona nunha das cidades máis prósperas da Alemaña.