Oregón[1] é un estado dos Estados Unidos de América, situado ás beiras do océano Pacífico. Forma parte dos estados occidentais do país, deixando que o río Columbia debuxe gran parte da súa fronteira norte co estado de Washington. Do mesmo xeito, o río Snake delimita a súa fronteira co estado de Idaho ao leste, mentres que o paralelo 42o N define a súa fronteira meridional, lindando cos estados de California e Nevada.
Oregón foi o fogar de moitas nacións indíxenas durante miles de anos. Os primeiros comerciantes, exploradores e colonos europeos comezaron a explorar o que hoxe é a costa do Pacífico de Oregón a principios e mediados do século XVI. Xa en 1564, os españois empezaron a enviar barcos dende o nordeste das Filipinas, sucando a corrente de Kuroshio nuha ampla ruta circular polo norte do océano Pacífico. En 1592, Juan de Fuca emprendeu unha cartografía detallada e estudos das correntes oceánicas do noroeste do Pacífico, incluída a costa de Oregón, así como do estreito que leva agora o seu nome. As naves españolas non adoitaban desembarcar antes de chegar ao cabo Mendocino, en California, mais outros desembarcaban ou naufragaban nas costas de Oregón. Os relatos da tribo dos Nehalem falan de estraños e do descrubimento de obxectos, como anacos de cera de abella e dun vaso de prata con tapa, probablemente relacionados co naufraxio do San Francisco Xavier, en 1707.[2]