Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.
O sulfuro de hidróxeno é un gas, máis denso que o aire, de fórmula H2S, incoloro, inflamábel, tóxico, odorífero (o seu olor é o de materia orgánica en descomposición, como de ovos podres).
A pesar disto, no organismo humano desempeña funcións esenciais.
O sulfuro de hidróxeno denomínase tamén ácido sulfhídrico,[7] porque, cando está en solución acuosa, (H2Saq), é un hidrácido.
Na nomenclatura química a desinencia-uro corresponde aos haluros, é dicir aos sales que non conteñen oxíxeno. Posto que un sal "é un composto iónico formado por un catión distinto de H+ e un anión distinto de OH— ou O2—: ácido + base --> sal + auga",[8] a expresión «sulfuro de hidróxeno» resulta estraña, pois implica que o hidróxeno se substitúe a si mesmo.
Para evitarmos esta incongruencia na súa denominación, o H2S poedería considerarse como a solución acuosa (aq na fórmula), é dicir ácido sulfhídrico.
A súa reacción con bases fortes xera sales: os sulfuros.
Tamén pode existir en augas pantanosas, lagoas ou en augas estancadas, desaugamentos, estanques de fábricas de fariña ou de aceite de peixe, en barcos pesqueiros e en sumidoiros de augas residuais.
Téñense producido mortes en lagos ou lagoas estancadas cando o ácido sulfhídrico burbulla desde as profundidades e alcanza a persoas na superficie. Como este ácido é máis denso que o aire xéranse fraccionamentos por diferenzas de densidade. Xeralmente débese á descomposición anaerobia de restos orgánicos. Así mesmo, xérase en refinarías de petróleo.
O ácido sulfhídrico é un dos compostos destacados como causantes de molestias por malos olores. Por isto desenvolvéronse diversos procesos de desodorización que o eliminan de correntes contaminadas. Exemplos: os tratamentos de gas con aminas na industria e a utilización de nitrato cálcico en augas residuais.
É extremadamente nocivo para a saúde. Bastan 20-50 partes por millón (ppm) no aire para causar un malestar agudo que comporta á asfixia e á morte por sobreexposición. Polo seu grao de toxicidade, está directamente debaixo do ácido cianhídrico (HCN).
É habitual que traballadores do sector portuario sexan afectados con resultados fatais cando entran en adegas que transportaron produtos derivados da pesca. Neste caso, o ácido sulfhídrico provén de proteínas sulfuradas que se degradan e liberan o ácido mencionado.