Ruby Keeler
Ethel Hilda Keeler,[1] nada en Dartmouth (Nova Escocia) o 25 de agosto de 1909 e finada en Rancho Mirage (California) o 28 de febreiro de 1993, foi unha actriz, cantante e bailarina estadounidense-canadense coñecida como Ruby Keeler, célebre principalmente por formar parella na pantalla con Dick Powell nunha serie de musicais de éxito da Warner Bros. TraxectoriaO pai de Keeler era camioneiro, e cando ela tiña tres anos, a súa familia trasladouse a Nova York para mellorar a súa situación económica.[2] Porén, ao ter seis fillos a situación non mellorou demasiado, polo que aínda que Keeler estaba interesada en aprender danza, a súa familia non puido pagar as clases. Keeler estudou na escola parroquial de St. Catherine of Siena, no East Side de Nova York, e unha vez por semana recibiu clases de baile nese centro. O seu profesor viu o potencial de Keeler e falou coa súa nai para conseguir a autorización para que Ruby tomase leccións no seu estudio.[3] Aínda que a nai se negou alegando falla de cartos, o profesor insistiu e conseguiu darlle unha lección semanal todos os sábados. Durante as clases, unha compañeira faloulle sobre unhas probas para formar parte dun coro feminino. Ruby só tiña trece anos e a lei obrigaba a ter dezaseis para poder traballar, mais mentiu sobre a súa idade na proba.[3] Era unha proba de claqué dirixida por Julian Mitchell (Ruby Keeler foi unha das primeiras estrelas do claqué no cinema, cun estilo baseado no baile típico irlandés). Tras diversas vicisitudes, conseguiu traballar na obra The Rise of Rosie O'Reilly (1923), de George M. Cohan, coa que tivo ganancias de 45 dólares por semana. Só tiña catorce anos cando comezou a traballar no club El Fay propiedade de Texas Guinan, unha taberna frecuentada por gánsters.[4][2] Foi descuberta polo produtor de Broadway Charles B. Dillingham, que lle deu un papel en Bye Bye Bonnie, obra que se representou durante seis meses. Despois traballou en Lucky e The Sidewalks of New York, tamén producidas por Dillingham. Nesta última obra viuna Florenz Ziegfeld,[5] que a fixo actuar na comedia musical Whoopee!, en 1928. Antes diso casou co famoso cantante Al Jolson.[6] Coñecéranse nos Ánxeles, onde ela se atopaba participando na campaña publicitaria de The Jazz Singer. O seu encontro foi breve, mais Jolson namorouse dela. Tras un breve noivado casaron en Pittsburgh o 21 de setembro de 1928, mentres ela estaba de xira representando Whoopee!.[7][8] Había unha gran diferenza de idade, xa que ela tiña 19 anos e el 42,[9] e o matrimonio foi difícil. Trasladáronse a California, co que ela se afastou do primeiro plano. En 1929, apremado por Ziegfeld, Jolson accedeu a que ela viaxase a Nova York para traballar no musical Show Girl. En 1933, o produtor Darryl F. Zanuck escolleu a Keeler para o filme musical de Warner Bros. 42nd Street, en que actuou xunto a Dick Powell e Bebe Daniels. O filme foi un grande éxito grazas á innovadora e luxosa coreografía de Busby Berkeley. Como resultado da súa actuación en 42nd Street, Jack Warner deu a Keeler un contrato, co que puido traballar en éxitos tales como Gold Diggers of 1933 e Dames (1934). Tras diversos problemas matrimoniais, Keeler e Jolson divorciáronse en 1940. Keeler volveu casar en 1941, con John Homer Lowe. Non lle interesaba ser unha estrela cinematográfica, polo que, feliz co seu segundo matrimonio, Keeler deixou o mundo do espectáculo en 1941, e dedicouse á crianza dos seus cinco fillos. Lowe faleceu por mor dun cancro en 1969. En 1970, Keeler volveu do seu retiro para brillar na reposición do éxito de Broadway No, No, Nanette, xunto a Helen Gallagher e Patsy Kelly.[10][11] A produción foi dirixida polo director de 42nd Street, Busby Berkeley. A gran popularidade da obra supuxo un renovado interese polos anos vinte e trinta, particularmente a Art déco, o claqué e as cancións da época da Gran Depresión. Ruby Keeler faleceu por cancro en Rancho Mirage, California,[12] e foi enterrada no Cemiterio Holy Sepulcher en Orange, California. Ten unha estrela no Paseo da Fama de Hollywood, no 6730 de Hollywood Boulevard. Filmografía
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
|