O Art déco foi un movemento de deseño popular a partir de 1920 ata 1939 (cuxa influencia espallouse ata a década de 1950 nalgúns países), afectando ás artes decorativas tales coma a arquitectura, deseño interior, e deseño gráfico e industrial, tamén ás artes visuais tales como a moda, pintura, gravado, escultura e cinematografía.
Logo da Exposición Universal de 1900 de París, varios artistas franceses (como Hector Guimard, Eugène Grasset, Raoul Lachenal, Paul Follot, Maurice Dufrene e Emile Decour) formaron un colectivo formal adicado ás artes decorativas de vangarda. En 1925 organizan a Exposition Internationale des Arts Décoratifs et Industriels Modernes en París, estes artistas chamáronse a si mesmos os modernos. En realidade, o termo Art Déco foi acuñado na retrospectiva titulada "Les Annés 25" levada a cabo en París no Musée des Arts Décoratifs do 3 de marzo ao 16 de maio de 1966.[1]
Morfoloxía e tecnoloxía
Este movemento é, nun sentido, unha mestura de moitos estilos e movementos diversos dos comezos do século XX, e ao contrario do Art Nouveau inspírase nas Primeiras Vangardas. As influencias proveñen do Construtivismo, Cubismo, Futurismo, do propio Art Nouveau do que evoluciona, e tamén do estilo racionalista da escola Bauhaus. Os progresivos descubrimentos arqueolóxicos no Antigo Exipto marcaron así mesmo o seu selo en certas liñas duras e a solidez das formas do Art Decó, afín á monumentalidade e elementos de forte presenza nas súas composicións.
Como estilo da idade da máquina, empregou as innovacións dos tempos para as súas formas: as liñas aerodinámicas produto da aviación moderna, iluminación eléctrica, a radio, o revestimento mariño e os rañaceos. Estas influencias do deseño foron expresadas en formas fraccionadas, cristalinas, con presenza de bloques cubistas ou rectángulos e o uso da simetría. A cor nútrese das experiencias do Fauvismo. Trapezoides, facetamentos, zigzags; e unha importante xeometrización das formas son comúns ao Déco.
Correspondendo ás súas influencias maquinistas, o Déco caracterízase tamén polos materiais que prefire e usa, tales como aluminio, aceiro inoxidable, laca, madeira embutida, pel de quenlla (shagreen), e pel de cebra. O uso de tipografía en letra grosa, sans-serif ou pau seco, o facetado e a liña recta ou crebada ou greca (oposto ás curvas sinuosas e naturalistas do Art Nouveau), os patróns do galón (chevrón), e o adorno en forma de sunburst son típicos do Art Déco. Certos patróns de ornamento víronse en aplicacións ben disímiles, dende deseño de zapatos para señoras, a grellas de radiadores, deseño de interiores para teatros, e rañaceos como o Chrysler Building.
Socioloxía
O Déco acadou o seu apoxeo nos anos 1920. Aínda que moitos movementos do deseño teñan raíces ou intencións políticas ou filosóficas, o Art Déco era case puramente decorativo, polo que se considerou un estilo burgués. Malia o eclecticismo das súas influencias formais e estilísticas, o Déco é sólido e posúe unha clara identidade de seu. Non se trata dun historicismo nin dun anacronismo; é fiel á súa época e deixa entrever a noción futurista da Revolución Industrial. A súa significación vira en torno ao progreso, o ordenamento, a cidade e o urbano, a maquinaria. Elegante, funcional, e modernista, o Art Déco foi un avance fronte ao Art Noveau, esta vez, exitoso en xerar un novo repertorio de formas acordes coa problemática e imaxinería do seu tempo.
O Art Déco era un estilo opulento, e a súa esaxeración atribúese a unha reacción contra a austeridade forzada, produto da primeira guerra mundial. En simultáneo a unha crecente depresión económica e á pantasma do achegamento da segunda guerra mundial, había un desexo intenso polo escapismo. A xente gozou dos praceres da vida e do Art Déco durante a 'idade do jazz'.
Decadencia
O movemento perde patrocinio nas metrópoles europeas e americanas moito despois de acadar unha introdución masiva; no intre de ser empregado para representar falsas pretensións de luxo. Finalmente, o estilo cae en decadencia, dadas as austeridades impostas pola segunda guerra mundial.
Un rexurdimento do interese no Déco veu dende as exploracións do deseño gráfico nos anos 1980. A súa asociación co "filme noir" en cinematografía e o encanto do glamour dos anos 1930 propiciou o seu reemprego a finais da década de 1930 en pezas publicitarias para xoiería e o mundo da moda e na decoración de hoteis como o Hotel Fairmont da Cidade de México.
Cine
A estética Art Decó influíu nas artes cinematográficas de comezos do século XX. Un exemplo diso é o filme Metropolis de 1927 de Fritz Lang, o cal conta con rechamantes escenografías, inspiradas na chamada Escola de Chicago de arquitectura para as tomas da cidade, ademais dos decorados da cidade subterránea, o robot (personaxe na película, que é unha metáfora da mecanización da humanidade) é considerado como unha das imaxes máis recoñecibles do Art Decó.