A Real Casa da Moeda do Canadá (en inglés: Royal Canadian Mint; en francés: Monnaie royale canadienne) é unha compañíacanadense de titularidade estatal e propiedade da Coroa, establecida en 1908 e que opera baixo a Lei da Ceca Real Canadense, de 1985,[2][3] que se encarga da produción de todas as moedas de curso legal no Canadá e tamén para outros estados.[4]
Aínda que é de titularidade pública, a compañía ten o mandato de operar "en previsión de ganancias", ou sexa, con criterios comerciais e sen depender do apoio dos contribuíntes para financiar as súas operación.[7]
Tradicionalmente, o presidente da Real Casa da Moeda do Canadá coñécese co título de Master of the Mint ("Mestre da Ceca"), consonte a tradición británica. En 2018 tomou posesión como presidenta Marie Lemay, que dirixe un consello de administración que debe render contas ante o Ministerio de Facenda.[8]
A compañía foi nomeada unha das "100 mellores empresas do Canadá" por Mediacorp Canada Inc., entre 2007 e 2010.[9]
En abril de 2012, a ceca canadense anunciou que estaba a desenvolver unha criptomoeda denominada MintChip, para facilitar as transaccións anónimas co apoio do Goberno do Canadá.[10] Finalmente, abandonou o proxecto e transferiullo a unha entidade privada.[11]
Historia
A Real Casa da Moeda do Canadá divide as súas instalacións en dúas sedes, unha situada na capital, Otava, onde actualmente se cuña a maioría das series de moedas conmemorativas e de colección, e outra en Winnipeg, Manitoba, que centra as súas operacións na moeda circulante no país.[12][13]
As orixes: sede de Otava
Durante os primeiros cincuenta anos de moeda canadense (os centavos destinados a circular na Provincia do Canadá emitíronse por vez primeira en 1858), as moedas cuñáronse maioritariamente na Royal Mint, a ceca real de Londres e, en menor medida, na ceca privada de Heaton en Birmingham, Inglaterra. Á medida que o Canadá foi emerxendo como unha nación con dereito propio, apareceu tamén a súa necesidade de dotarse dunha moeda nacional. Como resultado, autorizouse a construción dunha sucursal da Royal Mint en Otava en 1901, logo de ser proposta por primeira vez en 1890.[7][14][15]
Durante unha breve cerimonia, o entón Gobernador Xeral do Canadá, Lord Grey e a súa esposa activaron as presas daquela primeira casa de moeda canadense o 2 de xaneiro de 1908, o que supuña a inauguración oficial da sucursal da Royal Mint en Otava.[16] As instalacións comezaron a funcionar con 61 empregados.[17] Tres anos despois, a ceca comezou a refinar o ouro por electrólise no seu departamento de ensaios, aínda que este método resultou ser demasiado lento e, en 1915, a Casa da Moeda introduciu un novo proceso de cloración desenvolvido en Australia para reducir os tempos de procesamento e aumentar a capacidade de refinaxe de ouro. Desde entón, a refinaría da ceca sufriu diversos cambios e o proceso de hoxe se utiliza é unha combinación de cloración e electrólise.[7]
Foi durante a Gran Depresión cando a ceca de Otava negociou a súa independencia con respecto á ceca real británica. En 1931, a Casa da Moeda de Otava pasou a denominarse Real Casa da Moeda do Canadá (Royal Canadian Mint) e comezou a render contas unicamente ao Ministerio de Facenda do país. No entanto, a ceca continuaba a confiar na Royal Mint a produción das matrices utilizadas para a fabricación dos cuños. En 1969, o Goberno canadense reorganizou a institución, que se converteu nunha "corporación da Coroa" sen dependencia do Ministerio de facenda, senón como unha compañía co seu propio consello de administración e capacidade de decisión autónoma.[7]
En 1979, o edificio da Real Casa da Moeda en Otava foi designado como Sitio Histórico Nacional, por representar o interese do Goberno polo uso do estilo arquitectónico "góticoTudor" como distintivo da identidade da capital canadense, e tamén para valorizar o control do Canadá sobre a súa propia moeda.[7][18]
Nestas instalacións prodúcense as moedas conmemorativas e para o coleccionismo e as medallas, así como os lingotes e as barras para o comercio con metais preciosos. Ademais, fabrícanse tamén todas as matrices e os cuños para a cuñaxe tanto das moedas conmemorativas como das regulares destinadas á circulación. As refinarías de ouro e de prata e os laboratorios de ensaio están tamén nas instalacións de Otava, así como un equipo de enxeñaría avanzada para o desenvolvemento de proxectos de I+D+i.[7]
O derradeiro membro supervivente do primeiro cadro de persoal da ceca de Otava foi Owen Toller, quen comezou como traballador non cualificado e se retirou como oficial administrativo, logo de 45 anos de dedicación, o 6 de xaneiro de 1953.[17] Toller finou en 1987 aos 102 anos.
A sede de Winnipeg
En novembro de 1960, o director da Real Casa da Moeda, N. A. Parker, informou o Ministro de Facenda acerca da necesidade dunhas novas instalacións, xa que as existentes estaban ao 100 % da súa capacidade. De feito, xa se estaban a producir na Casa da Moeda de Filadelfia, nos Estados Unidos, grandes cantidades de moedas de dez centavos, e tamén se subcontrataba a cuñaxe dalgunhas moedas conmemorativas. En 1963 e 1964, o Goberno considerou a posibilidade de construír unhas novas instalacións que puidesen estar operativas no prazo de dous anos, e o primeiro ministroLester B. Pearson suxeriu a súa localización en Elliot Lake, Ontario. O executivo seguinte, dirixido por Pierre Trudeau, decidiu descentralizar moitos servizos e, como resultado das reclamacións feitas pola provincia de Manitoba pola súa perda de instalacións militares, en febreiro de 1970 propúxose situar alí, na cidade de Winnipeg, a nova sucursal da Casa da Moeda. Finalmente, a decisión tomouse en decembro de 1971; os terreos adquiríronse en 1972 e a construción comezou a finais dese mesmo ano.[7]
O edificio de Winnipeg ten unha aparencia moi diferente ao de Otava. O arquitecto Étienne Gaboury deseñou un rechamante edificio triangular que se ergue no medio dunha pradaría. A súa inauguración en 1976 permitiu reorganizar o labor da Real Casa da Moeda do Canadá, de maneira que a sede de Otava se especializou na cuñaxe de moedas de colección e de investimento, en tanto que a nova sede de Winnipeg se dedicou á subministración de moeda circulante tanto ao Canadá como a outros países.[7]
A Real Casa da Moeda do Canadá é unha corporación da Coroa e opera ao abeiro da Lei da Casa da Moeda.[3] Ao servir ao interese público, este tipo de institucións ten unha autonomía administrativa superior á doutras institucións gobernamentais, o que lle favorece que poida operar de maneira comercial. Do mesmo xeito que as compañías do sector privado, a Casa da Moeda ten un consello de administración, composto por un presidente, un director xerente e oito directores de área. Tradicionalmente, o director xerente da compañía coñécese como Master of the Mint ("mestre de ceca").[8][21]
Directores da RCMC
Esta é unha listaxe dos directores xerentes da Real Casa da Moeda do Canadá desde a súa fundación:[7]
O departamento gobernamental responsable da Real Casa da Moeda é o Departamento de Facenda. A compañía organízase arredor de catro liñas de negocio: servizo de metais preciosos e refinaría, moedas circulantes do Canadá, negocios co estranxeiro e numismática.[22]
As misións principais da Real Casa da Moeda do Canadá son o abastecemento e a distribución de moeda para a súa circulación no Canadá, así como a asesoría ao Ministerio de facenda en todos os asuntos relacionados coa moeda. O artigo 7 da Lei da real Casa da Moeda indica que é a única entidade autorizada para a cuñaxe de moeda de curso legal, que no Canadá se compón dos valores de 5, 10, 25 e 50 centavos, e de 1 e 2 dólares.[3][37] Nos anversos de todas elas aparece o busto dos reis do Reino Unido, na súa condición de xefes de Estado do Canadá.[38]
Todas as moedas circulantes no Canadá cúñanse utilizando unha tecnoloxía de aceiro multicapa patentada pola propia empresa, as que teñen o valor facial expresado en centavos (cents) desde 2000 e as de 1 e 2 dólares a partir do 10 de abril de 2012.[39]
En marzo de 2012 o Goberno canadense decidiu o cesamento da produción de moedas dun centavo (coñecidas como pennies). A derradeira moeda deste valor foi cuñada na planta de Winnipeg o 4 de maio dese ano.[40][41]
Moedas circulantes doutros países
Moitos países recorreron á Real Casa da Moeda do Canadá para a fabricacación tanto das súas moedas de curso legal como de emisións conmemorativas ou de colección. Os clientes estranxeiros da Real Casa da Moeda do Canadá son gobernos, bancos centrais e departamentos do tesouro. En ocasións, encárgaselle unicamente a elaboración dos discos metálicos sobre os que posteriormente se realiza a cuñaxe en casas de moeda doutros países.[20] En 1970, o director da ceca, Gordon Ward Hunter, deulle un pulo á división de moeda circulante estranxeira que deu como resultado, entre outros, un importante contrato con Singapur e para a produción de seis millóns de pezas nunha aliaxe de cuproníquel.[42] Este foi o primeiro contrato internacional desde o que se asinara en 1937 coa República Dominicana para a cuñaxe de cinco millóns de pezas divisionarias.[43] O segundo contrato desta nova etapa foi, tamén en 1970, co Banco Central do Brasil, para a produción de 84 millóns de discos para as moedas de 50 centavos.[44][45][46]
En 1971, a República Democrática Popular do Iemen encargou dous millóns de pezas divisionarias de cinco fils e Islandia contratou a cuñaxe de dous millóns e medio de moedas dunha coroa.[47] Nese mesmo ano, o Banco de Xamaica contratou coa RCM a produción dunha moeda conmemorativa de dez dólares de prata e outra de vinte dólares de ouro, e Venezuela encargou cen millóns de moedas de cinco e dez centavos.[48] Tamén se cuñaron outras moedas para Bahamas, Bermuda, as Illas Caimán, Irán e a illa de Man. En 1973, as encargas estranxeiras totalizaron os 65 millóns de moedas e 70 millóns de discos para cuñar, e en 1974 a planta de Otava (daquela a única existente) estableceu o récord de 1.200 millóns de moedas cuñadas, entre as canadenses e as estranxeiras.[45][49]
Unha boa parte do rendemento da segunda planta fabril da RCMC, establecida en Winnipeg, débese precisamente á produción de moedas para outros países. É salientable a cuñaxe, en 1981, de 50 millóns das populares pezas de 20 centavos de Australia co ornitorrinco nos seus reversos. O seu negocio completouse nos anos seguintes con contratacións de estados como Cuba, Noruega, Iemen, Colombia, Islandia, Indonesia, Tailandia, Hong Kong, Barbados ou Uganda.[45]
En 2005, a Real Casa da Moeda do Canadá asinou un contrato por valor de 1,2 millóns de dólares para a cuñaxe de 50 millóns de moedas con valores de 5, 10 e 20 toea para Papúa Nova Guinea, e en 2008 estableceu un novo contrato con ese país para moedas de 50 toea en cores.[50][51] En 2006, a ceca canadense subministrou 230 millóns de moedas divisionarias ao Banco de Reserva de Nova Zelandia, con valores de 10, 20 e 50 centavos, cuñadas nun diámetro inferior ao das series dos anos anteriores, aproveitando a nova tecnoloxía de recubrimento multicapa desenvolvido na planta de Winnipeg.[45][52]
A ceca canadense produce para outros países moedas circulantes e de colección, discos para seren cuñados, medallas e fichas comerciais.[53] Tamén ofrece matrices, cuños, punzóns e calquera ferramenta necesaria para a cuñaxe, así como rolos e envoltorios para a empaquetaxe das moedas cuñadas. A ceca ten capacidade para producir 2.000 millóns de moedas e discos destinados á exportación.[20]
Refinaría e produtos de metais preciosos
A Real Casa da Moeda do Canadá ten unha liña de produtos destinados ao mercado do investimento en metais preciosos, composta por moedas, placas, lingotes e barras de ouro, prata, platino e paladio de grande pureza, así como grans de prata e de ouro destinados á industria xoieira e a outras aplicacións industriais.[54][55]
A compañía tamén ofrece, a clientes tanto canadenses como estranxeiros, servizos de procesamento de ouro e de prata, que inclúen a refinaxe, o ensaio e o almacenamento de seguridade.[56] A refinaxe na ceca faise sobre metais preciosos procedentes de diversas fontes, como a produción primaria, a industria, a reciclaxe e institucións financeiras.[55] A refinaría da RCMC refina o ouro bruto a ouro dunha pureza de 995 milésimas a través do proceso de cloración Miller, ou ben de 999 milésimas utilizando o proceso denominado Wohlvill, vertendo o metal en ánodos para a súa purificación electrolítica.[7][57]
En maio de 2007, a ceca produciu as súas primeiras moedas de investimento en ouro dunha pureza de 999 milésimas, correspondentes á serie coñecida como Maple Leaf ("folla de pradairo"), co peso dunha onza troy (31 g).[58] Produciuse tamén unha verssión desas moedas cun peso de 100 kg de ouro de 999 milésimas e valor facial dun millón de dólares, inicialmente con fins promocionais, aínda que posteriormente decidiuse fabricala baixo demanda ao presentárense compradores interesados.[16][54][59]
Moedas de colección e medallas
A Real Casa da Moeda do Canadá cuña moedas de colección e produtos relacionados destinados aos coleccionistas de moedas canadenses e do resto do mundo. Varias destas moedas recibiron premios internacionais da industria e, en 2010, a ceca vendeu todos os exemplares cuñados das 25 moedas de colección emitidas nese ano.
Estas moedas están feitas con metais tanto básicos como preciosos e producidas con innovacións tecnolóxicas como os hologramas, o esmaltado, o láser ou a incrustación de cristais, para as facer máis atractivas. A produción de medallas e de fichas comerciais encádrase tamén nesta liña de negocio da compañía.[53]
A ceca fabrica tamén unha gran variedade de condecoracións militares para o Ministerio de Defensa, entre elas a Medalla do Sacrificio, a condecoración e o broche das Forzas Canadenses, a Estrela da Campaña Xeral, a condecoración da Forza de Asistencia de Seguridade Internacional, as medallas de Servizo Xeral e de Servizo Especial, e a cruz Canadian Victoria. Outras condecoracións son as dedicadas aos veteranos e as medallas á antigüidade da Policía Montada do Canadá, e a outras institucións do Estado.[60][61]
Outras medallas deportivas deseñadas e producidas pola ceca canadense foron os 4.283 exemplares para os Xogos Panamericanos e Parapanamericanos de Toronto de 2015.[64]
Premios acadados
Esta é unha listaxe dos premios acadados polas moedas producidas na Real Casa da Moeda do Canadá nos últimos anos:[65]