Raphael Augusto Prostes Bordallo Pinheiro, coñecido como Rafael Bordalo Pinheiro, nado en Lisboa en 1846 e finado en 1905, foi un xornalista, pintor, caricaturista e escultor de cerámica, creador dun estilo artístico popular, que difundía a través de litografías e cerámicas, para o que fundara en 1855 unha fábrica en Caldas da Rainha (“louça de Caldas”), cerámica logo imitada en ducias de centros do país.
Deseñou a popular figura do “Zé Povinho”, trasunto do pobo portugués. O seu nome está moi ligado á caricatura portuguesa, á que lle deu un grande impulso, e á banda deseñada, sendo un dos primeiros artistas en introducila en Portugal. Entre os seus irmáns estaba o pintor Columbano Bordalo Pinheiro.
O Museu Raphael Bordallo Pinheiro, en Lisboa reúne unha parte importante da súa obra.
Biografía
Nado nunha familia de artistas, axiña gañou o gusto polas artes. En 1860 matriculouse no Conservatorio e despois na Academia de Belas Artes (debuxo e arquitectura), no Curso Superior de Letras e na Escola Superior de Arte Dramática. Debutou no Theatre Garrett aínda que nunca fixo unha carreira como actor.
Comezou intentando gañar a vida como artista visual con composicións realistas, levando as súas obras en 1868 á exposición da Sociedade Promotora de Belas-Artes, onde presentou oito acuarelas inspiradas en costumes e tipos populares de cores brillantes. En 1871 recibiu un premio na Exposición Internacional de Madrid. Ao mesmo tempo, desenvolve a súa faceta de caricaturista, ilustrador e decorador.
Faleceu o 23 de xaneiro de 1905 en Lisboa, na Casa do Ferreira das Tabuletas nº 32 da rúa da Abegoaria (hoxe Largo Rafael Bordalo Pinheiro), onde se atopa agora Tapas n'Friends Trindade, en Chiado, en Lisboa. Houbo un funeral católico, ao que asistiron destacados políticos. A oración do médico António José de Almeida foi, segundo José-Augusto França, o maior recoñecemento público que tiña dado a un artista plástico en Portugal.[2]
Dotado dun gran sentido do humor pero tamén dunha moi atinada crítica social, caricaturizou a todas as personalidades importantes da política, da Igrexa e da cultura da sociedade portuguesa. A pesar das críticas de moitos dos seus debuxos, as súas características persoais e artísticas non tardaron en gañarse a admiración e respecto público que se manifestaron nunha gran cea na súa honra celebrada na sala do Teatro Nacional D. Maria II, en xuño de 1903 que, dun xeito inédito, reuniu na mesma mesa practicamente todas as figuras que tiña caricaturizado.
Na súa figura máis popular, Zé Povinho, conseguiu proxectar a imaxe do pobo portugués dun xeito sinxelo pero ao mesmo tempo fabuloso, dándolle cara ao país. Zé Povinho segue a ser retratado até hoxe e empregado por varios caricaturistas para revelar de forma humorística a podremia da sociedade.
Tamén se fixo "oír" coas súas caricaturas da caída da monarquía e atribúeselle a ilustración que fai referencia a Chiquinha Gonzaga na portada da partitura da polca Atraente.
Ceramista
Dirixiu o sector artístico da Fábrica de Faianças das Caldas da Rainha en 1884, dedicouse á elaboración de pezas cerámicas como vaixelas ornamentais, pezas de prata, azulexos, paneis, frisos, placas decorativas, macetas, piletas, centros de mesa, bustos, marcos, caixas, broches, etc.
Xunto ás esculturas que modelou para as capelas de Buçaco que representan cincuenta e dúas figuras da Vía Sacra, Bordalo centrouse principalmente nas que máis agradeceu: Zé Povinho representado en varias actitudes, María Paciencia, a mamuda enfermeira de Caldas, o policía, o cura tomando rapé e o sancristán co incensario nas mans, e moitas outras figuras humorísticas do seu repertorio.
Aínda que economicamente, a fábrica resultou ser un fracaso, o seu traballo acadou diversos premios: medalla de ouro na Exposición Colombiana de Madrid en 1892, en Anveres (1894), de novo en Madrid (1895), en París (1900), e nos Estados Unidos, en St. Louis (1904).
Xornalista
Lanzou numerosas publicacións nas que colaboraron escritores como Guilherme de Azevedo, Guerra Junqueiro, Ramalho Ortigão, João Chagas, Marcelino Mesquita e moitos outros. Traballou tamén no Brasil onde lle ofreceron un cheque por calar a historia dun ministro conservador metido a contrabandista. Cando percibiu que a súa vida corría perigo, regresou a Portugal, deixando publicado unha alegación contra a censura.
Home de teatro
Con 14 anos de idade, integrado nun grupo de amadores, pisou como actor o palco do teatro Garrett. A pesar de que a súa carreira non se encamiñou para ser actor, selou unha relación coa arte dramática que nunca abandonou.
Esporadicamente deseñou figurinos e escenarios, era espectador habitual e trasladaba semana a semana o que vía e sentía, graficamente, nos xornais que dirixía. O material iconográfico legado por Raphael Bordallo-Pinheiro adquire, neste contexto, unha grande importancia como cronista do teatro en Portugal naquelas décadas.