O quíntuplo soberano é unha moeda de ourobritánica co valor de cinco soberanos ou, o que é o mesmo, cinco libras esterlinas. Cuñouse de xeito intermitente desde 1820, aínda que como moeda destinada á circulación só en 1887, 1893 e 1902.
Malia non se ter iniciado a súa produción ata 1820, a peza de cinco libras foi unha das autorizadas orixinalmente no proceso de reforma monetaria coñecido como a Gran Recuñaxe de 1816. Con todo, esa primeira emisión de 1820 foi só a modo de proba e a súa tiraxe limitouse a pouco máis de dúas ducias de exemplares. A súa cuñaxe retomouse en moi pequenas cantidades en 1826, en 1829 e en 1839, esta última coa apreciada representación de Una and the Lion (galego: "Una e o león") de William Wyon, para conmemorar o ascenso ao trono da raíña Vitoria (1837-1901). Aínda que esta moeda estivo á venda durante case medio século na Royal Mint, crese que só se cuñaron 400 unidades.
En 1887, o quíntuplo soberano cuñouse por primeira vez para a súa posta en circulación ordinaria, e o mesmo sucedeu coas emisións de 1893 e 1902, aínda que en realidade foron poucos os exemplares que chegaron a circular. Os exemplares cuñados en 1911 só estiveron dispoñibles para a súa adquisición na Royal Mint como parte dun xogo de probas emitidas para os coleccionistas. Pola súa parte, os dous únicos exemplares cuñados como proba en preparación dunha futura emisión de Eduardo VIII (1936-1936) que non chegou a producirse, constitúen a maior rareza da serie do quíntuplo soberano: un deles vendeuse en 2021 por 1.654.000 libras esterlinas, o prezo máis alto pagado por unha moeda británica.
Aínda que practicamente toda a emisión do quíntuplo soberano se levou a cabo na Royal Mint, de Londres, en 1887 cuñouse tamén unha limitadísima tiraxe de tres exemplares en Australia, na Sydney Mint, para conmemorar o 50 aniversario do reinado da raíña Vitoria. En 1902, en Sydney realizouse unha nova cuñaxe de tres exemplares para conmemorar a coroación de Eduardo VII (1901-1910).
A partir de 1980, logo da decimalización do sistema monetario británico, a moeda de ouro de cinco libras continuou a cuñarse na ceca londiniense en diferentes ocasións para a súa venda a coleccionistas e como moeda de investimento. Aínda que xeralmente presenta o coñecido deseño de Pistrucci, emitíronse tamén versións conmemorativas, como en 2022, en memoria da morte de Isabel II (1952-1922), xa co busto do seu fillo e sucesor, Carlos III.
O precedente do quíntuplo soberano é a moeda de ouro de cinco guineas, que empezou a cuñarse en 1668, daquela coa equivalencia cen xilins, que naquel momento coincidía con cinco libras, polo que recibía tamén adoito esta denominación. Mais posteriormente o valor da guinea comezou a flutuar, ata se colocar en vinte e un xilins en 1717. Segundo Richard Lobel, no seu catálogo das moedas de Inglaterra e do Reino Unido, algúns autores sosteñen que a peza de cinco libras emitida con posterioridade á Gran Recuñaxe de 1816 constitúe simplemente unha continuación da anterior guinea, cuñada por derradeira vez en 1753. Con todo, Lobel separa as dúas series no seu catálogo.[2]
Logo das guerras napoleónicas, o Parlamento británico, mediante a Lei da Moeda de 1816, situou oficialmente a Gran Bretaña no padrón ouro ao definir a libra como unha cantidade determinada dese metal. Case todos os parlamentarios se amosaron partidarios de ter no sistema monetario unha moeda co valor de vinte xilins, no canto de seguir utilizando a vella guinea.[3] Unha das razóns para a introdución da cuñaxe de moedas de ouro baseadas no soberano era que o seu valor, equivalente a unha libra esterlina, era máis conveniente que o da guinea de vinte e un xilins.[4] Non obstante, a Lei da Moeda non especificaba que moedas debía cuñar a Casa da Moeda.[5]
Un comité do Consello Privado do Reino Unido recomendou que se emitisen moedas de ouro de dez xilins, de vinte xilins, de dúas libras e de cinco libras, e este ditame foi asumido por Xurxo IV, daquela príncipe rexente, o 3 de agosto de 1816.[6] Neste novo sistema, a peza de vinte xilins (unha libra) denominouse "soberano", recuperando a denominación dunha anterior moeda de ouro inglesa do século XV, probablemente pola presión dos anticuarios con intereses numismáticos.[7]
O soberano e o medio soberano emitíronse por primeira vez xa en 1817, mais nun principio non se cuñaron as dúas moedas meirandes.[8] Desde 1754 non se emitiran moedas de valor superior ao dunha guinea destinadas á circulación xeral, xa que a necesidade de moedas de maior valor se cubrira coa emisión de papel moeda.[9]
O deseño de San Xurxo e o dragón foi suxerido como motivo apropiado para o soberano polo seu creador, o escultor italiano afincado en Londres Benedetto Pistrucci, baseándose nun camafeo que el tallara con anterioridade.[10]
Primeiras emisións (1760-1830)
Xurxo III (1760-1820)
A primeira emisión da moeda de cinco libras, ou quíntuplo soberano, posterior á reforma monetaria de 1816 tivo lugar en 1820 aínda que só como cuñaxe de proba, coa efixie de monarca Xurxo III (1760-1820). O seu anverso amosaba o busto do rei ollando cara á dereita, rodeado pola lenda GEORGIUS III D G BRITANNIAR REX F D ("Xurxo III, pola graza de Deus, rei dos británicos, defensor da fe") e coa data no exergo, en tanto que o reverso representaba unicamente o deseño de San Xurxo e o dragón de Pistrucci, ocupando todo o campo da moeda, sen a data nin lenda ningunha. Este deseño aparecera por primeira vez no soberano de 1817, aínda que daquela rodeado por unha fita que portaba como lenda HONI SOIT QUI MAL Y PENSE ("Deshonrado sexa quen pense mal"), o lema da Orde da Xarreteira.[11] O deseño vai asinado nesta primeira emisión da moeda por Pistrucci, en tanto que gravador, co seu apelido completo, no anverso baixo o truncamento do pescozo do monarca e no reverso baixo o deseño de San Xurxo e o dragón na parte inferior esquerda. Aparecen tamén as siglas W.W., correspondentes ao mestre de ceca William Wellesley-Pole, dentro do deseño, por riba da lanza rota.[12]
O autor numismático Richard Lobel, ao describir a peza de cinco libras de 1820, sinalou que nunha copia do libro de G. F. Crowther A Guide to English Pattern Coins (1887), presentada a unha persoa descoñecida cos cumprimentos do editor, hai unha anotación a lapis que di que o traballo na peza de 1820 se completou uns días antes do falecemento de Xurxo III, e despois de que Pistrucci, camiñando cara á súa casa o día da morte do rei, oíse as campás da igrexa que anunciaban o pasamento. Daquela regresou á Royal Mint e deu instrucións para que se cuñasen algunhas moedas de cinco libras á mañá seguinte. Lobel describiu este feito como un "episodio fascinante da historia numismática".[13]
Gravador: William Wyon (A/) e Jean Baptiste Merlen (R/).
Ceca: Royal Mint, Londres.
Tiraxe: 150 exemplares (proof).
Metal: ouro (916 milésimas).
Diámetro: 36,02 mm.
Peso: 39,96 g.
Canto: DECUS ET TUTAMEN ANNO REGNI SEPTIMO
Pola súa banda, o numismáticoEdward Hawkins, nun traballo seu de 1850 describía tamén de xeito dramático o que el consideraba uns heroicos esforzos para asegurar que realmente se puidesen chegar a cuñar as probas dos dobres soberanos e dos quíntuplos soberanos antes do falecemento do rei. Mais William John Hocking e outros eruditos que se encargaron do estudo deste asunto con posterioridade concluíron que os cuños non se completaron ata despois da morte do monarca, o 29 de xaneiro de 1820.[15]
Un espécime desta moeda acadou nunha poxa numismática celebrada en outubro de 2021 a cantidade de 635.000 libras esterlinas.[16]
Xurxo IV (1820-1830)
A seguinte emisión do quíntuplo soberano foi durante o reinado de Xurxo IV (1820-1830), en 1826, dispoñible unicamente formando parte da serie dese ano emitida para os coleccionistas, en versión proof —cun acabamento especial de fondo espello e relevo mate—. Coñécese tamén un rarísimo exemplar que amosa a data de 1829.[17]
O anverso do quíntuplo soberano de Xurxo IV amosa no anverso a efixie espida do rei ollando cara á esquerda, rodeada pola lenda GEORGIUS IV DEI GRATIA ("Xurxo IV pola graza de Deus"...), en tanto que o reverso representa o escudo do Reino Unidocoroado, dentro dunha capa, rodeado pola continuación da lenda iniciada no anverso; BRITANNIARUM REX FID DEF ("...rei dos británicos, defensor da fe").[17]
Canto: DECUS ET TUTAMEN ANNO REGNI TERTIO ou liso.
Ao longo do canto desta moeda de 1826 lese a inscrición DECUS ET TUTAMEN ANNO REGNI SEPTIMO ("Gloria e salvagarda; sétimo ano do reinado"), en tanto que o único exemplar coñecido da de 1829 ten o canto liso.[17]
Non se emitiron moedas de cinco libras durante os reinados do seu sucesor, Guillerme IV (1830-1837).[17]
Emisións da época vitoriana (1837-1901)
A seguinte moeda deste valor non apareceu ata principios do reinado de Vitoria (1837-1901), cando se cuñou a que Richard Lobel considera unha das máis famosas e atractivas de todas as moedas británicas. Lobel describe esta peza, coñecida como Una and the Lion, como unha moeda "de culto".[17] A representación de Una and the Lion aparece na epopea do século XVI de Edmund SpenserThe Faerie Queene ("A raíña das Fadas"). O anverso da moeda de cinco libras amosa a cabeza da raíña na súa xuventude, ollando cara á esquerda, rodeada pola lenda VICTORIA D G BRITANNIARUM REGINA F D ("Vitoria, pola graza de Deus, raíña dos británicos, defensora da fe"), en tanto que o reverso reproduce a Una guiando o león cara á esquerda, coa lenda DIRIGE DEUS GRESSUS MEOS ("Que o Señor dirixa os meus pasos"), aínda que nalgúns exemplares a lenda amosa a variante de DIRIGIT DEUS GRESSUS MEOS ("O Señor dirixe os meus pasos"). No exergo do reverso amósase a data de emisión en numeración romana: MDCCCXXXIX (1839).[19]
O canto leva nalgúns exemplares a inscrición DECUS ET TUTAMEN ANNO REGNI TERTIO ("Gloria e salvagarda; terceiro ano do reinado") e noutros amósase liso.[19]
Estas moedas cuñáronse por encarga e estiveron dispoñibles para a súa venda pola Real Casa da Moeda de Londres ata 1886, cunha tiraxe de 400 exemplares producidos exclusivamente con acabamento especial proof.[20] En 2021 vendeuse un espécime deste primeiro modelo do quíntuplo soberano de Vitoria, en condicións de conservación e atractivo excepcionais, por 1,44 millóns de dólares.[19]
A representación de San Xurxo e o dragón de Pistrucci volveu á moeda de cinco libras en 1887, como parte da serie de moedas do Xubileu de Vitoria do Reino Unido, cun anverso deseñado por Joseph Edgar Boehm.[17] A nova moeda leva a inscrición VICTORIA D G BRITT REG F D ("Vitoria, pola graza de Deus, raíña dos británicos, defensora da fe").[23] A forma abreviada de Britanniarum amósase nesta moeda como BRITT en lugar de cun só "T", como etra habitual noutras emisións, xa que o político e erudito clásico William Ewart Gladstone sinalara ao respecto que a abreviatura dun substantivo plural latino debía rematar cunha consoante dobre.[24]
O quíntuplo soberano de 1887 supuxo a primeira vez que unha moeda deste valor facial se puña ao dispor da poboación ao seu valor nominal, xa que as emisións anteriores foran emitidas en todos os casos como modelos ou moedas de proba.[25] Ademais das moedas dispoñibles para a súa adquisición ao seu valor nominal, cuñáronse tamén moedas con acabamento especial proof como parte do xogo de presentación de 1887.[17]
Porén, nin as moedas de cinco libras nin de dúas libras circularon en gran medida, senón que máis ben foron conservadas pola poboación, principalmente como recordo.[26] Así e todo, a emisión de 1887 converteu a moeda de cinco libras na de valor facial máis alto en circulación en Gran Bretaña.[25]
Ademais da cuñaxe estándar realizada na Casa da Moeda de Londres, algunhas das moedas de cinco libras de 1887 foron cuñadas na Casa da Moeda de Sydney, en Australia, e estas amosan a marca de ceca "S" no seu reverso, na parte inferior do deseño, por riba da data. Trátase de pezas dunha rareza extrema, xa que só se coñecen dous exemplares, ambos en mans privadas: un deles vendeuse en 2021 por 660.000 dólares.[27]
O deseño do reverso de Pistrucci utilizouse novamente en 1893, cando paro anverso utilizou a coñecida como "cabeza anciá" da raíña Vitoria, obra de Thomas Brock , rodeada pola lenda VICTORIA DEI GRA BRITT REGINA FID DEF IND IMP ("Vitoria, pola graza de Deus, raíña dos Británicos, defensora da fe, emperatriz da India"). Pola súa banda, o canto, do mesmo xeito que no caso da moeda do Xubileu, é estriado.[29] Vitoria amosara o seu desexo, a partir de 1888, de que fose representada nas moedas británicas co seu título de emperatriz da India, concedido pola Lei de Títulos Reais de 1876,[30] e o 12 de febreiro de 1892, o primeiro ministro Robert Gascoyne-Cecil escribiulle:[31]
“
Os servidores da Súa Maxestade opinan que o título de emperatriz da India, que indica, como é o caso, a relación da Súa Maxestade coa maior parte dos seus súbditos, debería aparecer na moeda, en forma das letras IND IMP ou I. I., ou algunha abreviatura similar.
”
IND IMP, abreviatura de INDIAE IMPERATRIX ("emperatriz da India"), foi a forma escollida para a emisión de 1893,[31] que estaba dispoñible tanto ao seu valor nominal como nunha serie cuñada con acabamento proof.[32]
Primeira metade do século XX
Eduardo VII (1901-1910)
Logo do falecemento da raíña Vitoria en xaneiro de 1901, iniciáronse os preparativos para a cuñaxe do quíntuplo soberano a nome do novo monarca, o seu fillo Eduardo VII (1901-1910), cun anverso a cargo do gravador xefe da Royal Mint, George William de Saulles, que se puxo en circulación a modo de emisión de proclamación o 1 de xaneiro de 1902. Os responsables da Real Casa da Moeda de Londres decidiran facer o menor número posible de cambios para as novas emisións monetarias a nome de Eduardo, polo que o clásico reverso de Pistrucci continuou para todas as moedas de ouro.[33]
As moedas de cinco libras distribuíronse tanto ao seu valor nominal como en versión proof, cuñadas estas últimas para formar parte dos xogos de presentación elaborados en conmemoración da coroación de Eduardo VII. A lenda do anverso é EDWARDVS VII D G BRITT OMN REX F D IND IMP ("Eduardo VII, pola graza de Deus, rei de todos os británicos, defensor da fe, emperador da India"). A palabra OMN —abreviatura de omnium, que significa "de todos"—, engadiuse despois de BRITT en recoñecemento da axuda do Imperio durante a Guerra dos Bóers; estas palabras apareceron por derradeira vez nas emisións monetarias británicas en 1953. Durante o reinado de Eduardo, só se cuñaron moedas de cinco libras en 1902.[33]
Ademais da tiraxe estándar producida na Real Casa da Moeda de Londres, a Casa da Moeda de Sydney levou a cabo unha reducidísima tiraxe de tres exemplares, coa marca de ceca "S" no reverso —na parte inferior do deseño e por riba da data—, o que as converte nunha das grandes rarezas da serie de quíntuplos soberanos británicos.[36] Esta emisión conmemorativa da Ceca de Syney, con motivo da coroación de Eduardo VII, é a única do quíntuplo soberano nesa ceca australiana, xunto coa xa vista do Xubileu da raíña Vitoria de 1887. Logo do pechamento da Casa da Moeda de Sydney en 1926, os cuños desta moeda foron levados á Casa da Moeda de Melbourne e é probable que fosen utilizados tamén alí antes de seren inutilizados e enviados á Colección Dixon, de Sydney, actualmente na Biblioteca Estatal de Nova Gales do Sur.[35]
Xurxo V (1910-1936)
En 1911 houbo unha nova emisión da moeda de cinco libras, que non entrou en circulación, xa que se distribuíu exclusivamente formando parte das series con acabamento proof en conmemoración da coroación do novo monarca, Xurxo V (1910-1936). Descoñécese o motivo polo que nesta ocasión non se emitiron exemplares con acabamento ordinario para a súa distribución ao seu valor facial, como estaba a ocorrer nas emisións anteriores. A de 1911 foi a única emisión do quíntuplo soberano producida baixo o reinado de Xurxo V. O busto do monarca que caracteriza o seu anverso é obra do escultor australiano Bertram Mackennal, e a lenda non foi alterada con respecto á anterior emisión de Eduardo VII, bardante para substituír o nome do monarca: GEORGIVS V. Para o reverso, mantívose tamén o deseño de Pistrucci.[37][38]
Tras o pasamento do rei Xurxo V en 1936, comezaron os preparativos para a cuñaxe da moeda do seu fillo e sucesor, Eduardo VIII (1936-1936). O novo rei desexaba que o seu perfil estivese orientado cara á esquerda nas novas moedas ao seu nome, do mesmo xeito que se fixera coas do seu pai, feito este que rompería a tradición de inverter a dirección do busto do monarca ao comezo dun novo reinado, que se remontaba a 1660. Logo dunha longa correspondencia entre o rei e o daquela ministro de Facenda, Neville Chamberlain, Eduardo VIII viu cumprido o seu desexo e o deseño das moedas ao seu nome foi aprobado co seu busto orientado cara á esquerda, obra de Humphrey Paget. Novamente, acordouse a utilización do reverso de Pistrucci. Chegaron a cuñarse na Casa da Moeda de Londres dous exemplares en proba da moeda de cinco libras, coa data adiantada de 1937, mais a abdicación do rei en decembro de 1936 puxo fin aos preparativos. Posteriormente, o propio Eduardo solicitou que se lle preparase un xogo completo de moedas cos modelos que xa estaban preparados, mais o seu irmán e sucesor, Xurxo VI (1936-1952), negou tal posibilidade.[40]
Xa que logo, os dous únicos exemplares cuñados a modo de proba converten a moeda de cinco libras de 1937 a nome de Eduardo VIII nunha peza extremadamente rara, a clave da serie do quíntuplo soberano desde a súa creación en 1820. Ambos os exemplares forman parte de coleccións privadas. Un deles vendeuse en 2021 por 2.280.000 dólares,[40] o que constitúe un récord para unha moeda británica.[41]
Xurxo VI (1936-1952)
A lenda da moeda de cinco libras de Eduardo VIII era idéntica á do reinado anterior agás polo nome e a data, e o mesmo ocorreu na posterior emisión a nome do seu sucesor, Xurxo VI (1936-1952), cuxa moeda de cinco libras presenta un busto deseñado por Humphrey Paget ollando cara á esquerda e igualmente co reverso de Pistrucci. O quíntuplo soberano de Xurxo VI cuñouse unicamente en 1937, con canto liso, e non se puxo en circulación,[42] xa que unicamente se distribuíu formando parte dos xogos con acabamento proof emitidos co gallo da coroación do novo monarca;[43][44] de feito, o ouro desaparecera xa da circulación ordinaria en Gran Bretaña dúas décadas antes.[45]
Isabel II e Carlos III
Isabel II (1952-2022)
O reinado da raíña Isabel II (1952-2022) arredouse da práctica habitual na emisión de moedas de ouro, pola cal os catro valores cuñados neste metal —o medio soberano, o soberano, o dobre soberano e o quíntuplo soberano— estaban ao dispor do público no mesmo ano da coroación do monarca. Nesta ocasión, a moeda de cinco libras cuñouse en 1953[46] —o ano da súa coroación— unicamente cun número moi reducido de exemplares, para lle dar continuidade á serie, e despois novamente en 1957, co busto de Isabel no anverso deseñado por Mary Gillick e o habitual reverso de Pistrucci, mais ningunha destas dúas primeiras emisións se puxo ao dispor da poboación. A tiraxe de 1953 levaba no anverso a lenda ELIZABETH II DEI GRA BRITT OMN REGINA F D ("Isabel II, pola graza de Deus, raíña de todos os británicos, defensora da fe"), mais esta foi modificada para 1957, coa supresión da secuencia BRITT OMN ("de todos os británicos").[47] Este cambio levouse a cabo para recoñecer a evolución da Commonwealth británica, da que daquela formaban parte xa algunhas repúblicas.[48] A redacción resultante continuou utilizándose en adiante nas moedas de Isabel II, con diversas variacións nas abreviaturas.[49]
Non se cuñaron máis moedas de cinco libras de ouro ata 1980, nove anos despois da decimalización do sistema monetario.[51] A Real Casa da Moeda de Londres decatouse de que existía un mercado para as moedas da serie dos soberanos de ouro e comezou a comercializalas no ámbito do coleccionismo numismático a un prezo moi superior ao do seu valor nominal.[52] Entre 1980 e 1984, as moedas de ouro de 5 libras ou quíntuplo soberano vendéronse todos os anos, agás en 1983, ás veces nun xogo de catro pezas —xunto cos outros tres valores faciais en ouro— e outras veces de xeito individual. Ata 1984 utilizouse para o anverso o retrato de Isabel obra de Arnold Machin, en tanto que no reverso se mantiña o tipo do San Xurxo e o dragón de Pistrucci.[50] A cuñaxe do quíntuplo soberano continuou entre 1985 e 1997, cunha tipoloxía case idéntica, mais cun busto da raíña renovado, creado por Raphael Maklouf,[53] excepto na emisión de 1989, na que se utilizaron deseños especiais de Bernard Sindall na honra do 500 aniversario da creación do soberano de ouro.[54][51][55][56]
Durante a década de 1990, houbo outras cinco emisións do quíntuplo soberano non ordinarias, senón conmemorativas de eventos diversos e creadas por deseñadores diferentes: o 90º aniversario da raíña nai (1990, R. D. Macklouf e L. Durbin),[57] o 40º aniversario da coroación de Isabel II (1993, R. D. Macklouf e R. Elderton),[58] o 70º aniversario do seu nacemento (1996, R. D. Macklouf e A. Vaughan),[59] as vodas de ouro da parella real (1997, P. Nathan e L. Durbin)[60] e o 50º aniversario do nacemento do daquela príncipe Carlos (1998, I. Rank-Broadley, M. Noakes e R. Elderton). [61]
A partir de 1998 retomouse a emisión da serie ordinaria do quíntuplo soberano ou moeda de cinco libras de ouro, co clásico deseño de Pistrucci no reverso e un retrato actualizado da raíña no anverso, xa na súa ancianidade, creado por Ian Rank-Broadley,[62] que se mantivo ata 2015,[63][64] O deseño de Pistrucci mantívose tamén no reverso das moedas da serie regular, aínda que en 2009 sufriu uns pequenos axustes para o asemellar máis ao modelo orixinal de 1820, co apelido completo do deseñador á esquerda da data e cun bordo máis ancho.[56]
A partir de 1999 xeneralizouse a emisión de moedas de ouro de cinco libras de carácter conmemorativo, que nalgunhas ocasións conservan o deseño de Rank-Broadley ou o de Pistrucci no reverso, e noutras ocasións amosan deseños totalmente novos para ambas as faces. Entre 1999 e a morte de Isabel II producíronse máis dun cento de cuñaxes desta moeda en conmemoración dos máis diversos acontecementos e personaxes.[65][66][67][68][69]
En 2022, no derradeiro ano de emisións de Isabel II, a Real Casa da Moeda de Londres cuñou unha moeda de ouro de cinco libras deseñada por John Bergdahl, cun anverso que amosa a raíña de corpo enteiro e a cabalo, e un reverso cunha interpretación das armas reais británicas. Este novo deseño, utilizado para toda a serie do soberano —desde o medio soberano ata o quíntuplo soberano—, emitiuse en conmemoración dos 70 anos do reinado de de Isabel II (Xubileu de Platino).[70][71][72]
Carlos III (desde 2022)
O mesmo 2022, logo do falecemento de Isabel II, a Royal Mint emitiu moedas conmemorativas da serie de soberanos, incluído o quíntuplo soberano ou moeda de cinco libras, tamén cunha interpretación das armas reais no reverso, aínda que nesta ocasión realizada por Jody Clark, e no anverso o primeiro retrato aparecido do seu fillo e sucesor, Carlos III, obra de Martin Jennings. Rodeando o busto de Carlos III ollando cara á esquerda, o anverso leva a inscrición CHARLES III DEI GRA REX FID DEF ("Carlos III, pola graza de Deus rei, defensor da fe").[73][74]
En 2023 cuñouse unha moeda de ouro de cinco libras conmemorativa da coroación de Carlos III, cun retrato coroado do rei no anverso, realizado por Jennings, e o habitual reverso de San Xurxo e o dragón, deseñado por Pistrucci, no reverso.[75][76]
Lobel, R. (ed.) (1999) [1995]. Coincraft's Standard Catalogue English & UK Coins 1066 to Date (5ª ed.). Standard Catalogue Publishers, Londres. ISBN 978-0-9526228-8-8
Mussell, J. W. (ed.) (2016). The Coin Yearbook 2017. Token Publishing Ltd.,Exeter. ISBN 978-1-908828-30-9
Marsh, M. A. (2017) [1980]. The Gold Sovereign. Token Publishing Ltd., Exeter. ISBN 978-1-908828-36-1
Seaby, P. (1985). The Story of British Coinage. B. A. Seaby Ltd., Londres. ISBN 978-0-900652-74-5
Skellern, S. (2013). "The Coinage of Edward VII, Part I". En Coin News. Outubro. Páxinas 31-33.
Spink & Son Ltd. (2004). Coins of England and the United Kingdom (39ª ed.). Spink & Son Ltd., Londres. ISBN 978-1-902040-56-1
Spink & Son Ltd. (2017). Coins of England and the United Kingdom, Decimal Issues (3ª ed.). Spink & Son Ltd., Londres. ISBN 978-1-907427-99-2
Stocker, M. (1996). "The Coinage of 1893". En British Numismatic Journal. 66. Páxinas 67-86.