Pokémon Diamond Version (en xaponés: ポケットモンスター ダイヤモンド; Poketto Monsutā Daiyamondoe) e Pokémon Pearl Version (en xaponés: ポケットモンスター パール; Poketto Monsutā Pāru) son dous videoxogos de rol de 2006 desenvolvidos por Game Freak e publicados por The Pokémon Company e Nintendo para a consola Nintendo DS. Lanzouse orixinalmente no Xapón o 28 de setembro de 2006, e posteriormente foi lanzado en América do Norte, Australia e Europa ó longo do ano seguinte. Pokémon Platinum, unha versión mellorada, lanzouse ó mercado dous anos despois en cada rexión.
Ó igual que os xogos anteriores de Pokémon, Diamond e Pearl xiran arredor das aventuras dun adestrador Pokémon que captura e loita cos Pokémon ó mesmo tempo que frustra os plans dunha organización criminal chamada "Team Galactic". O xogo engade moitas características novas, como xogar en Internet a través de Nintendo Wi-Fi Connection, cambios na mecánica dos concursos Pokémon, ademais de 107 Pokémon novos. Os xogos son independentes entre eles, mais presentan en gran parte a mesma trama, e aínda que ámbolos dous se poden xogar por separado, é preciso intercambiar entre eles para completar a Pokédex.
O desenvolvemento de Diamond e Pearl anunciouse nunha conferencia de prensa de Nintendo a finais de 2004. Os xogos foron deseñados tendo en conta as características de Nintendo DS. O seu lanzamento estaba previsto en 2005 no Xapón, mais finalmente foi adiado a 2006, cadrando co décimo aniversario do nacemento da franquía. Para promocionar os xogos, Nintendo vendeu unha edición limitada de Nintendo DS Lite no Xapón, e tamén realizou unha festa de celebración para o lanzamento en América do Norte.
Os xogos recibiron valoracións favorables por parte da crítica. A maioría das recensións eloxiaron o engadido da característica do wifi, e malia que o modo de xogo non supuña unha grande evolución respecto dos títulos anteriores, seguía a ser interesante. Os xogos tiveron un grande éxito comercial, superando as cifras dos predecesores de Game Boy Advance: con preto de 18 millóns de unidades vendidas en todo o mundo, Diamond e Pearl superaron en dous millóns as unidades de Pokémon Ruby e Sapphire e en case 6 millóns as unidades de Pokémon FireRed e LeafGreen. Ademais superaron ós seus sucesores, Pokémon Black e White en máis de 2 millóns de copias. Os xogos están entre os máis exitosos de Pokémon de tódolos tempos.[1]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
|
---|
|
Serie orixinal | | |
---|
Serie spin-off | |
---|
|