Philipp Schwartzerdt naceu en Bretten en 1497 e cursou estudos nas universidades de Heidelberg e Tubinga. Ao ingresar no primeiro de ditos centros aos doce anos de idade, o seu tío, o humanista e hebraísta Johannes Reuchlin, aconselloulle que cambiase o seu nome pola súa tradución ao grego Melanchthon (Μελάγχθων), "terra negra".[2] En Heidelberg estudou filosofía, retórica e astronomía/astroloxía, e comezou a ser coñecido como estudoso do grego.[3]
Grazas á influencia do seu tío, en 1518 obtivo a cátedra de lingua grega na Universidade de Wittenberg. O discurso que pronunciou ao acceder á mesma atraeu notabelmente a atención de Martiño Lutero, catedrático de Teoloxía Bíblica en Wittenberg dende 1512 e que exerceu unha fonda influencia nel. Estudou teoloxía e licenciouse en 1519. En 1521 escribiu Loci communes rerum theologicarum, un relatorio a favor da reforma protestante, e substituíu a Lutero como líder desa causa en Wittenberg cando o seu mentor foi confinado no castelo de Wartburg. En 1526 converteuse en catedrático de teoloxía e participou, con outros vinte e sete delegados, na unificación das constitucións das igrexas reformadas de Alemaña.
Philipp Melanchthon foi o creador da palabra "psicoloxía" para designar a disciplina á que se refería como "o estudo da alma". Partindo do radical grego psykho ("alma"), derivado á súa vez de psykhé ("soplo de vida", "alento"), máis o sufixo loxía ("ciencia", "disciplina", "tratado"), formado a partir de logos ("palabra"). A partir do século XVII, coa oposición dos pensadores da época comezou a empregarse a palabra como "estudo do funcionamiento da mente humana" ou do "comportamento humano". Non foi ata a partir do segundo cuarto do século XIX cando a disciplina foi aceptada no ámbito científico.
Como representante da Reforma ante a dieta de Augsburgo, en 1530 presentou as Confesións de Augsburgo, 28 artigos de fe redactados en colaboración con Lutero. O ton dese credo era tan conciliador que sorprendeu mesmo os católicos. Un ano despois publicou unha apoloxía en defensa da Confesión de Augsburgo, profundizando nalgúns dos seus aspectos específicos en Variacións (1540). Debido á súa intención de lograr un entendemento entre protestantes e católicos ou polo menos entre as distintas faccións protestantes, os seguidores máis estritos do luteranismo consideraron heréticas as súas opinións. Foi comprensivo coa doutrina evanxélica e durante un tempo conservou a maioría das cerimonias católicas por consideralas adiaphora ("cousas indiferentes"), é dicir, materias de escasa transcendencia que era mellor tolerar, polo que os seus seguidores foron chamados adiaforistas.[4]
Últimos días
O carácter humanista de Melanchton foi moi resistido polos teólogos luteranos ortodoxos, veteranos das primeiras batallas. Así e todo, logrou reunir gran cantidade de discípulos que mantiveron, propagaron e mesmo perfeccionaron as súas propostas.
Philipp Melanchton faleceu en Wittenberg o 16 de abril de 1560.[5] Morreu orando pola unión das igrexas "en Cristo" e queixándose pola rabies theologorum ("a rabia dos teólogos") do seu propio campo, que dende a morte de Lutero libraran batalla contra el.
Kolb, Robert (2012). "Melanchthon's Doctrinal Last Will and Testament: The Responsiones ad articulos Bavaricae inquisitionis as His Final Confession of Faith". En Dingel, Irene; Kolb, Robert; Kuropka, Nicole; Wengert, Timothy J. Philip Melanchthon: Theologian in Classroom, Confession, and Controversy. Göttingen: Vandenhoeck & Ruprecht. pp. 141–160. ISBN978-3-525-55047-2.