Paradela sitúase no suroeste da provincia de Lugo, entre o val do río Miño e a depresión de Sarria. Limita ao norte co Páramo, ao sur con Bóveda e O Saviñao, ao leste con Sarria e O Incio, e ao oeste con Taboada e Portomarín. Ten uns 121,12 km²,[1] repartidos en 18 parroquias.
Polo oeste pasa o río Miño, e atravesando a parte norte está o río Loio. O punto máis alto é Pena Ventureira (838 m), sendo a altitude media do concello de 600 m.
A campá representa a de San Miguel, á que sempre se lle atribuíu unha axuda milagreira nos partos dificultosos.
A grande Cruz de Santiago, no centro, lembra o paso do camiño francés a Santiago de Compostela polo concello, onde houbo importantes hospitais de peregrinos, así como unhas das primeiras posesións e casas matrices da Orde.
Os dous castiñeiros representan a destacada riqueza forestal de Paradela.
Segundo Nicandro AresParadela é o nome do concello e de catro parroquias, mais non de ningún lugar. É un diminutivo de parada (latín parata) nun camiño,[2] como o Camiño de Santiago.