A poboación do concello de Folgoso do Courel é eminentemente avellentada cunha idade media de 57,62 anos. Pola contra, a idade media minguou no último lustro en 0,54 anos e a poboación menor de 16 anos pasou de ter un mínimo de 31 censados no 2016 a 48 no 2022-
Evolución da poboación de Folgoso do Courel Fontes: INE e IGE.
1900
1930
1950
1981
2004
2009
2011
2012
2013
2014
2015
2016
2017
2018
2019
2020
2021
2022
2023
6.413
5.785
5.479
2.191
1.397
1.233
1.211
1.160
1.136
1.106
1.089
1.060
1025
1.018
1.024
1.007
989
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)
Xeografía
A serra do Courel é unha cordilleira montañosa situada no sueste da provincia de Lugo, que se estende tamén polos concellos de Quiroga e Pedrafita do Cebreiro. Ten uns 212 km², con fortes variacións de altitude, desde os 400 m no val do río Lor aos 1600 m en picos como Montouto, Formigueiros (1643 m) ou Pía Paxaro (1610 m). O río Lor e varios afluentes seus forman ricos vales con diversos ecosistemas, que fan desta serra a reserva botánica máis importante de Galiza.
Patrimonio natural
Folgoso do Courel ten unhas paraxes naturais de alto valor no eido da espeleoloxía.
A sima de Aradelas está na localidade de Campelo (a 9 km de Seoane), e con 128 metros é a cova máis profunda de Galicia. A cova de Tralacosta ten salas subterráneas con estalactitas e estalagmitas. A cova da Ceza encóntrase en Noceda (a 8 km de Seoane) e ten uns 680 metros de lonxitude, con grandes salas comunicadas por pasos estreitos a través dos que flúe un rego procedente dunha lagoa de 25 metros de profundidade localizada ao final. A Buracada das Choias está en Visuña (a 15 km de Seoane), e ten un percorrido de 30 metros por unha única galería. A cova do Oso está en Moreda, aos pés duns resaltes rochosos. Ten interese arqueolóxico, pois nela atopáronse restos de cerámica. A cova de Teixeira, de gran profundidade, está no lugar da Poza.
Patrimonio arqueolóxico
No concello hai diversos restos de poboados castrexos. No castro de Vilar destacan as súas murallas defensivas. Nel atopáronse restos de cerámica. O castro da Torre está próximo á localidade de Sobredo. O castro de Miraz ten unhas murallas de grande altura e no seu interior foron atopadas numerosas sepulturas. O castro de Torexe está en Visuña. No catastro de Ensenada dise que era onde se reunía a xustiza ordinaria da comarca.