O Mundial de Fútbol de 1950 foi a cuarta edición do campionato do mundo de seleccións internacionais de fútbol, a Copa do Mundo da FIFA. Celebrouse no Brasil, após un parón de doce anos por mor da segunda guerra mundial, entre o 24 de xuño e o 16 de xullo de 1950. En homenaxe aos vinte e cinco anos de presidencia de Jules Rimet da FIFA, o trofeo do campionato foi bautizado co nome de "Copa Jules Rimet". Nesta edición estaba programada a participación de dezaseis seleccións, mais debido a varios abandonos tan só participaron trece: seis europeas e sete americanas. Entre os participantes destacou o retorno do Uruguai, ausente nas dúas edicións precedentes, e o debut de Inglaterra despois de que as federacións británicas reingresasen na FIFA.
Esta edición contou cun formato de catro grupos, onde os equipos xogaban todos contra todos nun sistema de liga. A novidade foi a fase final, sendo esta a única edición do torneo onde non se disputou unha final. Así, os campións de cada un dos catro grupos, o Brasil, España, Suecia e o Uruguai, tiveron que disputar outra fase de liga de todos contra todos. É especialmente lembrado nesta edición o encontro decisivo polo campionato disputado entre o Uruguai e o Brasil, máis coñecido como o "Maracanaço".[1] Aos brasileiros chegaballes o empate, mentres que aos seus rivais só lles valía gañar. Ante case 200.000 espectadores, os tantos de Schiaffino e Ghiggia deron ao Uruguai o seu segundo título de campión.
Antecedentes e elección
Tras a celebración da Copa do Mundo de 1938 en Francia, comezouse a elección da sede da seguinte edición de 1942. Para a celebración do torneo presentaran candidatura Alemaña, a Arxentina e o Brasil. A decisión de quen ía ser o anfitrión estaba prevista para o congreso da FIFA de xuño de 1938. Porén, o seu presidente, Jules Rimet, adiou a xuntanza para o ano 1940. Con todo, o estoupido da segunda guerra mundial un ano antes fixo que todo ficase suspenso sen saber cando se ía poder retornar.[2] Cando a guerra finalizou en 1945, a FIFA retomou os preparativos para celebrar unha nova Copa Mundial o antes posíbel, programando un congreso ao ano seguinte en Luxemburgo. Alí discutiuse que Suíza acollese a cuarta edición, prevista en principio para 1949. Porén, a proposto non era viábel a curto prazo no país helvético, xa que non contaba estadios suficientes para un evento internacional.
En xuño de 1946 o Brasil presentou a única candidatura para dar solución ao problema de falta de sedes. O proxecto para esta candidatura era moi semellante ao que xa presentara en 1942.[2] O presidente do Brasil naquela altura, Getúlio Vargas, obtivo tamén o apoio do líder arxentino Juan Domingo Perón en troques de que o seguinte evento organizado en América fose no seu país. Ademais, propuxeron que a Copa se celebrase en 1950 para garantir o maior número posíbel de participantes. Un dos problemas da candidatura era que o Brasil non contaba cun recinto o suficientemente grande para albergar un evento tan masivo, polo que para solucionalo decidiuse construír un novo estadio, o Estádio do Maracanã, o cal que ía ser o máis grande do mundo con capacidade para 200.000 espectadores.[2] Finalmente, o 25 de xullo de 1946, os dirixentes da FIFA elixiron por unanimidade as únicas candidaturas presentadas: o Brasil para a edición de 1950 e Suíza para 1954. Tamén se aprobou que o trofeo do campionato adoptase o nome de Copa Jules Rimet en homenaxe aos seus 25 anos de presidencia e o reingreso na FIFA das catro federacións británicas.
Clasificación
En total, inscribíronse trinta e catro seleccións á fase de clasificación para dezaseis prazas. Os campións da última edición, Italia, e o anfitrión, Brasil, clasificáronse automaticamente, polo que quedaron en xogo catorce prazas libres. Previamente a FIFA decretara que Alemaña e o Xapón non podían xogar polo seu papel na segunda guerra mundial como potencias do Eixo. En troques, non sucedeu o mesmo con Italia: a FIFA tiña interese no equipo xa que eran os defensores do título e o dirixente da súa Federación, Ottorino Barassi, custodiara o trofeo da Copa durante o conflito. Por outro lado, Austria non estaba sometida a ningunha sanción e a Unión Soviética non quixo tomar parte. Cómpre destacar que a selección da rexión do Sarre, foi aceptada pola FIFA tan só dúas semanas antes da competición, polo que non puido participar na fase de clasificación.
Por outra banda, as catro asociacións do Reino Unido (Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte) xogaron por primeira vez a fase clasificatoria despois do seu reingreso na FIFA. Neste caso, permitiuse que a edición 1949−50 do seu campionato propio, o British Home Championship, servise como grupo clasificatorio con dúas prazas directas. Inglaterra e Escocia chegaron á última xornada coas dúas primeiras prazas aseguradas, aínda que a federación escocesa tiña antes do torneo que só viaxaría ao Brasil se eran campións.[3] Ao non darse esa situación, Inglaterra foi finalmente o único representante británico.
No resto de Europa, varios países abandonaron a rolda previa por motivos económicos, pouco favorables ao gasto que supuña o desprazamento en plena posguerra. España, Italia, Suecia, Suíza e Iugoslavia conseguiron o pase sen problemas, mais Turquía, campioa do grupo 2, ausentouse ao alegar "dificultades insalvábeis". Para cubrir as baixas de Escocia e Turquía, o comité organizador cursou senllas invitacións a Portugal e Francia. Os portugueses rexeitárona porque crían que debían gañala no terreo de xogo, mentres que os galos aceptaron en primeira instancia e despois renunciaron por razóns económicas.[4]
Seis estadios foron as sedes desta Copa Mundial, cada un situado nunha cidade distinta, todas capitais de estado. O estadio de máis grande desta edición foi o Estádio do Maracanã, en Río de Xaneiro. O estadio cuadruplicaba ao seguinte estadio con máis capacidade, o Estádio do Pacaembu de São Paulo, a cidade máis poboada do país.
A petición do Brasil, a FIFA aceptou mudar todo o formato de competición en 1947. No canto de xogar unha fase eliminatoria como nas dúas últimas edicións, os 16 participantes previstos dividiríanse en catro grupos de catro equipos cada un. En cada grupo, as catro seleccións enfrontaríanse unha vez entre si polo sistema de todos contra todos. Finalmente, pasaría de rolda o campión de cada grupo. A novidade chegou na fase final. Por primeira e única vez na Copa do Mundo, celebraríase unha liguiña entre os catro campións de cada grupo, de novo todos contra todos en tres xornadas. Esta última parte da proposta dividiu ao comité organizador, mais os brasileiros convencéronlles de que aumentaría tanto a emoción como a recadación. A edición de 1950 foi, polo tanto, a única da historia na que non se celebrou unha final, aínda que o Uruguai contra o Brasil da última xornada terminou sendo o partido decisivo.
Grupos
O sorteo dos grupos celebrouse o 22 de maio de 1950 en Río de Xaneiro. Despois do sorteo as federacións de fútbol de Francia e da India decidiron non participar no mundial. Non houbo tempo para invitar a outras seleccións, polo que o mundial xogouse con tan só 13 equipos, ficando o grupo 4 con dúas seleccións.[5]
Con oito tantos, o brasileiroAdemir foi máximo goleador do torneo. En total, anotáronse 88 goles por parte de 48 xogadores, con tan só un gol en propia meta. Por outra banda, o uruguaioAlcides Ghiggia converteuse no primeiro xogador en marcar gol en todos os partidos. O seguinte sería Jairzinho en 1970.[6]