Malia estaren dotadas de curso legal, na súa maioría non foron concibidas para o seu uso nos pagamentos correntes, dado que o seu prezo de compra está adoito por riba do seu valor nominal, senón que a súa emisión está destinada ao coleccionismo numismático e ao investimento.
En tanto que o Banco Nacional Suízo é o respondable de determinar as emisións de moedas para a circulación, no caso das moedas conmemorativas de colección é a propia Swissmint a que exerce esta responsabilidade. Os beneficios da comercialización das moedas conmemorativas son utilizados pola Confederación para o apoio financeiro a diversos proxectos culturais en Suíza.[1]
Tálero de tiro emitido con ocasión do Festival de Tiro de Coira, en 1842.
Antes de establecerse a Confederación, os diversos cantóns suízos tiñan a tradición de emitir os coñecidos como táleros de tiro (en alemán: Schützentaler; en francés: Écu de tir), en conmemoración dos festivais de tiro (en alemán: schützenfest; en francés: fête de tir), uns torneos moi populares naqueles cantóns.[2][3][4]
Estas moedas diferéncianse das medallas tamén emitidas para conmemorar os festivais de tiro por estaren suxeitas ás mesmas especificacións métricas que as demais moedas circulantes naquel momento. Ademais, todas elas amosan o seu valor facial, coa excepción das de Stans e Sankt Gallen, nas que non aparece expreso. Malia recibiren o nome de táleros, por coincidiren nas súas especificacións de diámetro, metal e peso, ningunha delas amosa o seu valor facial nesa antiga moeda, máis propia de Alemaña e de Austria. A primeira emisión dun tálero de tiro foi con motivo do festival de tiro de Coira en 1842, cun valor de catro francos; a segunda, emitida para Glarus, ten un valor facial de corenta batzen, e a terceira, do festival de tiro de Xenebra de 1851, é de dez francos. Ao longo do século XIX cuñáronse 18 deseños e, deles, todos os emitidos de 1855 a 1885 amosan a denominación de 5 francos.[2][3][4][5]
Moeda de 250 francos
En 1991, co gallo da celebración dos 700 anos do Pacto Federal de 1291, emitiuse unha moeda de 250 francos cuñada en ouro de 900 milésimas. Esta moeda, obra do artista Johannes Burla, é a de maior valor facial emitida ata o momento en Suíza.[6]
Dos 800.000 exemplaires previstos, finalmente só se chegaron a cuñar 490.000 espécimes desta moeda, dos cales, consonte as estatísticas da Casa da Moeda de Suía, na fin de 2009 só se conservaban 173.260.[7]
A partir de 2001 comezou a cuñarse unha nova serie de moedas conmemorativas de ouro con valor de 50 francos. A partir de 2004 adoptouse un reverso común para estas emisións, deseñado polo artista Roland Hirter.
A partir de 1991, a Swissmint comezou a lanzar unha nova serie de moedas conmemorativas de prata, co valor facial de 20 francos. Do mesmo xeito que no caso das moedas de 50 francos, a partir de 2004 adoptouse un reverso común para estas emisións, deseñado polo artista Roland Hirter.
Desde 2004, a Swissmint emite unha serie bimetálica anual de moedas conmemorativas de 10 francos, en substitución da serie similar de cinco francos, que deixou de emitirse en 2003. As moedas desta serie están cuñadas en dúas versións, unha con acabamento estándar, sen circular (s/c), que se inclúe nos xogos de presentanción das moedas circulantes anuais, e outras cun acabamento especial de fondo espello e relevo mate coñecido como Proof. O reverso de todas elas é obra do artista Roland Hirter
En 1936 comezou a emisión de moedas conmemorativas por parte da Casa da Moeda de Suíza, cuñadas en prata co valor de cinco francos, un formato que se mantivo, con diferentes modelos, ata 1963. Entre 1974 e 1990 as moedas conmemorativas de cinco francos cuñáronse en cuproníquel, e entre 1999 e 2003 este valor pasou a cuñarse en formato bimetálico. A partir dese ano, a serie foi substituída por outra, tamén bimetálica, xa con valor de 10 francos.