O Cantón dos Grisóns[1][2] (alemán: Graubünden, francés: Grisons, italiano: Grigioni, romanche: Grischun) é un cantón de Suíza. É o máis grande e máis oriental dos vinte e seis cantóns. É ademais o único cantón que ten tres linguas oficiais: alemán, italiano e romanche.
Xeografía
A superficie do cantón é de 7.105 km². Só un terzo desta área é considerada produtiva. Os bosques cobren cerca do 20% da área total. O cantón é case enteiramente montañoso, comprende a parte superior dos vales do Rin e do Inn. O punto máis elevado é o Bernina con 4.048 m.
Os vales da parte central son moi profundos, algúns deles son considerados os máis profundos de Europa.
O cantón limita ao norte co principado de Liechtenstein e coa república de Austria, ao sueste coa república de Italia, ao nordés cos cantóns de Sankt Gallen e Glarus, ao noroeste co cantón de Uri e ao suroeste co cantón do Tesino. A capital é Coira (Chur). As universalmente coñecidas cidades de Klosters, Davos e Sankt Moritz atópanse tamén no cantón dos Grisóns, destacándose o val oriental da Engadina como a zona que en territorio suízo mantén o ambiente máis natural.
Historia
Gran parte do territorio do cantón foi na antigüidade parte da provincia romana chamada Recia, que foi fundada o ano 15 a. C. Esta rexión formou parte logo da diocese de Coira.
En 1367 fundouse a Liga da Casa de Deus (Ca' di Dio, Cadi, Gottes Haus) co fin de resistir contra o crecente poder do bispo de Coira. Nesta data creouse outra liga, a liga Gris (Grauer Bund) ou tamén Oberbund en 1395 no val do río Rin. O nome de liga gris derívase da vestimenta gris da poboación autóctona, referencia que deu nome logo ao cantón. En 1436 fundouse unha terceira liga, a Liga das Dez Administracións (Zehngerichtebung), polos habitantes do ex condado de Toggenburg.[3]
O primeiro paso cara á constitución cantonal deuse cando a Liga das Dez Administracións aliouse coa liga da Casa de Deus en 1450. En 1471 as dúas ligas aliáronse coa Liga Gris.
Coa extinción da dinastía dos Toggenburg, os Habsburgo herdaron en 1496 as posesións dos Toggenburg, o que contribuíu a que as tres ligas se aliasen coa Confederación Suíza. Os Habsburgo foron derrotados en dúas ocasións, o que axudou a confederación, e ás ligas aliadas do Cantón dos Grisóns que foron recoñecidas.
Os últimos restos da xurisdición do bispo de Coira foron abolidos en 1526. Os territorios do cantón pasaron a formar parte da República Helvética, pero só foi en 1803 que o territorio foi declarado cantón. A constitución cantonal data de 1892.
Economía
A agricultura e o turismo son os alicerces da economía do cantón. A agricultura baséase principalmente na silvicultura. O turismo está concentrado na montaña, especialmente ao redor das cidades de Davos, Arosa, Laax, Sankt Moritz e Pontresina. Hai varios pobos que son coñecidos pola súa beleza e turismo, principalmente no estreito val da Engadina.
Ao redor de Coira hai unha industria vinícola importante.
Demografía
As linguas faladas[4] no Cantón dos Grisóns son: alemán 75%, romanche 15% e italiano 13%.
As dúas relixións máis importantes son: protestantismo e catolicismo. Desde o punto de vista relixioso, a poboación está practicamente dividida en dúas partes iguais.
Distritos
O cantón está dividido en 11 distritos (círculos comunais entre parénteses):